P/ Henrique Monteagudo.
A finais do ano en curso ou comezos do 2014 virá a lume o número 200 de Grial. Revista galega de cultura. Como a publicación sae cada tres meses (é un quarterly, como se di en inglés), esta cifra significa que Grial está para cumprir cincuenta anos. Cinco décadas acudindo sen interrupción e puntualmente á súa cita cos prelos e cos lectores converten a Grial na decana das revistas culturais galegas e mais nunha das máis veteranas da península ibérica. Estamos ante unha desas modestas fazañas que pasan ignoradas polos medios de comunicación, as autoridades e o gran público, mentres non paramos de ser bombardeados coa exaltación –como se se se tratase de proezas históricas (un dos adxectivos máis desgastados no discurso mediático)– de feitos, iniciativas e emprendementos de relevancia menor, cando non pura e simplemente insignificantes.
A primeira tentativa de sacar unha publicación das características da nosa revista foi a chamada Colección Grial. Aconteceu en 1951, pero a aventura –pois dunha aventura se trataba, e ben arriscada, como decontado veremos– durou pouco máis que un espentenexo. Un dos seus impulsores, Ramón Piñeiro, cóntao así:
“Ao fundarse a editorial Galaxia [en 1950], tívose a intención de a identificar como grupo cultural galeguista e non como mera empresa editora de libros. Para isto precisábase contar cunha publicación colectiva que aparecese con regularidade. Quer dicir, necesitábase unha revista cultural galega. Pero a aparición de revistas novas, mesmo en castelán estaba rigorosamente prohibida. Para podermos contar cun instrumento capaz de suplir a función de revista, xa que esta non era factible, ideamos a publicación dunha serie de cadernos sobre temas máis ou menos monográficos, con estutura fixa e regularidade cronolóxica, serie que bautizamos de Colección Grial” (véxase O espertar da conciencia galega, 95-104).
En efecto, entre 1951 e 1952 saíron catro números, cos seguintes títulos: (1) Presencia de Galicia, (2) Pintura actual en Galicia, (3) Presencia de Curros y Doña Emilia e (4) Aspectos económicos y jurídicos de Galicia. A publicación era obrigadamente bilingüe, pero os títulos dábanse en castelán, para disimular no posible o uso do galego. A pesar de todas as cautelas, a reacción do falanxismo fanático e das autoridades franquistas non se fixo esperar. Xa cando saíu o primeiro caderno, o xornalista Juan Aparicio, director do diario madrileño Pueblo (órgano do Movimiento Nacional, partido único da ditadura), publicou unha ‘Carta aberta’ ao Ministro Secretario General del Movimiento, Raimundo Fernández Cuesta, un consumado fascista, que ameazaba directamente á editorial Galaxia, en palabras que pasaron á historia universal da infamia e da persecución do noso idioma:
“El escritor que escribe en gallego en la Colección Grial de la Editorial Galaxia de Vigo porque el castellano le parece tosco, infiel e inexpresivo, es un escritor que tiene faltas de ortografía en su pluma y en su alma. Querido y respetado Raimundo: había que someterles a una cura psicoanalítica o traerles a Madrid por las buenas o por las malas, para que tonifiquen su sistema moral y su sistema nervioso.”
Para maior desgraza, o energúmeno de Juan Aparicio foi designado meses despois Director General de Prensa do goberno español, encargado, como tal, da censura e a autorización das publicacións. Meu dito, meu feito: faltoulle o tempo para decretar a suspensión inmediata da publicación da Colección. Así, houbo que esperar máis de dez anos para que, en 1963, a editorial Galaxia obtivese permiso gubernativo para a publicación de Grial, agora xa como revista, coa condición de que polo menos o 50% das súas colaboracións estivesen escritas en castelán. Aínda que a proporción de textos en galego foi medrando cos anos, a primeira vez que se puido publicar a revista integramente no idioma do país foi no ano 1975, precisamente no número 47, dedicado a conmemorar o 25 cabodano do pasamento de Castelao.
Como a lexislación da época obrigaba a que as revistas tivesen un director con carné de oficial de xornalista, nos primeiros anos aparecía con tal cargo Xosé Landeira Yrago, pero en realidade o equipo directivo de Grial durante as súas dúas primeiras décadas estaba constituído por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, coa estreita colaboración, entre outros, de Ricardo Carballo Calero. Desde os seus inicios, a revista se esforzou por dar conta con seriedade e rigor de todos os aspectos da cultura (as artes, as letras, a historia, a filosofía, pero tamén a economía e a socioloxía), cun enfoque galego pero cun horizonte non pechado e pasadista senón aberto e modernizador, procurando contactar cos fenómenos máis relevantes da cultura contemporánea. Dábase amplo cauce á creación literaria e prestábase especial atención ás traducións ao galego de autores de todos os tempos, pero con especial atención aos vivos. Tamen se fixo un gran empeño en conectar coa cultura galega da emigración e do exilio: desde Emilio González López ou Ramón Martínez, catedráticos en Nova York e Texas, a Luís Tobío en Montevideo, ou Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor e Rafael Dieste en Buenos Aires.
