p/ Xokas Figueiras
Está formada por unha planta dunha soa nave dividida en dous treitos por un arco de medio punto apoiado sobre pilastras; cada un dos treitos cóbrese con bóveda de crucería. Na cabeceira a capela maior á que se accede por un arco de medio punto e cóbrese con bóveda de aresta. No exterior destaca a riqueza da fachada principal composta de xeito simétrico, sobre a porta un brasón en forma de medallón de grandes dimensións e debaixo unha inscrición que reza que foi D. Jeronimo Duran, residente en Chile quen puxo o caudal para a construción da capela no ano 1766. A capela conta cun gran patio de cantería onde reza a inscrición 1767.
Ramón de Artaza di do brasón e da inscrición de debaixo:
“O brasón conta de oito cuarteis máis un central, o primeiro (superior dereito) e o dos Maldonado ou Rúa, o segundo cinco follas de figueira, apelido Figueroa, o terceiro descoñecido, o cuarto son as armas dos Feijóo, o quinto o dos Romero. o sexto poderían ser os Bermudez, o do centro descoñecido”.
A inscrición di:
SE HIZO CON CAUDAL DE D. JERONIMO DURAN RESIDENTE EN LA CIUDAD DE CHILE,SIENDO EL SR. D. MARCOS ARCAIZ IBARNA BARRO FISCAL DE LA REAL AUDENCIA DE ESTE REINO, DEDICADA A NTRA. SRA. DEL CARMEN, AÑO DE M.D.C.C.LXVII.
O seu dono, «in solidum» no ano de 1775 era D. Felipe Romero Duran Alvarez de Figueroa y Ardeleiros.