A Testemuña

p/ Marcelino García Lariño

 A xente non é tola, que sabe moi ben o que di e o que fala. Non é tan tola como moitos coidan. O que pasa é que moitos fanse os tolos para non vogar; e hai outros tamén que o son algo, ou moito asegundo a debilidade cranial, aínda que o queiran disimular, pero ben que se lle nota.Imagen11

Tolos tenos que haber que os houbo sempre; pero non tantos como di a xente, Hai máis tolos de aparencia que de enfermidade, que son ós que lle acae moi ben que lle chamen tolos, sendo aquela conta máis tolos que eles os que lle chaman. Hai quen se fai o tolo, hai que pasa por tolo, hai que coida que está tolo, hai quen presume de tolo, sen estaren tolos. E hai tamén, que os hai e non hai por que negalo, quen se ten por cordo e está toliño de ves.

Non quero dicir con esto que o ser tolo sexa unha carreira. Pero que é un oficio, eso si que non o dubido. Cantos hai que exercen a profesión de tolos, e comen de balde porque din que están tolos, e teñen papeis de tolos, e cobran por tolos sen selo. Eso pasa tanto nas cidades como nas aldeas. Nas cidades hai máis tolos, aquela conta, porque hai máis xente e correspóndenlle máis pola renda per capita.

Venme agora mesmo ó caletre este caso verídico, que non é un conto, que pasou no xulgado de primeira instancia:

Había un preito por unha finca, e a unha muller que chamaron a declarar, que non tiña a sona diante dos fregueses de ser moi capacitada –eso coidaban eles–, preguntoulle o xuíz:

–Vostede pode precisar onde se atopa a leira obxecto deste preito?

E a boa da mulleriña, pensou ben o que ía a contestar, que de tola tiña pouco e de aproveitada moito máis, e con moita educación, eso si, contestoulle:

–Señor xuíz. Precisar, o que se di precisar, non porque o finado de meu pai cando morreu deixoume leiras abondas; pero, se ma dan…

Eso si que é falar, e o demais son contos. Que me deixen a min de tolos e de toladas.

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Contos e Lendas y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s