Así, durante esta primeira épocade Grial, unha brillante xeración de ensaístas galegos, uns maduros e outros mozos, colaborou nas súas páxinas: entre os primeiros, figuras consagradas como Ramón Otero Pedrayo, valores na súa plenitude como os xa citados Piñeiro, del Riego e Carballo, pero tamén Álvaro Cunqueiro e Domingo García-Sabell; entre os máis novos, talentos como Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Beiras, Andrés Torres Queiruga. En definitiva, Grial foi durante dúas décadas case o único voceiro da cultura en galego, reflectida nas súas páxinas en toda a súa rica pluralidade. É o mellor testemuño da evolución da nosa cultura naquelas décadas finais do franquismo e os anos inaugurais da democracia.
* * *
En 1988, coincidindo co seu 25 aniversario, os directores da revista, os para min tan saudosos Piñeiro e del Riego, facendo gala da súa proverbial xenerosidade, decidiron apartarse e deixar camiño a un equipo de xente máis nova. Daquela, colleu o temón o escritor Carlos Casares, director de Galaxia. Así, sen saber eu moi ben a conto de qué, tiven a honra de que este me pedise entrar a formar parte do consello de redacción. A miña colaboración coa editorial Galaxia, naquela altura, limitábase á tradución da obra A lírica trobadoresca galego-portuguesa, do eximio mestre e profesor da Universidade de Roma Giuseppe Tavani –tradución que fixeramos a partir do italiano eu e a miña colega e amiga Rosario Álvarez– e á redacción, xunto a esta mesma profesora, da primeira Gramática Galega redactada integramente en galego desde os anos ‘30. Ambos os libros viñeran a lume en 1986. Estes traballos déranme a oportunidade de tratar cada vez con máis familiaridade (pois eran persoas extremadamente acolledoras, afables e cariñosas) a Piñeiro, del Riego e Casares, tres personaxes que me distinguiron coa súa amizade, me ensinaron infinidade cousas –tanto intelectuais como humanas– e deixaron unha pegada indeleble no meu ánimo.
Cando Carlos Casares, director de Grial ata o seu inesperado pasamento en 2002, me propuxo entrar a formar parte do consello de redacción da revista, eu tentei disuadilo, argumentando, entre outras cousas, que marchaba a traballar no estranxeiro, pois acababa de ser contratado pola Universidade de Birminghan, no Reino Unido. Ao contrario, retrucoume, isto aínda era unha vantaxe para a revista. A verdade é que só ao meu regreso me incorporei de cheo ás tarefas da revista. Daquela impúñase unha renovación dos seus contidos, pois xa apareceran varias publicacións especializadas en distintas áreas das humanidades e as ciencias sociais, ao tempo que a crecente especialización do profesorado (sobre todo, do universitario) dificultaba o cultivo do xénero predilecto da revista, o ensaio: textos con fundamento científico pero escritos con perspectiva persoal, e dirixidos ao público culto, pero non especializado.
A revista gañou en espesor intelectual, sen perder en audiencia. Entre outras cousas, gozaba e goza dunha sorprendente difusión internacional; por exemplo, está nas bibliotecas das máis importantes universidades europeas e americanas, constituíndo deste xeito unha referencia para a difusión exterior da nosa cultura. Arredor de Carlos Casares os membros do consello de redacción da revista pasamos faladoiros divertidísimos, interesantísimos e moitas veces interminables. Naqueles anos, tiven a sorte de forxar unha amizade moi estreita con aquel escritor magnífico, tanto polas súas novelas como polos seus artigos de prensa: unha das persoas máis intelixentes, cultas e amables que coñecín. Un intelectual cunha perspectiva verdadeiramente internacional da cultura, que botaba a metade do ano viaxando, e lía a cotío nos seus idiomas orixinais, para estar sempre ao día, a prensa e as revistas literarias británicas, francesas, alemás e norteamericanas, sen deixar de visitar anualmente Suecia, a patria da súa dona, a lembrada Kristina Berg, que nos acaba de deixar o ano pasado.
Cando se produciu o pasamento de Carlos Casares, en 2002, fíxose cargo da dirección da editorial Galaxia o xornalista, escritor e profesor Víctor Freixanes. Como vello amigo desde os seus tempos de director de Edicións Xerais de Galicia, coa que eu colaborara intensamente na década dos ’80, Víctor propúxome ser, canda el, co-director de Grial. Sinceramente, nunca imaxinara que me cabería a honra de dirixir unha revista con antecedentes tan ilustres. Pero non puiden negarme. Desde o número 157 ata hoxe Víctor Freixanes e eu vimos dirixindo a revista coa colaboración de intelectuais tan importantes como Ramón Villares, científicos como Domingo Docampo (ex-reitores das universidades de Santiago e Vigo, respectivamente), investigadores como Uxío Labarta, pensadores como Carlos Fernández, profesoras e escritoras da talla de Marilar Aleixandre.
Nesta etapa dos últimos once anos, a revista mudou o seu deseño, incorporando a imaxe e a cor, procurando sempre anchear horizontes intelectuais pero sen deixar de ser escrupulosamente fiel ao seu espírito fundacional: servir como foro de intercambio entre os distintos campos e os diversos sectores da cultura galega, pugnando pola súa renovación constante e procurando levala a un público amplo, tanto en Galicia como polo mundo adiante. Queremos continuar dialogando e debatendo, desde o noso país e no noso idioma, co noso propio tempo, afrontando os retos e as oportunidades da actualidade e ambicionando proxectar a nosa tradición cultural rica e milenaria, da que nos sentimos orgullosos, cara a un porvir que, se o país se empeña, poderá ser ventureiro. E oxalá o sexa!