Ofrenda a Nosa Señora do Carme

p/Manuel Martínez Caamaño

Neste mes de Xullo celébramos en Muros as festas na honra da Nosa Señora do Carme. Festividade especialmente vivida e sentida por todos os que dedicamos as nosas vidas aos traballos no mar.
Picture37Fai dous anos recaeu sobre a miña persoa a honra e a responsabilidade de exercer de oferente, no nome do colectivo mariñeiro muradán, a Nosa Señora dos Navegantes na misa solemne do seu día.
Aseméllame que non podía pasar por alto este número de THE MUROS TIMES tan salientable festividade para todos os pescos e aproveito para volver a lembrar aquelas sentidas verbas que un día escribín na honra da nosa “Pendanguiña”

Ofrenda a Nosa Señora do Carme
Santísima Virxe do Carme, Patroa dos navegantes, Nai do Noso Señor e Nai nosa : quero comezar estas verbas pedindo a Vosa indulxencia se nalgún momento a emoción atenaza as miñas palabras; porque estas son verbas que non xurden tan só da miña boca nin da miña consciencia, senón que son anaquiños do meu corazón e do meu máis íntimo sentir
Nosa Señora do Carme, axeonllado e humilde preséntome ante Vós coa grande carga as miñas costas de ter que representar no día de hoxe ás xentes do mar, a túa xente.
Seino, querida Nai, os homes do mar non nos significamos especialmente nas nosas mostras públicas de fervor relixioso; pero tamén sei que se nos abrisen o peito, aló, moi preto do corazón, atoparíase en todos e cada un de nós unha imaxe túa, Nosa Señora;
por que é aí onte te levamos, é aí onde te sentimos e é aí onde máis intimamente te veneramos.
E é así Amantísima Nai, por que dende moi nenos, dende que apenas tíñamos uso de razón fomos ensinados a quererte e a venerarte polos nosos maiores. Fomos levados da man ante ti para amosarnos a imaxe que representa un dos valores máis senlleiros das nosas máis arraigadas crenzas .
Gravadas no meu maxín como se vívidas imaxes fosen teño aquelas lembranzas da miña nenez daqueles vellos e curtidos homes de mar que ao teu paso polas rúas da nosa Vila descubríanse respectuosamente e como algúns deles eran incapaces de conter aquela bágoa traizoeira e rebelde que esvaraba polas súas fazulas.
Homes duros acostumados a vidas duras, pero que ante a túa vista deixaban entrever as súas emocións e o seus máis profundos sentimentos.
Tamén acude a miña memoria o momento no que a túa imaxe asomaba aos peiraos da vila e como eu, levado da man do meu pai e na ponte do “Hercules” facía soar a buguina de vapor que xunguida ás dos outros barcos do porto e á serea da vella lonxa producían un balbordo tal que na miña imaxinación de neno pensaba que se achegaba o fin de todos os tempos.
Pasados os anos, fun eu quen levou aos meus fillos ao peirao a bordo do barco no que navegaba para que fosen eles os que anunciasen aquel tan temido por min de neno, “fin do mundo”
Porque foi así Nosa Señora, con estas pequenas cousas que quizais a algún lle parezan nimiedades, como descubrimos que a devoción a Vós, que a devoción á advocación da Nai de Deus na figura da Virxe do Carme era un legado a conservar e a transmitir froito da perseveranza da nosa da nosa Igrexa , dos nosos maiores e da nosa Fe.
Eterna Señora dos navegantes: No día de hoxe que celebramos a túa aparición ante San Simón , onde lle fixestes entrega do teu escapulario, hai un acto que para min ten un significado moi especial: o canto da Salve Mariñeira na capela do barrio da vila que leva o teu nome. Ver ás xentes de Muros , grandes e pequenos, homes e mulleres congregados ao teu arredor cantando con unha única voz a Salve na túa honra é a constatación de todo o anteriormente dito; o pobo de Muros quérete e venérate como Nai e a xente do mar, como Patroa e Protectora.
E como Protectora que és nosa, quero aproveitar este momento, Virxe Santísima, para pedir que avoges ante Deus Noso Señor polas necesidades destes que somos teus fillos; porque somos humanos e temos as nosas cuítas e as nosas miserias.
Non te esquezas, Nosa Nai de todos os que padecen necesidade nestes tempos difíciles onde a falta de postos de traballo leva a moitos a pasar penurias económicas.
Infunde cordura aos que nos gobernan para que saiban levar a bo termo o destino da nosa terra.

Danos prudencia, para que saibamos respectar os nosos caladoiros as nosas rías e os nosos mares, e así como foron fonte de vida para os nosos devanceiros e para nós mesmos o poidan seguir sendo tamén para os nosos fillos.

Axúdanos aos que temos a responsabilidade de patronear os barcos das nosas distintas flotas para que sempre poidamos traer a bo porto aos compañeiros que confían as súas vidas na nosa pericia e na nosa cordura. Faino sostendo canda nós as cavillas dos nosos temóns.

Non te esquezas tampouco, Raíña do Ceo de todos os teus fillos que perderon as súas vidas no desempeño das tarefas no mar. Acada que todos poidan chegar ante a presenza do teu Divino Fillo, conforta aos seus deudos e protexe aos seus fillos.

Prégoche que atendas estas nosas súplicas e que acubilles baixo o teu protector manto a todos os homes e mulleres embarcados en calquera dos barcos que andan espallados polos mares deste mundo.
E xa para rematar quero aproveitar algunhas das estrofas desa Salve que antes mencionaba para, coa miña voz, que neste dia representa o sentir dos teus fillos que eliximos o mar como forma de vida e de traballo, honrarte , Nai de todos nós e para renovar as ofrendas de todos os que me antecederon nesta encomenda.
Salve, Estrela dos Mares: guía das nosas vidas e faro que aloumiña as nosas navegacións. Cantas veces na ponte dun barco, ao carón da túa imaxe, en momentos de dúbida ou de perigo algún de nós invocou a túa maternal protección!
Salve, Fénix de Fermosura: porque só ti, Dona do Carmelo és quen de acadar que nós , homes acostumados a soidade do mar e ás ausencias dos nosos, recobremos a esperanza tan só rememorando a túa fermosa faz.
Salve Nai do divino Amor: que nos acubillas baixo o teu manto igual que como cando éramos nenos nos refuxiabamos no colo das nosas propias nais. E igual que as veneramos a elas tamén te veneramos a ti, Raíña do Ceo.
A túa clemencia danos consolo, por que a pesares das nosas debilidades humanas sempre podemos contar coa túa misericordia.
E fervoroso chegue ao Ceo e ante ti o noso clamor…
SALVE, SALVE, SALVE !
Manuel Martínez Caamaño
Mariñeiro.
16 de Xullo de 2011

Acerca de themurostimes

Revista Dixital Muradana
Esta entrada fue publicada en Cousas que interesan y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s