p/Manuel María Pena Silva
In memoriam dos tripulantes do Santa Ana, naufragado á altura do Cabo de Peñas (Asturias), onde perderon a vida catro mariñeiros muradáns e cinco vecinos
doutras procedencias.
E cobras ao contado en sepulturas.
En mar maior, nobre nave liberta,
a muradá confía en SANTA ANA;
emprendera derrota, soberana,
coma decote fai cando ela esperta.
Viste arestora morte a vida humana;
queda a ferida nosa, grande, aberta
admitindo razón que desconcerta
a rutina da noria, tan profana.
Cántabro azul, que, xeneroso, auguras
premio ao labor de anzois e de almadrabas,
torce timóns, se en PEÑAS non desgravas.
Cantil astur, detesto estas facturas
de corte criminal, porque te cravas
na rosa do compás de singraduras…
e cobras ao contado en sepulturas.