p/Xokas Figueiras
Tipo de ben: Ermida, Paisaxe histórica/cultural, Paisaxe natural,
Concello: Muros
Parroquia: Esteiro (Santa Mariña)
Lugar: Esteiro
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida, Época Baixomedieval, Século XX,
Descrición:
A illa da Creba sitúase na ría de Muros e Noia, a media distancia entre os dous pobos pertencendo ao Concello de Muros, parroquia de Esteiro. Cunha superficie total de 65.398 m2 sitúase a tan só 240 metros da costa (Cabo Uia) e é visible dende tódolos puntos da ría.
Existe documentación dela dende tempos remotos, xa Plinio a situaba nos pobos Tamaricos dicindo que nela se atopan as famosas Aras Sextianas, feito que parece corroborar Carré Aldao ao dicir: “que las tan discutidas Aras sextinas, torques de oro y fíbulas preciosas aparecieron por estas parades y fueron a enriquecer las colecciones soberbias del Sr. Blanco-Cicerón”. Na Historia Compostelana relátase como os piratas, sarracenos uns e normandos outros, instalados na illa asolaban frecuentemente a costa provocando que os nativos abandonasen as súas casas de comezos da Primavera ate mediados do Outono refuxiándose nos montes cercanos. Alvaro das Casas escribe: “Que a últimos del siglo XI, los árabes hicieron incursiones por los alrededores de la Villa de Noya y que en el año 1115 dominaron la isleta de la Creba, cerca de la desembocadura del Tambre, arrasando la Villa de Noya”
O Arcebispo Xelmirez para combatir estas incursións manda chamar a enxeñeiros Xenoveses para construír unha flota que defenda a costa dos tan temidos piratas provocando grandes estragos entre os mesmos pois non so serviu a flota arcebispal para detelas correrías, senón tamén para atacalos nos seus escondites e incluso en mar aberto. Sabemos que a mediados do século XVI xa había constancia dunha ermida na illa xunto con dúas construcións, unha delas empregada polo ermitán como vivenda. A ermida debeu revestir importancia en anos anteriores pois no ano 1571 durante unha visita fálase do estado das construcións así como manda que se empreñen as diferentes rentas propias da ermida (sen especificar caless) para o saneamento da mesma, tamén aparece nun documento sobre un naufraxio acaecido nas inmediacións da illa no ano 1533. A ermida xa aparece desfeita no ano 1867 no Derroteiro das Costas de España e Portugal dicindo que só se conservan unhas ruínas na cima da illa e que só é navegable a canle de auga que a separa da terra por embarcacións menores debido a presencia de grandes pedras, o que parece corroborar o que na tradición popular se garda de que houbo un tempo no que a illa estaba unida a terra. Existe unha lenda recollida por Vicente Risco sobre a illa e a ermida existente nela que aínda segue viva entre os veciños que di o seguinte: “Na Creba había mouros que tiñan un templo do seu falso deus. Os cristiáns matáronos deixando só á filla do xefe, a cal invocou ao demo, que levantou unha tempestade que afogou aos cristiáns e separou a illa da terra e converteu á filla do xefe nunha serpe xigante que afundía os barcos. Os cristiáns acudiron a un home santo o cal mandoulles construír unha capela na illa adicada a Nosa Señora da Creba.” Varias testemuñas de veciños parecen corroborar a existencia dunha ponte que unía a illa a terra, da cal din que aínda son visibles os alicerces. A comezos do século pasado, moitos anos despois de desaparecida a ermida aínda seguía viva entre as xentes da contorna, os cales mentres viaxaban no “Carreto”, (vapor que facía a ruta de Muros a Noia) ao pasar polas inmediacións da illa descubrían as cabezas, os homes, e as mulleres rezaban unha Salve na honra da Virxe da Creba. Ao longo do século XX a illa sufrirá un proceso de privatizacion no cal desaparecen os restos da ermida para dar paso a unha casona na década dos oitenta quedando así restrinxido o uso que secularmente viñan facendo os veciños de Esteiro da illa mentres os “novos” donos transformaron a súa morfoloxía construíndo un porto de abrigo e plantando piñeiros na mesma. A dia de hoxe a illa segue sendo privada mais os veciños organizados nunca plataforma están a loitar por recuperala sen obter moitos resultados.
Os veciños loitan pola recuperacion da illa e lembran numerosas coplas que fan referencia ela como por exemplo: “Indo polo mar abaixo/o vento rifoume unha vela/nosa Señora da Creba/diume vento para ela.” “Quen me dera estar na Creba/e na Creba haber un piño/para ver o que pasa/esta noite en Portosiño” Tamén vive na memoria de todos a lenda dos mouros recollida por Risco, e na dos mais vellos a romaría que se facía na illa na honra da Virxe aínda moitos anos despois de desaparecida a capela, así como a recollida de toxos na mesma ou como pasaban os animais para que pacesen na mesma.
Referencias bibliográficas:
Historia Compostelana.- DIEGO XELMIREZ
Historia de Muros y su distrito.- RAMÓN de ARTAZA
Las rias Gallegas.- RAMÓN de ARTAZA
O cemiterio de Sta. María a Nova.- ALVARO de las CASAS
Derrotero de las Costas de España y Portugal .- 1867
Afeccións
Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:
A día de hoxe a illa atópase edificada, sobre os restos da capela ergueuse unha casona. O terreo da illa tamén variou debido a plantación dun bosque de piñeiro e a construción dun porto de amarre. Os numerosos esforzos que veñen facendo os veciños pola recuperación do espazo non dan froito e non se fixo ningunha prospección arqueolóxica nin actuación de ningún tipo por parte das autoridades pertinentes.