p/ Elixio Vieites

Tipo de ben: Paisaxe histórica/cultural, Paisaxe natural, Concello: Muros Parroquia: Abelleira (Santo Estevo) Lugar: Pedregal de Esteiro   Cronoloxía: Descoñecida,

Descrición: A Laxa Borrateira atópase no pedregal de Esteiro eImagen2 está orientada ao poñente, dominando a desembocadura do río Rateira en Bornalle, na Abelleira. Trátase dunha gran laxe plana que forma pías e conforma figuras froito da acusada erosión. Pódense observar ao seu carón restos de muros que xunto con outra laxe, parece que conforman un lugar de forma rectangular. A poucos metros estaría a denominada Casa ou Porta dos Xudíos, outro grupo de pedras que teñen un pequeno paso por debaixo delas a modo de pequena cova e orientada tamén a poñente. A pedra ten moitas lendas entre as xentes dos lugares da Pendente e Trasdacosta da parroquia de Santa Mariña de Esteiro e son varias as versións que describen a caída do cabalo de Santo Estevo e o salto que deu ata o lugar onde hoxe se atopa a igrexa parroquial da Abelleira, baixo a súa advocación. Outras afirman que o cabalo esvarou e como consecuencia do accidente partes do corpo do santo e a súa capa quedaron esparexidos polo penedo. A xente chegou a identificar o lugar onde están os xeonllos, os pés e as nádegas do santo mártir, e ata o báculo que levaba con el. Outra característica da pedra é que sobre ela nacen liques que dan á pedra un ton avermellado que se identifica no folclore coa sangue das feridas que se fixo o santo Estevo. Outra variante describe a caída como consecuencia de ser atacado o seu cabalo dende a “Casa dos Xudíos”, pedra anteriormente citada. Mª Aurora Lestón e Milagros Torrado no seu traballo no Anuario Brigantino sobre a “Pedra da Pía”, próxima a esta, suxiren que estaría relacionada coa Laxa Borrateira, unha estaría orientada ao nacente e outra o poñente e que podía considerarse a existencia dalgún tipo de culto solar nestes lugares. O San Estevo de Abelleira celébrase un 26 de decembro, data moi próxima ao solsticio de inverno. ÁmbalasImagen3 dúas pedras atópanse ao carón dun camiño, que foi de uso habitual para chegar a este monte, e estarían case equidistantes á Pedra do Cadro, outra gran mole de granito de referencias míticas na zona e de onde hai unha vista impresionante sobre a ría de Muros-Noia ao dominar esta o cume deste pedregal. Outra referencia que apuntan as autoras do traballo e que se evidencia unha cristianización dun rito que se levaba a cabo na Laxa Borrateira e consistiría en varear e golpear a pedra para obter un beneficio, supoñen que sería un cambio na meteoroloxía, como acontecía por exemplo no monte de Santa Mariña do Barro, parroquia do concello da Baña onde se ían “viralos ventos” e “repartir as choivas” ou en Fisterra, cerca da capela de San Guillerme, a onde se acudía en procesión a unha ara que está na contorna da capela. Froito da cristianización pode ser unha copla que se recolleu en Trasdacosta e que di:

“..non lle deades máis paus

a esa Laxa Borrateira,

que é o santiño

Estevo da Abilleira”.

Máis ao oeste e ao lado da canle do Rateira, nunha profunda valgada, estaría outra pedra con cruces talladas “A Pedra das Cruces”, entre as tres pedras formarían unha aliñación noroeste-sueste, nunha distancia de apenas 3 km.

Na segunda foto está o que creo que é a Casa ou Porta dos Xudíos, polas descricións atopadas sobre a morfoloxía da pedra. Nota: Na primeiraImagen4 páxina do traballo sobre a Pedra da Pía, afírmase que segundo os mapas do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente a distancias entre a Pedra da Pía e a Pedra do Cadro, en liña recta, é de 2.284 metros. A distancia real en liña recta e só de 635 metros, pódoo afirmar despois de efectuar diferentes medidas no visor do mapa Sixpac e mapas a escala da zona.

Propiedade: Descoñecida Uso actual: Outros Código no Catálogo da Xunta: Categoría do Ben: Non está inventariado Referencias bibliográficas: Lestón Mayo, Mª Aurora. Torrado Cespón , Milagros . El altar rupestre de «A Pedra da Pía» (Esteiro, Muros, Galicia). Anuario Brigantino. Nº 34. Ano 2011

Web: http://anuariobrigantino.betanzos.net/AB2011PDF/2011%20041_056%20pedra%20da%20pia_LESTON_TORRADO.pdf

Afeccións: Ten camiño de acceso?: Si Está cuberto de maleza: Non Está afectado por algunha obra: Non Estado de conservación: Bo

Onde está localizado: Latitude: 42.80731083 Lonxitude: -9.0008148551 Empregamos o sistema de coordenadas WGS84

Publicado el por themurostimes | Deja un comentario

p/ Marcelino  García Lariño

Eu son dunha vila mariñeira rodeada de montañas. Non vos digo que vila e porto é porque con dicirvos que é a máis preciosa do mundo xa vos decatades que se trata de Muros. A súa ría e o seu mar son un tesouro, e os montes que a abranguen mesmamente son o belido estoxo que gorece esta tan prezada xoia.

