Entrevista a Frei Xosé Manuel Castiñeira González

p/Jorge Lago de Pexejo

Picture16Teño que confesar que cando se me plantexou a oportunidade de facer unha entrevista a un home do clero se me presentaron máis dúbidas de como conducila que en ningunha ocasión anterior. Pode un como entrevistador afastado da Igrexa ser ecuánime nas súas preguntas? A resposta a tal pregunta verase ao final da nosa conversación, pero os antecedentes deste personaxe que introduzo hoxe fanme pensar que si, que dentro do hábito, ademais do monxe está unha persoa que se sente próxima ao mundo e atreveríame a dicir que tamén á idea da propia orde que se fundou hai máis de 800 anos.
Frei Xosé Manuel Castiñeira González naceu en Guillarei, unha parroquia do concello de Tuy no ano 1963. Unha nenez normal como calquera outro rapaz, remata os estudos en BUP e empeza a traballar pola súa conta nun invernadoiro de caraveis, despois de albanel e tamén nunha fábrica de madeira. Despois dos estudos produciuse un proceso de distanciamento coa Igrexa e perda de fe pero despois dalgunhas experiencias e busca persoal o destino lévao a un convento franciscano onde segue o proceso de formación na Orde estudando en Vigo, Santiago e os estudos de licenciatura en Salamanca. No ano 2007 ordénanlle sacerdote e como a Provincia ten intereses no Camiño de Santiago e el é seguidor do tal, encoméndanlle unhas parroquias no Bierzo (León)
Picture17Alí empeza a restaurar igrexas abandonadas e a tratar coas xentes daqueles pobos marxinados pola administración e dar atención aos peregrinos nesas parroquias.
No ano 2011 tras un acordo da Provincia coa Diocese de Lugo para atender pastoralmente o Santuario de Cebreiro noméanno Rector do Santuario e gardián da nova Comunidade Franciscana de Cebreiro e no ano 2013 trasládano a Muros onde foi nomeado gardián do Convento de Louro e párroco.
Segundo as súas propias palabras, empeza esta nova etapa con ilusión e forzas intentando que o convento teña un marcado aspecto de vida franciscana aínda que tal labor vaia ser difícil, un sempre conta coa axuda de Deus.
J.L._ Poucos curas admiten así de boas a primeiras as súas crises de identidade especialmente en cuestións de fe. Ti falo cunha candidez que di moito da túa personalidade. A pesar de ver e vivir nun mundo non necesariamente xusto, Qué te fixo reencontrar o camiño da fe?
Frei Xosé Manuel._ No ano 91, con motivo dos 75 anos das aparicións de Fátima miña irmá me invita a ir a Fátima e eu acepto. Cando chegamos, aquilo me parecía un absurdo: xente de rodillas, mal vestidas, moita sucidade, símbolo da opresión e ignorancia que a Igrexa exercía sobre o pobo. Na misa final sentín desprezo polos representantes da Igrexa. Eles ala arriba ben sentadiños e a xente de pe e cansada. Non obstante na procesión, o remate da misa, a xente despide a Virxen con panos brancos e se me puxo a pel de galiña. Despois rematado o acto fomos ata a casa dos pastorciños, e nunha estación do Vía Crucis, había un home pedindo. Era tan feo e desagradable o seu aspecto que quixen darlle unas moedas, pero a miña conciencia o non sei que me dicía: non lle deas non ves que e un disfraz para fomentar a compasión e despois de este suceso me viña a cabeza este pensamento » si queres ser feliz faite misioneiro» e comencei indo o párroco e comentándolle todo o que me estaba pasando e así pouco a pouco volvín aos brazos  da nai Igrexa.

J.L._O poder é sedutor e moi poucas veces a Igrexa soubo ou quixo vencer tal sedución e a percepción de aqueles que non foron tocados pola Graza é que a Igrexa ve as inxustizas terrenas dunha maneira demasiado pasiva.
“Si queres ser feliz faite misioneiro” dixeches ti porque algo che moveu por dentro.
