p/ María Xosé Alfonso Torres
A maioría das persoas identifican as matemáticas cunha disciplina moi aburrida e difícil. Rápidamente pensan en problemas de difícil resolución nos que hai que aplicar fórmulas e algoritmos complexos. Cantas veces escoitamos “A min as matemáticas non se me dan”!!!
Isto é porque todas estas persoas non son conscientes de que están empregando as matemáticas constantemente. E non só cando van a unha tenda a mercar, non, xa sen saír da súa casa.
Non é raro que despois dunha comida en familia ou con amigos, durante o café e a sobremesa, alguén plantexe un “xogo”, de palillos, acertixo,…… Por exemplo:
Poñendo unha raia recta nalgunha parte desta expresión, antes do igual, isto que agora é falso convírtese en verdadeiro
5 + 5 + 5 = 550
Ou, “Movendo só dous palillos hai que conseguir que esta vaca que está mirando ao sol mire á lúa” Por suposto, non pode quedar unha vaca “mutante”, isto é , non pode quedar con dous rabos ou unha orella ou patas arriba.
Pero ademáis, empregamos as matemáticas cando facemos a comida, pois se temos unha receta para catro persoas pero temos que facer de comer para un número distinto de catro xa temos que aplicar as proporcións. Ou porque non temos suficiente cantidade dalgún dos ingredientes. Se temos que facer unha tarta para a que, según a receta, precisamos oito ovos pero só temos seis entón teremos que adaptar as cantidades do resto dos ingredientes a esta cantidade de ovos, ou non? Pois xa estamos aplicando as proporcións (si, si, iso que se estuda nas clases de matemáticas). E seguro que moitas das persoas que aplican as proporcións correctamente e elaboran deliciosas recetas teñen dito en máis dunha ocasión que non se lle dan ben as matemáticas.
Cando nos chega a factura da luz todo o que alí hai son matemáticas, atopamos ademáis de sumas, restas e productos, porcentaxes (nos descontos e no IVE), un diagrama de barras (cos consumos dos meses do último ano), unha media (coste medio diario da enerxía do período, xusto debaixo do diagrama de barras), unha táboa de datos (coa información da facturación ATR) e gráficos de sectores (coa orixe da electricidade). Todo iso son matemáticas e o vemos e interpretamos cada vez que miramos a factura
E se imos mercar ou temos sorte e nos regalan unha xoia de ouro? Que é iso dos quilates? Por que algunhas persoas teñen alerxia ao ouro que non é de 24 quilates?
O ouro de 18 quilates (por exemplo) en realidade é unha aliaxe (mistura) de ouro puro con outros metais (sobre todo prata), nunha proporción de 18/24, é dicir, de 24 partes só 18 son de ouro puro e o resto doutros metais. E as persoas que só poden poñer xoias de ouro puro (de 24 quilates) é porque en realidade son alérxicas a algún deses outros metais que forman a aliaxe.
E podería seguir, porque estamos “rodeados de matemáticas”, así que iso de que non se nos dan as matemáticas non debe ser certo de todo, non vos parece?