Do mar ó monte a penas hai distancias: o treito é unha carreiriña dun can; saes da ribeira, sobes un chisquiño, e xa te atopas nun agro ou nunha leira. Os poboaImagen1dores son proteicos, pois mesmo traballan na agricultura (labregos) coma na pesca (pescos). Tan é así que os brañegos adoitan facer traballos dos ribeiregos e os ribeiregos dos brañegos. A calquera deles podes vélos de labrador, gandeiro, pescador ou marisqueiro. Todos eles, uns e outros, son moi boas persoas.

No que si se diferencian son no carácter: o xorne do campesiño non é coma o do mariñeiro, nin o temperamento do mariño é coma o do aldeán. Neso son radicalmente distintos. O pesco é completamente extravertido, desinteresado, confiado, desprendido, gastador, como din elas “unha man aberta”; aberto para todo mundo tanto fala co indíxena coma co bárbaro, ninguén para el é estranxeiro.Todo tanto lle dá; chega do mar e xa non se preocupa doutra cousa que non sexa ir para a taberna a bota-la partida, ou para o peirao, ou a lonxa onde poida falar, esbardallar sempre cun ton de voz moi alto, como teñen que falar no mar por mor do vento e do bruído das ondas. A economía caseira corre a cargo da muller o mesmo que a educación dos fillos.

O labrego non, o labrego é retraído, desconfiado, retranqueiro, aforrador, mesquiño case avarento, o que se di “do puño cerrado”; a taberna só lles leva os cartos os día da feira, ese día si que gastan, e algún que outro domingo ou festivo. Receoso cos descoñecidos a penas lle da leria. Os únicos que lle levan os cartos e os aforriños todos, que os arruínan, son os avogados. Esa é a súa debilidade, o seu punto fraco. Gozan cos preitos, que o mesmo llo poñen ó veciño, coma o parente ou os irmáns pola cousa máis insignificante: o rego do regueiro, os lindes, os marcos, as partillas, a herdanza ou o cancelo. Para eles todo lle sirve con tal de pór un preito.

Eu, por razóns profesionais, e para que vos decatedes da idiosincrasia de uns e de outros, vouvos contar dous casos:

O mariñeiro chega ó banco, xa entra ríndose e saudando cunha confianza coma se xa che coñecera de toda vida. Sen que lle preguntes xa el che di: “Veño buscar cartos” ­. Pregúntaslle cantos, di o que quer levar, e xa antes de que llos deas di: “Onde hai que firmar” (o asinar goréntalle moito) e faino sen ler, aínda que sexa en branco. Dáslle o diñeiro e dislle repáseo. Nin che fai caso, iso para el é coma se lle retiraras a confianza. Méteos no bulso sen contar, e con moito aquel diche: “O banco nunca se equivoca”.

O labrego non. Entra xa mirando para un lado e para outro, saúda moi educadamente, iso si, e xa comeza co rol das preguntas e repreguntas: “¿E a como están os intereses” “¿E se poño tal cantidade na conta, cánto me dan?” “Pois mire que noutros bancos pagan máis réditos”, “¿E se cambio de conta no me aumentan a renda?” E se por acó e se por aló, cando te das de conta xa vai media mañá fóra e non fixeches nada. Ó final, despois de horas e horas de preguntas e respostas, remata dicindo: “Mire, vounos levar todos por mor de que quero mercar unha finca, e aínda non me chegan que terei que vender o becerro na feira do doce” E aínda non termina aí; aínda che fai unha restra de consultas xurídicas que acabas por dicirlle que non entendes de compra ventas e que vaia ó avogado. Leva os cartiños todos, doullo o papel para asinar mentres lle vou contar os cartos, léeo de arriba abaixo e de babor a estribor. e chámame para dicirme: “Mire faga o favor que eu xa non vexo moi ben, ¿que é o que di aquí enriba de onde vostede me mandou asinar” “Aí di: recibín”–“Pois mire, borre o recibín, e póñalle RECIBIREI”

Publicado el por themurostimes | Deja un comentario

Publicado el por themurostimes | Deja un comentario

p/ Manuel Lago Álvarez

 Entrando pola porta principal da parroquial de Santa María do Campo de Muros, a man dereita, achegada ao fuste dun dos arcos carpaneis Imagen2que sosteñen o coro alto, atopámonos con unha pila de auga bendita. Labrada en pedra, con forma de cáliz, e de estilo románico, esta pila, agora situada entrando a dereita, nalgún tempo estivo colocada no lado esquerdo, como así o amosa unha fotografía de principios dos anos vinte do século anterior.

Formando parte do labrado da pedra, a pila ten no seu interior a alegoría dunha serpe. Ben conservada, enroscada en espiral, a cabeza da serpe mira ao interior da nave, en directo ao este, onde se atopa o presbiterio co seu altar maior.