Pódese ser feliz vendo tanta inxustiza?
Picture18Frei Xosé Manuel._ Tes toda a razón en dicir que a Igrexa moitas veces se deixa seducir polo poder, como dí o Papa na exhortación Evangelii Gaudium » ós defensores da ortodoxia, se dirixe a veces o reproche da pasividade, de indulxencia e complicidade culpable respeto a situacións de inxustiza intolerables e os rexímenes políticos que as manteñen.
Respeto a pregunta a única resposta é negativa, non se pode ser feliz ante tanta inxustiza, pero si que é certo que na medida que un combate as inxustizas, que arrima o ombro a causa dos pobres, experimenta un gozo inexplicable. Nesa loita vemos que non estamos sós, que hai irmas que colaboran e que teñen os mesmos ideais e que a pesar de todo podemos confiar no ser humano. Anque non sean cristiáns, sen sabelo eles están construíndo ese Reino fraterno, ese sono de Deus.  E sintes unhas cosquilliñas por dentro que che fan estar contento co mundo, e esa sensación non hai diñeiro que o pague.
J.L._ Eu dedicaríalle toda a interviú a seguir na mesma nota por que me apaixona o contido filosófico do tema e tí falo sumamente dixerible pero estou seguro de que hai moitas outras facetas que lle interesarán non só aos nosos lectores senón tamén aos teus fregueses.
Es Gardián do Convento e Párroco de Louro. Explícanos se che prace a función de Gardián do Convento e como alternas ambos os dous labores.
Frei Xosé Manuel._ A función de gardián  é mais cara dentro da  fraternidade local, consiste na animación da vida fraterna dos frades nos aspectos de oración, organización, toma de decisións, vida en común e a de Párroco é mais cara a xente no ámbito da pastoral parroquial. Estas dúas facetas son complementarias e axudan a levar unha vida mais entregada os demais. A experiencia de párroco e Gardián no Cebreiro permitiume armonizar mellor estas dúas encomendas, aínda que o principio non me foi fácil.
J.L. _ Non sei si San Francisco foi o primeiro ecoloxista , pero unha persoa que hai máis de 800 anos dixo «irmán lobo» e “Si existen homes que exclúen a calquera das criaturas de Deus do amparo da compaixón e a misericordia, existirán homes que tratarán aos seus irmáns do mesmo xeito.” Ese home adiantouse 8 séculos a que debe de ser o trato ético hacia os animais e elevou así de súbito a os animais ó status de persoas contradicindo o dogma de que a creación foi feita para o noso uso e abuso.
Segue hoxe a Orde sostendo polo menos en teoría o respecto hacia os animais, ou iso xa o deixa nas mans dos grupos medio-ambientalistas modernos?
Frei Xosé Manuel._ Non creo eu que San Francisco lle dera o estatuto de persoa os animais, creo que é moito dicir, o que si é certo que para san Francisco todos somos iguales porque todos partimos das mans creadoras de Deus, desde esa condición de criaturas ninguén e mais que nadie, todos somos irmas e iso fai cambiar a nosa perspectiva sobre a creación, non desde o poder sobre ela senón o respeto e o coidado. A ecoloxía é un tema que me encanta, fixen a miña tesiña sobre ela e os meus destinos sempre foron lugares de gran beleza natural onde un pode asombrarse dos encantos da nai terra e como se deixa moldear para sacar dela os mellores froitos. Respecto a Orden o principio era un tanto reacia a esta problemática ambiental, pero hoxe hai unha gran conciencia ecolóxica con proxectos medioambientais en varias zonas do mundo, quizás aquí no noso pais, e digo con coñecemento, xa que fun seis anos delegado de Xustiza  e Paz  e integridade da creación na Provincia, necesitamos ser mais reivindicativo neste campo, creo que os grupos ecoloxistas lévannos vantaxe e temos que unirnos a eles para unir forzas, pero todo se andará.
