MONTE LOURO
p/ Luciano Piñeiro González
un medallón de ouro
cun nome coruscante:
¡MONTE LOURO!
Un outeiral druídico
dos séculos primeiros
ecoa os esconxuros
dos celtas vedoreiros.
O velame do vento
acanea nos mastros
dos veleiros que veñen
abalroando os castros.
Resoa o vello chifre
espertando ó xentío
nas casoupas batidas
polo forte vaguío.
E soben polas costas
do alto medioevo
as verbas mesturadas
do román e do suevo.
Hai unha lingua nova
rolando polos cons
da ribeira. Unha música
chea de doces sons.
E vai o bardo celta
polas lubres antigas
conxurando ós canouros
con versos e cantigas.
E o seu lombo de pedra
cun medallón de ouro
soergue no mallante:
¡MONTE LOURO!