(p/ ESMU—Carnota)
A educación musical está a recibir o recoñecemento que se merece ademais de que hoxe en día contamos en Galicia cunha rede de conservatorios profesionais e de escolas de música, con dous conservatorios superiores e está presente nas facultades de educación das tres universidades galegas, impensable noutros tempos.
A consolidación da música no ensino superior debe procurar sinerxías entre os Conservatorios Superiores de Música de Vigo e A Coruña coas tres universidades galegas. Trátase simplemente de botar man do principio de eficiencia e eficacia, buscando puntos de contacto e colaboración que sexan beneficiosos para as dúas institucións. Para os docentes o mundo anglosaxón é a referencia, onde a formación superior de música está totalmente ensamblada no mundo universitario. O obxectivo en Galicia é a creación a medio prazo dun mestrado interuniversitario en investigación e educación musical, unha proposta pioneira que xa está aprobada e en vías de desenvolvemento e que virá a encher un espazo baleiro. Este mestrado será un exemplo de cooperación pois mentres que a universidade se responsabilizaría da compoñente académico-teórica da que goza maior tradición, os conservatorios achegarían a parte práctica, a instrumental. Trátase de sacar o máximo rendemento á transferencia de coñecemento, cunha modalidade moi adaptada a Boloña e á formación en competencias porque á música lle vén de seu ademais de posibilitar que o alumnado de ensinanzas artísticas poida facer unha tese de doutoramento cunha temática musical.
En Galicia en xeral (e na nosa zona en particular, Muros-Carnota) temos moito camiño andado, posto que de 20 anos para aquí temos opción de estudar música a moi poucos kilómetros das nosas casas, dos nosos centros escolares sen ter que renunciar a ningún outro tipo de actividades. Así mesmo, podemos seguir estudando música ao trasladarnos ás cidades universitarias, posto que todas contan con conservatorios e escolas … pero aínda nos queda moito por percorrer para chegar a ser, musicalmente falando, coma o resto dos europeos. Entre todos e o noso esforzo, habémolo lograr.