Son Francisco Dubert García. Marchei de Muros para Ferrol no ano 1975, ós sete anos; de alí fomos para Santiago no 1977, onde sigo a vivir e traballar. As amigas de miña nai preguntábanme cada vez que iamos á vila: «¿Y que te gusta más: Muros o Ferrol?”. Non había dúbida ningunha na resposta: “Muros”, contestaba eu. Levo en Santiago máis de trinta e cinco anos e, cando me preguntan de onde son, tampouco dúbido de ningún xeito: “de Muros”. Para moitos muradáns hoxe serei un turista máis que pasea pola Axesta ou pola Fonte Vella, pero como esquecer que estudei na escola de San José (ó lado da Academia e da Alameda), que fun ó catecismo e xoguei no pórtico da colexiata, ou ás espadas no Limoeiro, que fixen arcos de loureiro, que fun á papona cun sacho prestado ou que remexía nos eitos que outros facían, que me bañei nas escaleritas e na rambla da Calle Ancha, que explorei o Macaya-R… E que fun de roquete nas procesións de Semana Santa.
Hoxe son profesor do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, onde explico gramática (os complementos directos, indirectos, a voz pasiva, a estrutura interna do verbo ou do substantivo). Tamén son membro do Consello Científico do Instituto da Lingua Galega. Na USC son compañeiro doutro muradán que colabora nestas páxinas, Henrique Monteagudo: gran amigo e sempre mestre. Ademais do meu labor docente, investigo sobre a fonoloxía (a pronuncia das oracións e frases), a morfoloxía, a dialectoloxía (como o galego cambia ó longo do territorio), a gramática histórica (como o galego cambia co tempo) e os resultados que ten para o galego o seu contacto co español.
Casei cunha fisterrana, Susana, e tiven tres fillos. Cando non vou a Muros, vou a Fisterra: sempre teño o mar á man. Con esta biografía, ¿que máis podo pedir?