Ofrenda ao Apóstolo Santiago

Na historia das ofrendas ao Apóstolo Santiago, foron moi poucos os muradáns que tiveron  a honra de ser distinguidos como autores e lectores delas.  Velaquí a que pronunciou o benquerido muradán Dr. D. Juan Jesús Gestal Otero, o 13 de marzo de 2010, en nome da Irmandade dos Viños Galegos, no Ano Santo de 2010.

Texto da Ofrenda da IRMANDADE DOS VIÑOS GALEGOS ao Señor Santiago Apóstolo, Presentada por Juan Jesús Gestal Otero, no día da Xuntanza e Peregrinación a Santiago de Compostela o 13 de Marzo do Ano Santo de 2010.

Apóstolo Santiago

Somos a lrmandade dos Viños Galegos. Confraría integrada por un cento e medio de colleiteiros e non colleiteiros de moi variadas profesións: avogados, médicos, artistas, poetas, arquitectos, xornalistas,… Xentes boas, honestas e xenerosas, unidas polo amor á nosa cultura e a unha das súas manifestacións mais importantes: o viño.

 lrmandade inspirada na nosa historia (irmandiños medievais e lrmandades da Fala), creada en 1989, para valorar, difundir, defender, honrar, respectar, amar, falar, fabular, e sobre todo beber, beber e beber os bos e xenerosos viños galegos. Beber sempre coa moderación que a saúde require e o sentidiño aconsella. Os lrmandiños, Señor Santiago, gostamos de ser mesurados no beber, xa que coma dicía Cervantes: el vino demasiado ni guarda secreto, ni cumple palabra.

Vimos Señor, de diferentes vilas e cidades da Galiza e España. Hónrannos coa súa compaña irmandades de Portugal, e doutros países de Europa. Fixemos un alto nos traballos e acercámonos á túa cidade, a visitarte no teu templo. Templo ateigado de séculos de historia e arte. Vimos, coma pelegrins, a presentarche con humildade, no arranque deste segundo Ano Santo do novo milenio, as nosas obras, desexos e inquedanzas, na confianza de que ti saberás darlles abeiro e cumprida satisfacción.

Gostamos saber de viño. O consumo de viño ten moito de liturxia. O seu uso e goce precisa dunha longa aprendizaxe. Son saberes de paciencia e tempo. Saber de viño, Señor Santiago, é unha vella arte. O seu coñecemento achéganos, fainos máis próximos a ele. O viño, Señor, como a música, canto máis se coñece máis gosta.

Góstannos as botellas de viño ben conversadas. O viño axuda a compartir palabra e pensamento. É o medio de comunicación mais intelixente. Transmite sentimentos e emocións, alimenta soños e esperanzas, e establece lazos de confraternidade, complicidade e boa vontade común. Alegría compartida aumenta; e tristeza compartida diminúe. Vinum laetificat cor hominis, di o Salmo, e San Francisco de Sales afirmaba: O espírito ledo acada antes e máis doadamente a perfección, que non o espírito melancólico. Por iso os irmandiños, sempre brindamos coa frase: Sursum corda.

Góstanos percorrer Galiza catando os seus diferentes viños. O viño sabe e cátase mellor nos lugares da súa elaboración, acompañado daquelas viandas que mellor lle acaen. As viaxes ao viño, Señor, non lle sentan ben.

Gostamos ler na forma grácil das súas burbullas e no matiz dos seus cores, e dos seus aromas, no que o irmandiño, o síndico, Don José M. Fernández Anguiano é moi entendido. Aromas que espertan na nosa memoria fragrancias xa perdidas dos tempos mozos. Gostamos escoitar como canta ao verquelo nas cuncas. Cantos ledos, incitadores, que removen sensacións agochadas nos fondos da alma, facéndonos máis permeábeis aos sentimentos. Apóstolo Santiago: O viño é música, canta e fai cantar.

