O ORFEON MURADANO

p/ Manuel Lago Alvarez.
Que os as xentes de Muros cantan e cantan ben, e algo que ninguén discute, e si o fixeran levarían as de perder, porque como o movimento se demostra andando, con oír cantar os muradáns e muradanas, a duda quedaría resolta.
Picture26Dende sempre Muros contou con grupos corais. Na actualidade, todas as nosas parroquias contan con corais mixtas de homes e mulleres e na vila a hai tamén un coro de voces graves (orfeón), composto de tenores altos, tenores baixos, barítonos e baixos.
De mais antigo, oubo en Muros un orfeón, aló polos anos vinte do século anterior. Non se conservan gravacións, pero sí algunhas fotos nas que se ven a uns muradanos de mediana idade, vestidos de traxe de calle e boina. Nunha das fotos, datada no ano 1928, vense os seus compoñentes, xunto o seu Director. Velaquí a foto, xunto cos nomes dos seus compoñentes. Si alguén coñece os non identificados, ou ben non están ben os nomes, agradecería que no lo dixera.
Nomes dos integrantes do Orfeón Muradá de esquerda a dereita e de arriba abaixo:
1.- Antonio Lojo Bori (Antonio Loxo)
2.- Ignacio García Fiuza (Nacho de Petra)
3.- Eduardo Cerviño Lago ( Sogro de D. Loló)
4.- Ramón González Fernández (Ramón do Cabo irmán de Rosa do Cabo)
5.- Manolo Malvarez (Malcriadiño) das Xanricas
6 .-Eduardo (O Asasino) da familia dos Tenorios. 7.- Descoñecido
8.- Santiago Formoso (Jijo) Avó de Formoso , xogador do Cosmos en USA
9.- Manuel Pazos (Cochecho) zapateiro e poeta
10.- Guillermo Randaina (Guillermo do rexistro)
11.- Antonio Dubert Díaz ( O Quinteiro)
12.- Juan Lojo Iglesias (Corazón) pai de Uca de Ventura. 13.- Descoñecido
14.- Joaquin Dubert ( marido de dona Elvira Froix)
15.- Manuel Fiúza Lariño (Manolo Fiúza “o Carteiro”) Tío de Pepitiña a das lanas
16.- Bernardo Santiago Beiro ( Pitilan)
17.- Manuel Campelo Lamela ( O Olludo) cuñado de Ramón González e pai de Rosiña , Paquita e Toñita do cabo
18.- Manuel Luces (Paletó ) Pai de Paletó, casado con Juanita da Xoanera
19.- Euxenio Fernández (Geniño) tío de Geno da Chinchina
20.- Descoñecido
21.- Domingo (Mingolos)
22.- Santiago Bermúdez Otero (Santiago da Calota), Director e fundador.

Publicado en Historia, Música | Etiquetado , | 1 comentario

A virandella

P / Antonio Rey
As dúas familias chegamos ao barrio na década dos 40 do século vinte. Agora que o penso, todos nacéramos noutro país. Sete europeos e máis eu, que dera o meu primeiro berro na outra beira do Río da Prata.
Picture24Miguel, os seus dous irmáns e máis a súa nai eran belgas e o seu pai ruso. Na nosa casa a miña nai era asturiana e o meu pai galego. Como vos digo, chegamos ao barrio case ao mesmo tempo e axiña comezamos a nosa relación. Non era doado: eles falaban francés e nós castelán.
Miguel tiña oito anos coma min. Daquela non había cartos para xoguetes para familias como as nosas, mais o meu pai sabía facer virandellas de madeira coa súa navalla.
Picture25Aproveito que ledes a miña historia para vos aclarar que nunca atopei o termo nun diccionario. A xente nomea a virandella como trompo, buxaina ou peón, mais o meu pai trouxo da súa aldea o nome e para min ten valor de verdade (sempre idealicei a aldea).
Así pasamos a primeira tempada xogando na beirarrúa, ollando o efecto xiroscópico das nosas virandellas ata que o rozamento do aire facía que a súa velocidade angular diminuira e sobreviñan as súas derradeiras caídas.
Quizais foi unha metáfora da vida, onde todo ten o seu tempo e hai que aproveitalo antes que deixe de xirar.

Publicado en Cousas que interesan | Etiquetado , | Deja un comentario

Fonte de Baño

Artigo de Xokas Figueiras

Tipo de ben: Fonte ,
Concello: Muros
Parroquia:Serres (San Xoán)
Lugar:Boa Vista – Rúa Agra de Baño 156
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Século XX ,
Descrición:
Picture23Fonte da tipoloxía de “cabaliño”, co frontis destacado tralo que se encontra a mina de auga. Dito frontis caracterízase polo dinamismo dos seus perfís, con xogos de molduras na parte inferior, coroándose cun frontón semicircular decorado con dentes de serra e unha orla ondulada. Flanquéano dúas pilastras con bandas e parellas de filetes con gotas. O cano ocupa o lugar da boca dun mascarón no que se destaca o alto peiteado formado por lóbulos. Garda grandes similitudes ca coñecida como “Fonte da Xesta”.
Propiedade: Pública
Uso actual: Outros
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Dato descoñecido
Elementos mobles:
Tradición oral:
Referencias bibliográficas: SORALUCE BLOND, José Ramón e FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, Xosé: «Arquitecturas da Provincia da Coruña, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son».
,
recollido en patrimoniogalego.net

