p/ Manuel Lago Álvarez.
O 23 de maio de 1962, e baixo a presidencia do entón Gobernador Civil da provincia, Don Evaristo Martín Freire, inaugurouse a nova lonxa do peixe. Acompañaban a autoridade provincial o conselleiro nacional do Movemento e presidente do Instituto Nacional de Previsión de A Coruña, don Rafael Salgado Torres, delegado provincial de Sindicatos, don Luís Segura Matos; delegado provincial do Instituto Social da Mariña, don Federico Novo González; xefe provincial do Sindicato da Pesca, don Carlos García Ramos; secretario do mesmo, don Emilio Montero de la Sierra, e outras representacións.
En Muros, o Gobernador e o seus acompañantes, foron recibidos polo Alcalde, don Fernando Rey Hermida; enxeñeiro de portos, don Ramón Molezún; axudante de Mariña, don Antonio Vez; delegado local de Sindicatos, don Luís Martín Trillo, patrón maior da confraría de Pescadores, don Manuel Lojo Lojo, coadxutor, don Manuel Martínez Riveiro, e outras representacións.
O Gobernador Civil, que foi recibido con vivas mostras de entusiasmo polos veciños, dirixiuse ao moderno edificio da lonxa onde, o xoven sacerdote, don Manuel Martínez Riveiro precedeu a bendición das instalacións. O Sr. Martín Freire recorreu detidamente as instalacións que comprenden a sala de subastas, almacén e báscula, planta baixa e oficinas no piso superior. O edificio construído a base de cantería e <baldolux>, ocupaba unha extensión de cincocentos metros cadrados e foi valorada a súa construción en 1.900.000 pesetas.
Despois de inaugurada a nova lonxa, a primeira autoridade provincial visitou a casa do Concello, e xa no salón de actos, presidiu unha importante xuntanza á que asistiu o vecindario.
O alcalde, Don Fernando Rey Hermida, pronunciou un sentido discurso no que agradeceu a visita a Muros do Gobernador Civil, ca que daba un exemplo máis por elevar o nivel de vida da comarca e sinalando que o Sr. Martín Freire non era un home de promesas senón de realidades; que foi el quen abriu a Muros ás portas do progreso. Unha grande ovación rubricou as palabras do alcalde Sr. Rey Hermida.
A continuación tomou a palabra o Gobernador Civil, quen pediu que non se tomaran as súas palabras como un discurso senón como unha charla familiar. Continuou dicindo que viñera a Muros non só a inaugurar a lonxa senón tamén a coñecer os problemas dos muradáns, porque Muros necesita axuda e estaba no seu ánimo dotalo de instalacións adecuadas para a súa prosperidade. Fixo o anuncio de que en catros días se adxudicaría a subasta da praza da Igrexa, o que para el supoñía unha inmensa satisfacción pensando na dos veciños e na do ancián párroco. Anunciou tamén as inmediatas obras para dotar á Vila de abastecemento de augas antes de fin de ano, dicindo que con esta importante mellora e que coas súa derivada rede de saneamento, Muros poríase en condicións de afrontar un porvir puxante e cheo de posibilidades. Tamén se referiu ao plan de modernización da flota de baixura transformando as embarcacións de remo e vela en <motoras>, e despois expuxo as vantaxes do Plan Coruña, que cualificou de auténtico regalo para os agricultores e que redimiría aos campesiños coruñeses nun prazo inmediato. Rematando a súa intervención, o Gobernador dixo que seguiría axudando a Muros porque esta era a súa obrigación e porque era moi humano que os muradáns aspirasen a que os seus fillos desfrutaran dun benestar maior que o que tiveron os seus pais. As palabras do Sr. Martín Feire foron interrompidas e moitos momentos polos aplausos dos asistentes e acollidas con grande entusiasmo.
Por último, o patrón maior da Confraría de Pescadores de Muros, don Manuel Lojo Lojo, presentou un detallado informe das aspiracións dos mariñeiros muradanos, para o seu estudo polo Consello Económico Sindical. Entre as peticións do patrón maior, as seguintes: Proposta para que Muros fora cualificado como “porto refuxio”; terminación das obras portuarias: rampa e carro varadoiro, aguadas, báscula e grúa; depósito de combustible; balizamento dos baixos da entrada da ría; repoboación e regulación das praias marisqueiras; reducción e exención –chegado o caso- de impostos; Casa do Pescador e unha Escola de Orientación Marítimo Pesqueira. (Fontes: xornais da época)