A cada un, Señor, góstalle o seu viño. Os galegos, dicía Cunqueiro, gostamos dos nosos viños, quizais porque teñen mais gañas de falar que nos mesmos,…ou porque teñen un sabor fuxidío, e buscándoo, sentados diante dunha cunca, debullando se cadra unha nécora ou unhas simples noces, nun atardecer de verán contemplando a entrada das vacas no porto de Muros, rememoramos xentes, tempos, lugares, amores e despedidas.

Somos, coma di o noso Viñateiro Maior, Don Xosé Posada, da terra dos viños apolíneos, cheos de saúde, equilibrados en grado e acidez, viños redondos non moi fortes, pero si persoais e harmonizados. Viños para beber na madurez da vida. Viños que nos configuran, transubstancian a alma da nosa terra, facéndonos, segundo Celso Emilio Ferreiro, cachazudos, líricos e nostálxicos. Os viños indican o nivel de refinamento, de espiritualización, en certo modo da sensualidade dos homes. Somos, Señor Santiago, o viño que bebemos.

Viño, sangue farturenta da terra, que forma parte da nosa cultura desde fai 6.000 anos. Viño da ofrenda do sumo sacerdote Melquisedec. Viño que se consagra. Viño sempre presente en igrexas e mosteiros do Camiño de Santiago. Pois como recolle a tradición no Códice Calixtino: repón o corpo e alegra a alma dos camiñantes. E, probablemente, xunto coa auga e o leite, unha das bebidas máis antigas que se coñecen. Beber viño, Señor, é algo que nos diferenza dos animais.

De sempre relacionouse o seu consumo coa saúde e lonxevidade, especialmente na cultura mediterránea onde está integrado na dieta e celebracións. Nestes últimos anos estanse a situar as súas virtudes salutíferas, na prevención dos cancros e das enfermidades cardíacas, nos efectos antioxidantes dos polifenois e do resveratrol. Pero coma o deus Jano ten dúas caras. Na lrmandade dos Viños Galegos traballamos para diferenciar a cultura do viño da barbarie do alcol, recuperando o seu consumo tradicional e moderado. Pedímosche, Señor Santiago, axuda nesta importante tarefa.

Hoxe, Santo Patrón, ao contemplar túa pétrea figura, con ese ollar entre bondadoso e retranqueiro, quizais por tantas e tantas cousas oídas ao longo de séculos, abrolla en nós unha ledicia que relembra a daquel Don Gaiferos de antano e a de tantos e tantos milleiros de pelegrins que nos precederon. Cando dentro duns intres, con ollos de neno en noite de reis, envoltos en nubeiros de arrecendoso fume, contemplemos os voos do Botafumeiro, ao ritmo dos coros das chirimías e os sons do órgano, cada un de nós, na intimidade do corazón presentarémosche as nosas particulares ofrendas.

Apóstolo Santiago, estes lrmandiños congregados ante tí, querémosche pedir en primeiro lugar polo noso Roi Xordo, Don Manuel María, e demais irmandiños que xa remataron a súa pelerinaxe e están contigo agardándonos, fainos Señor gozar dos viños do ceo, e que sigan agardando por nós moitos anos. Pedímosche polo noso Preboste Don Nemesio Barxa, pra que teña acerto nas súas orientacións, e por tódalas persoas do mundo do viño, sector económico de grande importancia en España, un dos primeiros produtores do mundo, onde supón o l% do PIB e ocupa a moitos milleiros de persoas.

Xesús iniciou a vida pública transformando auga en viño. Desde entón moitos taberneiros tentan, sen éxito, repetir a milagre. Para os que o viño adulteran,

Señor, non che pedimos

azoutes, esposas nin cadea.

Dámonos por satisfeitos,

con que o seu viño eles beban.

Finalmente Señor Santiago, pedímosche polas nosas familias, e por todos nós, para que nunca nos falte a ilusión que manteña abertos os ollos do corpo e da alma e estimule o traballo de cada día, e podamos seguir por moitos anos gozando e divulgando as excelencias dos nosos viños.

Ad maiorem gloriam vinun Gallaeciae.

AMEN

Anuncio publicitario

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s