p/ Manuel M. Caamaño
A voga xa se facía insoportable e ninguén sabia canto quedaba para chegar a porto.
A mesta néboa que cubría as augas dende facía varias horas impedía que os mariñeiros puidesen ver algo mais aló da súa proa , e a encalmada facía da vela un colgaracho inerme e inútil que pendurada morta do mastro.
O patrón cunha man termaba do leme e coa outra sostiña unha pequena caixa de madeira na que gardaba unha vella agulla de marear.
Da súa gorxa fuxía a cada pouco un aturuxo de ánimo para acompasar a voga dos mariñeiros. Voga que ía perdendo intensidade e forza co paso do tempo.
– Ánimo meus homes! Que xa debemos estar na altura de Meixide. Se seguimos vogando así, pronto teremos que ver xa a liña da costa.
Hermindo da Crega agarraba o seu remo con forza, pechaba as súas mans sobre el e tiraba cara o peito , peito do que xurdía un berro de animo e de rabia con cada golpe de remo; a súa queixada trincada daba a súa faciana unha expesión dura de esforzo , e nas súas vidallas marcábanse unhas profundas engurras que o facían parecer un vello, a pesar de non acadar aínda os trinta anos.
Non tiña trinta anos Hermindo da Crega , mais xa levaba dende os nove cun remo entre as mans , de tal xeito que o aparello semellaba unha extensión mesma dos seus brazos.
……..
– Por babor escoitase lavar nas pedras!- Dixo un dos mariñeiros.
– Ceade de babor e moderade a voga- foi a resposta do patrón.
Pouco a pouco foron xurdindo de ente a néboa unhas pedras que non puideron identifican no intre. Cando chegaron ao pé delas, Lelo, que era un dos rapaces máis novos de a bordo , agatuñou pola rocha para tratar de recoñecela.
-Patrón, a min paréceme que isto é Miñarzo- berrou o rapaz dende enriba das pedras.
– Embarca entón Lelo, que si é Miñarzo ao SSE, como a unha hora temos que topar o Meixón…
Hermindo da Crega aferrou outra vez a queixada e dispúxose de novo a tirar polo remo.