Non é que a pila románica de Muros sexa única, pero si que chama a atención o feito da serpe dentro dela, polo que cabería divagar acerca das intencións do mestre canteiro que a esculpiu.   Unha serpe somerxida nas bendicidas augas podera ter unhas dobres intencións. A serpe sempre foi considerada polo cristianismo como indutora Imagen4do mal; por ela, Adan i Eva, foron expulsados do paraíso e por elo, Deus a maldixo. («Porque has hecho esta cosa, tú eres la maldita de entre todos los animales domésticos y de entre todas las bestias salvajes del campo. Sobre tu vientre irás, y polvo es lo que comerás todos los días de tu vida» (Gén 3:14).

E así, maldita a serpe, a intención do mestre canteiro non foi outra que ao labrala na pila para que estivera constantemente dominada polo “Ben” que supón a auga bendita, a serpe quedaría proscrita para facer calquera tipo de mal. Esta e non outra sería a intención do artista. Non cabe pensar que no tempo en que a pila foi labrada e colocada no templo, pudera darse a interpretación pagan de que a serpe como animal portador de sabiduría a transmita a través da auga.

Esta teoría pagán sostena o estudioso i escritor Juan García Atienza (1930-2011), no seu libro “Segunda Guía de la España Mágica”, (http://www.gbv.de/dms/sub-hamburg/386943168.pdf)) quen o escribir sobre a nosa pila dí: «la serpiente del Paraíso tentó a nuestros primeros padres ofreciéndoles el fruto del Árbol del Conocimiento, no del Bien y del Mal como se empeñan en traducir los cristianos. Una serpiente en el fondo de la pila no hace otra cosa que bendecirla, transmitiendo el conocimiento a quien se santigua con esa agua lustral y poniéndole en condiciones de captar el misterio con el que va a enfrentarse en el templo».

Estas afirmacións puderan, pero non. A pila poido ser esculpida nos séculos XI-XII; o templo actual foi construído sobre un edificio Imagen3románico xa existente, e este, como era moi habitual en históricas épocas, en lugar onde se prácticaban ritos e cultos anteriores e posteriores ao Cristianismo. Tamén lembrar que entre os antergos poboadores de Muros se atopaban os “saefes”, (ou sefes,ou ofis, do grego όφις, de onde tamén Ophiussa, terra das serpes) foron un pobo da Idade de Ferro que habitou o sur de Galiza e Portugal e que, mesturándose cos oestrimnios, deu orixe ao pobo galego. ( e de pasada… a esta Ophiusa fai referencia o escritor romano Rufo Afesto Avieno, na súa Ora marítima, na que describe tamén as costas galegas no século IV dc.

Neste poema “Ora maritima, (146 a 155) cando falando dos oestrimnios (loca et arva Oestrymnios habitantibus), narra como estes foron expulsados das súas terras por unha invasión de serpes:

Retrocedendo polo litoral de Ophiussa

cara dentro e plano, o mar insinuase

e -coma contei antes- internase nas terras, ó que chaman Sardo,

empregándose sete días de marcha a pé.

Ophiussa ten o morro tan para diante saído

canto escoitas que se deita a illa de Pélope

en terras gregas. Esta terra primeiro chamada Oestrímnia

e Oestrímnicos os habitantes destes lugares e campos,

despois do castigo dos serpes puxéronse en fuga

baleirando esta terra ata do seu propio nome.

Si recompoñemos todo o anterior podemos facernos mais coa idea de que a serpe labrada na pila nada transmite, e mais foi a orde dalgún eclesiástico que ordenou que nun lugar no que se adoraban as serpes, se simbolizara de forma expresa o dominio da nova relixión sobre ritos anteriores, e nada mellor que cristianizar a serpe sumerxíndoa na auga bendita.

Fai uns anos, pila e templo de Muros, foron tamén obxeto dunha investigación por parte de D. Epifanio Alcañiz, investigador das enerxías telúricas, quen determinou que: “La Ex-colegiata de San Pedro cuenta con un vórtice de 19500 UB en su interior y uno de 13500 UB* en el crucero de la entrada. El que esculpió la pila… sabía muy bien lo que hacía, al margen de la simbología que se le quiera otorgar a la serpiente enroscada no deja de ser una espiral que energiza el agua que contiene la pila, unas 9000 UB, la calidad biótica del lugar es de 7800 UB” estaríamos pues con un lugar especial con una importante Energía Telúrica».

9000 Unidades Bovis, medidas co famoso biómetro de Bovis, no lugar que ocupa a pila, non é que sexan moitas unidades, pero quédame a dúbida de saber si no seu primitivo emprazamento as unidades eran máis ou menos, ou ben, si as enerxías telúricas desprazáronse de lugar xunto coa pila, aínda que a distancia entre ámbolos dous lugares non é moita.

Publicado el por themurostimes | Deja un comentario

Publicado el por themurostimes | Deja un comentario