p/Henrique Monteagudo
O século XIII foi o do esplendor lírico do idioma galego, do que nos quedou garrida mostra nos cancioneiros trobadorescos galego-portugueses. As décadas finais do século XIV e iniciais do XV coñecerían un modesto florecemento da chamada escola galego-castelá. Ata o de agora supúñase que a definitiva decadencia poética do galego, que se desenvolveu en relación inversa co de emerxencia do castelán, viñera da man da obsolescencia da poesía lírica que recuaba paseniño ante a nova moda da poesía recitada (o dezir).
E de súpeto, unha inesperada revelación: un manuscrito poético en galego, contendo vinte e tres poemas, copiado por volta de 1433-34, que recentemente tivemos a fortuna de exhumar grazas á xenerosidade de dona Pilar Iglesias (a súa propietaria) e mais de Dolores Pereira e Gabriel Quiroga (os arquiveiros que o descubriron). Uns poemas sorprendentes en primeiro lugar pola lingua —un galego cunha pegada moi limitada do influxo castelán—, pero tamén polo ámbito de produción —a propia Galicia— e a autoría presumible destes textos. Por parte, chama a atención o carácter das composicións: non son cantigas, senón dizeres, isto é, non son composicións musicadas, senón recitativas.
O groso do seu corpo vén constituído por poesía amatoria, do estilo da cantiga de amor trobadoresca. Pero tamén contén unha insólita composición piadosa bastante extensa (cento tres versos) e unha mostra de poesía burlesca que evoca as cantigas de escarnio e maldizer. E aínda unha mostra de debate poético, unha pergunta de Afonso Paez ou Perez e a correspondente resposta de Joan Garcia. Coidamos que o conxunto dos textos forman parte dun cancioneiro de autor que nos chegou en estadio fragmentario. Atribuímolo ao dito Afonso Paez ou Perez, aínda que tamén podería ser atribuído a Joan Garcia, e incluso podería ser doutro autor (ou doutros autores).
A datación dos textos entre as décadas finais do século XIV e as primeiras do XV vén asegurada pola data dos instrumentos notariais que os acompañan (1433-34) e pola proximidade en temas e formas á poesía da escola galego-castelá e polo propio estadio lingüístico dos poemas.
A subscrición dos documentos notariais por Lopo Garcia de Toar, “escribán del Rei e o seu notario público na vila de Ferrol” e a referencia nunha nota marxinal a un moyto honrado señor Diego de Andrade convidan a situar na área do propio Ferrol a copia do manuscrito.
A mención dun señor da casa de Andrade resulta extremadamente suxerente, tendo en conta o pulo desa liñaxe desde a metade do século XIV e todo ao longo do XV, un pulo político e social pero tamén cultural. Coas súas irregularidades, os poemas teñen a aparencia de obras experimentais. Semellan indicar que o outono poético do galego medieval non só foi máis tardío do que supuñamos, senón tamén máis rico e creativo. En todo caso, o alcance da súa importancia non se limita á historia literaria galega, mais atinxe o conxunto da historia literaria peninsular.
Ofrecemos unha pequena mostra do manuscrito cunha presada de imaxes e de textos en edición crítica. Unhas e outros están extractados do volume En cadea sen prijon. Cancioneiro de Afonso Paez, que recentemente preparamos para a súa publicación pola Xunta de Galicia.
Poys que ja quero morrer
Poys que ja quero morrer
mando ben alta fazer
a cova para meter
meu corpo dentro en ela
—da que soo moy namorado
e por quen paso coydado
e me ten atormentado,
que é moy linda e bela.
Mando ali enterrar
meu corpo, en seu lugar,
poys que me quiso matar
sen lle eu fazer error,
e me dou tribulaçon,
e trouxo en sua prijon
senpre o meu coraçon,
seendo eu seu servidor.
E mando moy ben tanger
os sinos por coñoscer
a que me trouxo en poder.
Tangeran toda sazon
pero que me non quis confortar,
ante me leyxou penar
e moytas coytas pasar,
non sey eu por qual razon.
Maldigo miña ventura
Maldigo miña ventura
e o dia en que eu nascin!
pois ¡triste, coytado, maldito de min!
por miña señora vivo en rancura.
Maldita seja sua fremosura,
e o dia en que a eu vin!
E maldito o dia en que a coñocin,
poys por ela vivo en amargura!
Pero non a culpo, ca non é de culpar,
mays culpo a min e ao que me fadou,
que me tal fada ao colo deytou,
que ja sobre min non poso tornar.
E culpo a min, que a foy amar,
e culpo meus ollos e meu coraçon,
que me deytaron en tal afliçon
que noytes nen dias non poso folgar,
que un dia a miña señor preguntey
(a esta por que paso coytas e dolor):
“Dizede vós, miña nobre señor,
poys que vos servi e nunca errey,
se de vós galardon algun averey,
ou se esperarey en vosa mercede.”
E ela me diso: “Por certo sabede
que no me demandardes culpa non ey.”
Porende culpo triste, coytado,
a min e ao que me foy engendrar
e tanta vergonça a min quiso dar,
poys que vivo de miña señor alongado,
que por vergonça eu ando anojado
e vivo triste sen ningun placer,
porlo qual moyro e quero morrer,
ou se viver, viverey penado
Miña señora, por vosa nobreza
Miña señora, por vosa nobreza
querede ora meu cor confortar,
e tirar a min de tanta graveza
e dolor e grande pesar,
e non me leyxedes tanto penar,
mays querede a min responder
se é voso talente a min de valer
ou por voso amor me leyxardes matar.
Querede-me ora dar bon recado
e confortar este meu coraçon,
que meu corpo vive penado
con gran dolor e tribulaçon.
Se de vós non ey galardon
desta terra me yrey alongar,
ante que tal vida agora pasar
e viver en tal maldiçon.
Finda
Meu desejo ja chega a morte,
caentura, dolor, pesar forte
que ora paso en esta sazon.