p/ Marcelino García Lariño
Disque, non sei que o dixo nin onde o lin, que os tocaios, só polo feito de seren tocaios, queirámolo ou non, teñen algo en común. É dicir que se semellan en algo. Eu, a verdade, non o sei; pero teño a miñas dúbidas, E direivos por que:
Coñezo un homónimo, co que me falo e me levo moi ben, que nunha ocasión atopábase mal e decidiu ir ó médico. E así o fixo. Contoulle ó doutor o que lle pasaba: que aínda que estaba xubilado cando lle apetecía ía a pescar; que non tiña folgos, que aínda ben se poñía a facer calquera cousa que lle daba a canseira; que non tiña azos nin para iza-lo silgo e todas esas cousas que ó bo de meu tocaio lle estaban pasando, e que eran certas.

O galeno auscultouno e mandoulle facer un análise de sangue, outro de mexo, e tamén unhas radiografías co gallo de que cando tivera todas esas probas no seu poder, darlle un diagnóstico veraz e fidedigno do mal que padecía. Mandoulle que volvese ós quince días, tempo que o físico coidou conveniente para que lle dera tempo a facer tódolos requilorios.
Eu, algo por medo e moito por egoísmo, e por se algún día me daba tamén a min a canseira, que un está neste mundo puñetero para todo, bo e malo, animei moito ó paciente para que fixera todo o que lle receitaran e me tivera ó corrente do resultado.
Ós quince días, coma un cravo, presentouse o meu homónimo no consultorio do facultativo. O doutor díxolle que estaba moi gordo, como era certo, e que tiña que adelgazar que lle atopaba moito colesterol e triglicéridos, bastante azucre de máis no sangue, e que para pórse ben tiña que facer moito exercicio. Entón o que levaba o mesmo nome cá min contestoulle que exercicio xa facía bastante, que andaba ó mar nun botiño que tiña a motor e que se movía de raio. Replicoulle o doutor que eso no era exercicio, se remase si, pero como el ía non. Que tiña que andar moito, non menos de seis quilómetros diarios. Algo así, como un mínimo de dúas horas
Aquel mesmo día, pola tarde, o meu tocaio ou homónimo fixo o que lle mandou o sanitario. Foi pola estrada de abaixo ata Louro e deu volta pola de arriba, e chegou á casa escoñadiño: botaba o fel pola boca.
Mais o meu homónimo, que non é que digamos un intelectual, para decatarse no foi falta máis que mirar para el, debeu coidar que o que lle mandaran andar non era por medicina, senón coma unha especie de imposto, un trabuco, que había que cumprir por estar doente, porque ó outro día, á tarde, á hora de saír, díxolle así a súa muller:
–María: Mandoume ó médico que teño que andar polo menos seis quilómetros cada día. Xa fun onte e cheguei baldado; non podo comigo. Así que, como eu no podo ir, que estou escaralladiño de ves, dende hoxe, telos que andar ti todos los días.
O meu tocaio a min non se me imita en nada; ¡iso si que non! No único no que se me asemella é no nome. E nada máis.