J. L._ Pensas que hoxe en día o sacramento da confesión ten relevancia en vista de que cada vez máis xente se confesa e verte os seus lastres nos psicólogos de profesión?
Frei Xosé Manuel._ O pecado fundamentalmente e un concepto relixioso porque se enmarca no contexto da nosa relación persoal con Deus. So se pode entender o pecado desde a experiencia de Deus, desde esa experiencia e a conciencia de non actuar de acordo a vontade de Deus é onde o pecador necesita experimentar a misericordia e a compasión de Deus a través do sacramento da confesión. Outra cousa é a culpa, que é a sensación que se produce cando facemos algo que consideramos mal. Como o home postmoderno perdeu esa experiencia de Deus pero ten esa conciencia de culpa necesita un mediador para volver a armonía, ese papel exérceno os psicólogos é unha función que necesita a sociedade. Non obstante unha comprensión errónea do pecado que levaba a persoa a ter uns efectos de angustia e sufrimento tal que non lle permiten experimentar a graza e a liberdade e un horizonte de esperanza que lle transmite o perdón de Deus. Este creo eu que é o a causa da crise do sacramento da reconciliación, mal chamado «confesión».
J.L._ Como empeza o día un frade franciscano no Convento? Empezades con Laudes, Maitines etc.?
Frei Xosé Manuel._ Os frades o longo do día teñen catro momentos de oración, que ten o significado de consagrar todo o día a Deus. A oración da mañá e laudes e esa é a primeira cousa que fai un frade despois de saír da habitación, o mediodía se reza Hora Intermedia a tardeciña Vésperas, e o remate do día as Completas. Nós rezamos Laudes e Vésperas en comunidade e as outras cada tarde en privado. Ademais temos unha hora de oración persoal que facemos o rematar os Laudes.
J.L._ Que tipo de música che gusta? A pregunta implica se podes como franciscano oír ou gozar calquera tipo de música.
Frei Xosé Manuel._ En xeral gústame todo tipo de música, si ben teño as miñas preferencias. A música que más me gusta é a da terra, sobre todo as dos grupos de Folk Galego como Milladoiro, Berrogueto e Luar na Lubre. Tamén gústame moito os grupos que saíron na chamada movida madrileña e viguesa, os Siniestro Total, Resentidos, Golpes Bajos, e os madrileños Radio Futura, Los secretos, Gabinete Caligari, etc. E anque pode resultar un tanto estrano para un frade sempre me gustaron as bandas de rock Deep Purple y Led Zeppelin.
J.L._ Vaia! Frade ou non frade, ben se nota a diferenza xeracional co entrevistador aínda que coincidimos moito polo gusto da música da nosa terra. Practicas algún deporte?
Frei Xosé Manuel._ Actualmente non practico moito deporte,  de forma puntual practico algo de ciclismo e  o senderismo, si ben o deporte que mais pratiquei foi o fútbol.
J. L. _ Eduardo Galeano dixo (e moitos opinan como él), que a caridade é humillante por que se exerce verticalmente e dende arriba. A solidariedade é horizontal e implica respecto mutuo.
Ti que pensas?
Frei Xosé Manuel._ Ten toda razón o sabio Galeano que a caridade entendida como beneficencia e humillante e ferinte, non obstante eu estou en desacordo con il no aspecto da solidaridade que non é tan horizontal nin implica respeto mutuo, porque os solidarios sempre se consideran os bos, e os outros os consideran necesitados, eu prefiro se fraterno no senso franciscano que leva a palabra fraternidade. Os demais son meus irmáns e dóeme o  seu sufrimento. Nestes días donde actualidade se centra na entrada de emigrantes saltando as vallas fronterizas e do seu sufrimento eu me revelo contra os plantexamentos dos nosos gobernantes, que as únicas medidas son impedir por todas as formas a súa entrada, cando como persoas o que nos fai humano e axudar o próximo o que eu considero irmá e que está tirado no camiño. Pola miña cercanía e vivencia das fronteiras xa que nacín cerca dunha e  anque me chamen demagogo prefiro tirar muros, vallas que nos separan e construír pontes que nos acercan e nos hermanan.