Publicado en Arte e Cultura | Etiquetado , | Deja un comentario

As Feras

p/ Marcelino García Lariño
Preto da miña casa hai un recheo feito na ribeira no que montan as súas carpas os circos. Un día viñera un que traía moitos animais de catro patas, pois de dúas xa abondaban os que temos na poboación, e, aínda que non acudín á función, soñei, mirade vós que cousas, coas animarías aquelas.
Picture22Pero foi un soño tan raro, tan especial, tan non sei como, que quedei sorprendido deste –algo hai que chamarlle– disparatado soño.
Eu estaba gabexando nun alpendre que temos de fronte a cociña da casa. Comigo atopábase “Óliver”, o gato que nunca nos abandona, e de súpeto, deu un brinco que, en menos dun amén, desapareceume da vista nunha lostregante e espaventada fuxida. Cando me revirei co gallo de decatarme a que se debía a súpeta estarrecedora fuga do gatuno, doume de buzos cun furibundo e enorme león coas fauces tan abertas, nas que lucían uns dentes tan grandes e afiados, que xa coidei que me engulía. Mal como puiden, tentei pecha-la porta, e vin detrás dela un mango dun sacho. Nun arrebato de terror collino e arremetín con el contra o monstro salvaxe guindando paus a destro e sinistro. O arrepiante león, en vez de vir cara a min e atacarme, comezou a ruxir e a recuar, a retroceder acovardado segundo eu avanzaba co cadolo na man, ata que, atemorizado fuxiu.
Nesto espertei. Pero non espertei de todo, porque din media volta na cama e, como o león non me vencera a min senón eu a el, volvín a quedar moi satisfeito e profundamente durmido. E tamén volvín a soñar un soño consecuente e continuación do anterior.
Soñei que me atopaba nun estudio da Radiotelevisión Galega, onde un xornalista moi sonado facíame , nun programa en directo, unha entrevista cara a un numeroso público, sobre como espantara e fixera escapulirse á fera que me atacara no noso alboio, gabando a máis non poder a miña fazaña e cualificándome de valente, arriscado, heroe, semideus, superhome… e non sei cantos eloxios máis.
Eu, como quen non era cousa, tiráballe importancia ás loanzas do pulcro e popular xornalista (que me gustaban abondo) dicíndolle que non fora valentía, senón máis ben medo, moito medo (como era certo. Dispensando, cagara por min), e talvez como eu era tan feo, o felino asustouse da miña fealdade e fuxiu aterrorizado.
Entón o xornalista preguntoume se algunha outra vez na vida estivera tan preto dunha fera da maneira. E…, díxenlle a verdade: contesteille que si, que xa estivera perante doutra moitísíma peor. “¿Qué fera era?” inquiriu no intre moi cobizoso o xornalista.
–Miña sogra –respondinlle.
E espertei. E desta vez si que non volvín a quedar durmido. Fiquei esperto e moi inquedo; non fun quen de acougar. E non porque o medo libre, e non é o mesmo enfrontarse ás garras dun furioso león embravecido que ás represalias da nai da miña muller.

Publicado en Contos e Lendas | Etiquetado , | Deja un comentario

A historia da Escola Municipal de Música (ESMU)

