A condena permanente e revisable

p/ Ramón Siaba Vara
Ramón siava varaO Ministro de Xustiza ven de presentar o proxecto de Lei Orgánica de Reforma do Código Penal que previsiblemente entrará en vigor nos próximos meses. A figura estrela da reforma é a mal chamada condena permanente revisable, que en realidade non é máis que a coñecida e repudiada CADEA PERPETUA por moitos eufemismos que queiramos aplicar, institución por certo inédita no noso ordenamento xurídico.
Considero que esta figura ten un difícil encaixe na nosa Carta Magna ao chocar de fronte co seu artigo 25.2, así como co artigo 1 da “Ley Orgánica General Penitenciaria”, que consagran “la reeducación y la reinserción social” como fin último das penas privativas de liberdade e das institucións penitenciarias. O propio feito de que o reo non coñeza o tempo que haberá de atoparse privado de liberdade atenta contra o principio de seguridade xurídica contido no artigo 9.3 da Constitución.
O vixente Código Penal xa é dunha severidade e dureza notables, e máis cando desde hai máis dunha década existe unha lei de cumprimento íntegro das condenas para os mesmos delitos aos que quere aplicarse esta nova pena, contemplando internamentos en prisión de 20, 25, 30 e ata 40 anos de duración. Pola miña parte penso que toda condena de máis de 40 años pode considerarse inhumana de acordo co artigo 15 da nosa carta magna.
a condena revisableA condena indicada sería aplicable, segundo avanzou o Ministro de Xustiza, para os homicidios terroristas, magnicidios, xenocidios, os delitos de lesa humanidade, asasinatos agravados, asasinatos múltiples, os cometidos por organizacións criminais e os que sexan subsecuentes a un delito contra la liberdade sexual. É dicir, aplicaríase aos delitos que consideramos máis graves e que son susceptibles de xerar unha grande alarma social.
A prisión permanente revisable será unha nova pena de carácter indefinido aínda que, a partir dunha oscilación de entre 25 e 35 anos de cumprimento por parte do preso, deberá ser revisada periodicamente polo tribunal sentenciador, que permitirá a posta en liberdade do condenado se cumpre unha serie de requisitos. Só despois dese período se aplicará o sistema de revisión. Esta revisión poderase facer a petición do reo, pero tamén de oficio por un tribunal colexiado, ao menos, cada dous anos. Se non se acorda unha revisión, a condena será de por vida.
Cando vemos o telexornal ou lemos a prensa e nos atopamos con casos que causan unha grande repulsa social como poden ser os asasinatos de Marta del Castillo, Mari Luz Cortes, Rocío Wanninkhof ou a desaparición dos nenos Rut e José, é evidente que se produce un xeral desacougo, de xeito que o que inmediatamente pide o corpo é instar que aos autores se lle aplique a pena de morte ou que apodrenten no cárcere. Trátase dunha reacción visceral comprensible, pero os tempos da Lei do Talión, por sorte, xa pasaron e o Código de Hammurabi foi substituído por un ordenamento legal especialmente garantista da que creo todos deberiamos estar orgullosos. Deste xeito, as reacción de vinganza contra os autores destes delitos tan horrendos non debe dar paso a reaccións populistas ou demagóxicas destinadas a satisfacer impulsos elementais e inmediatos.
En calquera caso, a reforma non se queda aí posto que introduce outra figura nova no noso ordenamento como é a denominada custodia de seguridade, que vén a ser unha medida privativa da liberdade aplicable a aqueles penados que veñan de cumprir unha pena de prisión e que polo Tribunal se considere que seguen sendo perigosos, medida que se estenderá por un período máximo de 10 anos.
Se a isto lle unimos a figura da liberdade vixiada introducida pola LO 5/2010 e regulada no art. 106 CP, que somete ao penado a un estrito control xudicial mediante a súa localización a través de artellos electrónicos, obriga de presentarse periodicamente, tratamentos médicos obrigatorios, prohibición de acercarse á vítima…con unha duración que nalgúns casos se estende ata os 10 anos (delitos sexuais e terrorismo), atoparémonos con que este será o Código Penal máis duro da nosa democracia.
Considero que, con un respecto absoluto á vixente constitución, podería ser defendible un incremento da duración das penas ou o seu cumprimento efectivo, podendo aplicarse en casos excepcionalmente perigosos a medida de liberdade vixiada sen necesidade de acudir a unha figura de tan difícil encaixe constitucional como é a condena permanente revisable.
O Tribunal Constitucional terá a última palabra porque é evidente que a Lei será recorrida pola súa previsible violación de preceptos constitucionais.
Por último cabe preguntarse, atendendo á demagoxia e populismo dos nosos lexisladores: ¿Para cando a pena de morte revisable?.

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Cousas que interesan y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s