J. L. _ Nas últimas décadas a Igrexa estase a enfrontar a problemas abafadores e que aparentemente parecen insuperables. A falta de vocación cara ao sacerdocio parece ser un deses escollos sen vías de solución. Outras comunidades relixiosas anglicanas e protestantes parecen paliar a crise e adiantarse aos acontecementos ordenando sacerdotisas. Aínda habendo oposición de certos segmentos conservadores das devanditas comunidades, seguir ordenando mulleres e mesmo as elevar ao bispado parece ser un feito irreversible. Ti cres que nun futuro máis ou menos próximo a Igrexa Católica irá sendo menos dogmática ao respecto?
Frei Xosé Manuel._ Este é un tema moi complicado o de falta de vocacións, tanto o sacerdocio como a vida relixiosa sobre todo en Europa. Eu non creo que a solución e a ordenación de mulleres, isto é algo mais profundo, si a solución fora a ordenación non hai dúbidas de que a igrexa tomaría esa opción, non obstante nas confesións cristiáns que se dá, seguen tendo falta de vocacións no sacerdocio. A cuestión, sempre desde a miña opinión, que non é palabra de Deus e que o ministerio sacerdotal hai que vivilo desde outra perspectiva, non desde unha función cultual senon existencial. o verdadeiro sacerdocio é o de Cristo e como il nos temos que optar polo seu estilo de vida de dar a nosa vida para que os demais teñan vida, e isto queiras ou non cámbiache a vida e experimentas que a vida merece a pena vivila dándote os demais.
J. L._ Dígoo con sincero pesar, pero temos que empezar a deixar por rematada esta conversación tan ilustrativa e enriquecedora. Foi un verdadeiro pracer o ter mantido este diálogo con alguén que non lle intimida evidenciarse nin o chamar ás cousas polo seu nome.
Antes de someterte ao cuestionario habitual de Bernard Pivot, ofrézoche o pouco espazo que nos queda como púlpito si queres para que nos deas unha última reflexión e aproveito para darche as grazas por dispoñer do teu tempo tan xenerosamente con todos nós.
Frei Xosé Manuel._ Teño que confesar que tamén para min foi un pracer. Eu quero darvos as grazas os que publicades «The Muros Times» porque sinxelamente facedes un traballo moi valeroso, desde a senxileza dun proxecto, que tedes nel todo o voso corazón,  e desde a riqueza que proporciona un traballo ben feito e que rinde culto o que fixeron os nosos ancestros e a cultura que xenera na bisbarra de Muros, considero que é unha honra para min que contedes con este pobre servidor para ser tamén protagonista desta andaina cultural. Ánimo para esta singradura e que o vento da humanidade os leve a descubrir novos rumbos. Grazas pola vosa laboura gratuíta, e por dar esperanza que é posible outro mundo.
J.L._ Cuestionario Pivot.
1. J.L_ Cál é a túa palabra favorita?
Frei Xosé Manuel._ Liberdade
2. J.L._ Cál é a menos favorita?
Frei Xosé Manuel._ opresión
3. J.L._ Qué te emociona?
Frei Xosé Manuel._ a sonrisa dun neno
4. J.L._ Qué son ou ruído che gusta?
Frei Xosé Manuel._ o son da brisa do mar
5. J.L._ Qué son ou ruído detestas?
Frei Xosé Manuel._ o ruído do tráfico nas cidades
6. J.L._ Cál é o teu exabrupto favorito?
Frei Xosé Manuel._ o clásico carallo, neniño
7. J.L._ Qué profesión ademais da que exerces che gustaría facer?
Frei Xosé Manuel._ paiaso
8. J.L._ Qué profesión non desexarías facer
Frei Xosé Manuel._ garda civil
9. J.L._ Qué che gustaría oír que che dixese Deus cando chegases ás portas celestiais?
Frei Xosé Manuel._ «pasa pa dentro»

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Entrevistas y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s