O BALLENA

p/ Marcelino García Lariño

O Ballena xa dende rapaz foi un trasno, un enredante, un rillote e un atravesado, pero moi xangal e falangueiro. E agora de mozo, aínda é máis revoltoso e tunante coa agravante de que tamén lle gusta molla-la palleta, pero sen deixar de ser moi simpático e moi gracioso como foi decote.

Unha noite de verán, no peirao do porto, uns señoritos entre os que se atopaba o señor xuíz, argallaron unha sardiñada. O Ballena, aínda que non formaba Imagen254.pngparte desa panda de xente elegante, como é un bulebule,  e ó mesmo tempo moi agradable, sen ninguén o chamar asistiu a ela.

Como O Ballena ten moita cara e é moi larpeiriño e aínda un pouquiño máis bebedoriño (igual que unha balea de verdade), colleu un anaco de boroa e facéndolle unha reverencia ó señor xuíz, díxolle sinalando para as sardiñas que se estaban asando riba das ascuas:

–Coa venia, Señoría.

–Colla, colla– díxolle moi amable a súa señoría acenándolle para as sardiñas.

Pero O Ballena, ben porque tiña apetito ou ben porque tiña gañas de armala, namentres que os outros, entre eles o xuíz comía unha sardiña, el engulía catro; e viño xa non digamos. O que si, con toda educación do mundo, cada vez que collía outra sardiña, facíalle ó xuíz a reverencia que máis ben semellaba unha xenuflexión, sen esquecer o obrigado:

–Coa venia, Señoría.

A verdade é que o señor xuíz, só lle concedera a venia unha vez, a primeira, nas outras nin sequera lle falou; e a cada venia poñíalle peor cara. Máis vendo a Súa Señoría que as sardiñas ían a menos e o viño tamén, e que O Ballena era como unha máquina comendo e bebendo, cando por enésima vez O Ballena lle dixo:

–Coa venia, Señoría–. Este contestoulle moi cabreado:

–Sabe que xa me está amolando vostede con tanta “coa venia, señoría”–. E o atravesado de O Ballena contestoulle ó xuíz cunha reverencia máis prolongada e coas mesmas palabras de sempre pero ó revés, dicindo:

–Señoría, coa venia.Imagen134.png

Fora de si o xuíz, que tamén era como Deus o dou, feito un ferabás ordenou::

–Métanme a este no cárcere.

E, no intre, os esbirros da Súa Señoría levaron O Ballena para a falcona.

Por mor deste feito houbo moita polémica na vila. Uns dicían que a actitude do señor xuíz non fora a mais razoable; outros afirmaban que fora unha chulería, e outros aseveraban que se trataba dun flagrante abuso de autoridade. Moi poucos, escasos, foron os que estaban ó lado do xuíz.

Ós  poucos días de ceibaren a O Ballena, este desapareceu da Vila.

O Ballena fora para os Estados Unidos de Norteamérica, onde proseguiu sendo o mesmo Ballena que era aquí. É dicir, que o cambio de nación e de continente non fixo mela na graza e na simpatía deste mozo. Aló en Nova York facía as mesmas ou aínda máis travesuras que acó, e tamén botaba os correspondentes groliños.

Un día, O Ballena, con dous vasiños de máis, entrou nun restaurante levando atado cunha cadeíña un coelliño branco ataviado cunha paxarela vermella no pescozo. Non sei porqué, no establecemento non consentiron a entrada do coelliño. Tal vez non o permitirá a Sociedade Protectora de Animais, ou algún outra lei.

Mais O Ballena, home de moitos recursos, levou o coelliño a un aparcadoiro de coches que había mesmo de fronte, sacou  o billete (tick) e coma se dun automóbil se tratara amarrou o coelliño e deixouno aparcado.

Ó saír dese sitio reservado entraba un coche que pretendía pórse no reservado onde estaba amarrado o coelliño. E O Ballena berroulle:

–Busque outro sitio que este xa está ocupado.

–Eu aquí no vexo coche ningún– contestoulle o ianqui.

–Coche non verá; pero aquel coello é o que está ocupando a praza.

–Este aparcadoiro é para vehículos.

–Este aparcadoiro é para quen o paga. Velaquí ten a tarxeta. E non me foda moito, non vaia ser que haxa máis que palabras.

E armouse unha escandaleira de mil pares de demos. Un berraba, o outro berraba más, a xente xuntouse, uns dábanlle razón o do coche, outros dábanlla ó do coello, os máis ríanse coma se estiveran nos títeres, en fin, que tivo que acudir a policía porque a liorta xa estaba chegando a maiores.

Os axentes levaron a ámbolos dous a comisaría, e de alí o asunto pasárono á Corte.

A Corte, nos Estados Unidos, é o que aquí nos chamamos Xulgado. Alí por ser un país moi demócrata e moi liberal chámanlle as cousas polo seu nome; non andan con tapulladas. Acó a corte é o lugar onde se gardan os animais e tamén se fai a cañeira, é dicir, a esterqueira que tamén vén ser a cloaca ou latrina que acumula toda bazofia, carroña, miseria e porcallada; nunha palabra: a merda (dispensando).

Non sei como quedaría a querela na Corte; pero coido que non lle debeu ser moi favorable para O Ballena, porque un día que se atopaba en Muros, viñera de vacacións, estiven falando con el de moitas cousas, e entre elas tamén das inxustizas, atropelos, ilegalidades, arbitrariedades, corrupcións…, e O Ballena, moi sisudo e asentado, non parecía el, díxome:

–Mira Marcelino, inxustizas hainas en tódalas partes do mundo.

Aquel día, O Ballena, deume unha grande lección.

 

Anuncio publicitario

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Contos e Lendas y etiquetada . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s