p/ ESMU-Carnota

A escola municipal de música de Carnota fúndase no ano 1994, froito de interés e empeño da poboación de que os veciños de Carnota en xeral, e os nenos en particular, poidesen acceder á aprendizaxe musical; posto que ó ser un concello pequeno e periférico, non había cerca ningún lugar onde se puidera cursar este tipo de formación. Iniciouse naquel momento con menos de 30 alumnos e con 3 mestres.
O que comezou dun xeito tímido foi crecendo anualmente tanto en alumnos como en profesorado e especialidades musicais, atendendo ás demandas dos alumnos, sempre que foi posible, acadando no presente curso 2013/2014 o número máximo de especialidades e alumnado. Neste curso contouse con 113 alumnos atendidos por 5 mestres:
Picture21Mestre de linguaxe musical e piano: Alianza Uhía
Mestre de Inicación musical, canto, orquestra Orff e coro infantil; Ana Blanco
Mestre de guitarra, baixo, combos e harmonía; Castor Montes
Mestre de percusión e batería, combos e música moderna; Carlos González.
Mestre de gaita, percusión tradicional, vento madeira e coral polifónica; Ramón Domínguez.
Debido á demanda, a Escola Municipal de Música de Carnota sempre contou co apoio dos políticos locais, pero contou tamén con poucos recursos económicos materiais e de infraestructuras. Digamos que se foi adaptando ós recursos cos que se contaba.
2.- O ENSINO NA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA DE CARNOTA
Os contidos que se imparten, son reglados e a maioría dos alumnos que cursan os 6 cursos que ofertamos de linguaxe musical, acceden ós conservatorios de Noia ou Santiago para seguir cursando o grado medio de música.
Todo isto é posible grazas ó empeño e ilusión de mestres, pais/nais e alumnado, que con moi poucos recursos lógrase unha labor educativa de calidade ó nivel que esixe a lei de educación (clases de linguaxe musical, 2 horas semanais; clases individuais de instrumento de ¾ hora á semana; agrupacións instrumentais; coral; harmonía; etc).
Impártense as seguintes especialidades: Piano, acordeón, saxofón, clarinete, frauta traveseira, frauta de pico, gaita, pandeireta, música tradicional, harmonía, guitarra, baixo eléctrico, guitarra eléctrica, batería, congas, linguaxe musical, música activa, iniciación e canto.
3.- OUTRAS ACTIVIDADES
Para dar continuidade ó bo traballo realizado nos últimos anos; e como incentivo para os alumnos, a directora e o equipo de mestres, amosaron os resultados acadados a outras escolas de música, a través de intercambios e encontros, que serviron á Escola de Carnota para coñecer outras experiencias e abrirse a novos estímulos e vivencias, animando así ós alumnos a seguir esforzándose, a millorar e a ser conscientes das súas opcións e posibilidades no ámbito musical.
No curso 2008-2009, a Escola Municipal de Música de Carnota, foi invitada a participar no I ENCONTRO GALEGO DE ESCOLAS DE MÚSICA, que se celebrou o 9 de maio, no concello de Rois.. No curso 2009-2010 xa foi a propia Escola de Carnota a anfitriona e organizadora do II ENCONTRO GALEGO DE ESCOLAS DE MÚSICA. E así, foi invitada a todos estes Encontros celebrados en Galicia, dado os excelentes resultados. Estes actos pretenden por en contacto as diversas correntes e asignaturas musicais que se traballan en tódolos centros docentes da nosa comunidade.
Ö longo do curso, a escola organiza e oferta para todo o público, distintas Master Class, como foi a excepional de acordeón, da man de Manolo de Fornís (coñecido acordeonista en Galicia) ou a de guitarra moderna da man do guitarrista de jazz Castor Montes. Tamén se celebran 2 festivais anuais, onde os alumnos, rapaces e maiores, lles presentan a todo o pobo o aprendido no curso. E durante o ano, a ESMU leva a súa música polos distintos centros educativos do Concello, sen olvidarse da gardería municipal ou o Centro de día de maiores. E non podemos evitar falar da creación dunha coral polifónica de adultos, onde se puxo ó fronte o mestre de gaita e percusión tradicional, cunha excelente batuta.

4.- RECURSOS MATERIAIS
Falando de recursos materiais, foise adquirindo un piano vertical (había dous elécticos nun principio), un acordeón, renovouse o material preciso para formar os combos (micros, soportes, amplificadores), unha nova batería, gracias á aportacións das cuotas dos alumnos e de pequenas subvencións. Aínda así, os nosos medios son moi escasos, contamos cun baixo eléctrico, unha guitarra eléctrica, unha gaita, unha guitarra española, un piano eléctrico, un teclado, unha pequena mesa de mezclas, un bombo tradicional, instrumentos Orff (xilófonos, metalófonos, carillóns, etc) unha batería e varias panderetas. O presuposto non dá para máis.
O local no que estivo a escola a maior parte da súa vida era un local moi pequeno, con humidades e desperfectos tanto no interior coma no exterior, ventanas vellas polas que entra frío e chuvia, etc, etc. Tal é o seu estado que entre o Concello e a Consellería de Cultura tomouse a determinación de demolelo e construir un novo. Logo trasladouse a unha casa antiga, de pedra, remodelada e acondicionada, pero que tampouco reunía as condicións axeitadas para ser escola; e dende hai dous anos, a escola está sita no Pindo, no edificio colindante ao CEIP desta localidade, cedido pola Xunta de Galicia, ata que a ESMU teña edificio propio.

5.- PREVISIÓNS DE FUTURO
A pesar do contexto de crise que estamos vivindo, e que no Concello de Carnota aínda é máis acentuada, a ESMU sobrevive e segue co seu proxecto adiante.
Goza dunha moi boa saúde, traballando con máis de cen alumnos, e tendo actividade lectiva todas as tardes, de luns a venres, dende as catro da tarde ata as dez da noite.
Segue sendo o buque insigne da cultura en Carnota e das escolas de música municipais de toda a comarca.
Mestres, alumnos adultos, nenos, nenas e pais/nais forman dende hai moitos anos unha ben unida comunidade, e como eles soen presumir, unha gran familia.

Publicado en Educación, Música | Etiquetado , | Deja un comentario