Lembranzas dun vello mariñeiro (IV) «A canoa muradana»

p/ Pedro Caamaño Lago

Antes de todo isto, como dixen antes, empregábanse canoas, e botes polbeiros. As canoas son embarcacións, de unha eslora media de unhas 20 cuartas de quilla, equivalentes a uns 4m ;de manga aproximadamente 1,5m, de puntal sobre 0,70 cm. alcanzando unha eslora total de 5m. ou máis. Estas embarcacións eran feitas exclusivamente polos excelentes e famosos carpinteiros de ribeira da ría de Muros, de unha estética, e unha estructura, que as facían más lixeiras á hora de remar, e máis seguras á hora de navegar en vela. A partir de esa acertada construción, denomináronse “Canoas”. Hai quen se empeña en chamarlle bucetas, (pode que en outras rías sexa así), pero os mesmos carpinteiros acreditan que os de Muros non pedían bucetas, pedían canoas.
Esta é unha pequena canoa, a cal aparellamos con esta vela de relinga, intentando semellar ás canoas das que estamos a falar.
Picture22Tamén eran uns grandes veleadores, segundo versións deles mesmos, cando se encontraban no traxecto, ben “trincaban” as escotas para que non lles adiantaran os demáis, (algún que outro ten tumbado), unhas veces por exceso de confianza e outras polas inclemencias do tempo. Había unha zona moi perigosa que era a comprendida entre Pedra de Con e a Punta do Queixal, (aí teñen tumbado algunha que outra).
As velas tradicionais usada polas canoas de Muros, eran as denominadas de relinga, se non eran todas idénticas era porque cada maestrillo usaba o seu librillo, e modificábanas según a imaxinación do patrón ou das características da embarcación en concreto. Uns preparábanas para correr máis en ”bolina” (dicíase cando se navegaba cara o vento) e outros preparábanas para navegar “en popa”(dicíase cando se navegaba máis a favor do vento), e outros tíñanas preparadas cos seus extras para as dúas cousas. Por exemplo, xeralmente as canoas normales tiñan tres piojas, onde se apoiaba a base do pao, cerrada ata o banco, excepto pola popa, por onde se introducía o pao.
Se partimos de proa, a primeira é pao a caída, pao á de medio, e pao á candela; sen embargo, algúns tíñanlle catro, a última máis a popa que as demáis, para poñer o pao máis vertical, (isto servía para cando a brisa era pouca). Neste caso, os demáis arriaban a vela, e ían a remos. Estes, poñían o pao na cuarta pioja, (é dicir ,na de máis a popa), subían a verga canto podían e desta forma a verga pola parte de popa subía máis que horizontal. Picture23Nunha vela normal quedaría un oco entre a rastreira e a canoa, pero neste caso este gran veleador tiña un “cuchillo” na rastreira de menor a maior partindo de proa xeralmente cosido, que neste caso, arriaba para cubrir o oco do que antes falabamos, e así seguir en vela e segundo versión do mesmo ían a remos moi poucas veces.
Falando con eles destes temas, chegan a emocionarse, ¡parece que o están vivindo! Cando vindo do “profundo” con vento de travesía, arreciando polo través de babor, ¡na incricada de mar! (dicían eles), “silbaba” a canoa enriba do golpe de mar. O home de máis peso, agarrado ó costado de barlovento, e o máis cativo co chicador lanzando auga fóra sen tregua, ata quedar exhausto, (como para ter un segundo de despiste o patrón…).
E desta forma, víanse case tódolos días, pendentes dun golpe de mar máis ou menos forte que decidira se tiñan que vivir ou non.
¡E que pouco se apreciaban estas cousas!, ¡claro…! víanse tan castigados polas inclemencias do tempo e pola inseguridade de se ó dia seguinte comerías ou non que daban pena. Aínda que a mín, sempre me deron pena aqueles que algún dia os menosprezaron.
Volvendo á vela, e para definilas un pouco mellor, o pao era como un metro máis longo que a canoa; a verga, era coma dous terzos da quilla; a relinga e o sotavento como a eslora total; o embergue coma verga, e a rastreira como dous terzos da eslora total.
Tripuladas por tres ou catro pescadores, xeralmente tres. Nos mellores tempos estas embarcacións, podían pescar de dous a trescentos quilos de lubina, de merluzas, ou de besugos, (dependendo da época do ano pescábase unha especie ou outra). Ainda sen haber leis escritas, cada pesca tiña a súa época, (e bastante estricta), controlada instintivamente por eles mesmos; en especial na pesca do polbo. O polbo pescábase todo o ano excepto nos meses de Xuño e Xullo, que xa daquela sabían que era o tempo de desove. Nese tempo adicábanse ó congro e ó corrican; no verán pescábase os calamares, a lubina as merluzas e os besugos, e no inverno o ollomol, a cabala, e o que podías, cando che deixaba o tempo.
Como se pode imaxinar o traballo era moi duro; saían de Muros ás dúas ou ás tres da mañán, remando tres ou catro horas, excepto cando o vento era favorable, que” veleaban” (expresábase desta forma a manobra de izar a vela).
Nas derradeiras horas da tarde, regresaban con outras tantas horas de remo ou máis, según se lle portara o vento do Leste o Nordeste, e do Norte o Noroeste. O primeiro era o que lles axudaba na ida e o que máis os castigaba na volta ó remontala ría, e o segundo, axudáballe na volta. Dicían,” vámonos que aí ben a cascarroada”(este é un vento do cuarto cuadrante, que xeralmente entra a partires do mediodía no verán); ou “aproveitemos que aí ven a virasión”(este tamén é un vento, que con menos intensidade procede do sur ó suroeste).E casi sempre cargados, entre “pertrechos” e peixes. Cando ían ós besugos, os pertrechos xa case cargaban a canoa, levaban un caixón con engado, dúas poutadas, o calamento de fondear (que daquela era de esparto, polo tanto encharcábase e pesaba o seu), tres ou catro remos, o pao, a vela, a verga, as ustajas, a vara de portar, as cubetas de triturar o engado, as rebolas, a ronca, e os chismes de pescar. Tendo en conta que estas embarcacións tiñan un desplazamiento de unha tonelada aproximadamente, ás veces tiñan que tirar o peixe ó mar cando no traxecto encontraban máis vento do que prevían.
Nestes traxectos a remos organizábanse auténticas regatas. E para darlle a importancia que merece, débese explicar a forma de remar nestas canoas de tres remeiros, empezando a dicir que ningún dos tres ou catro remos eran iguais; Ó remo de” couse” ( o de popa de estribor) era polo menos unha cuarta máis longo que o de “carto”, ( este era o remo de mais á proa de babor) e o de “medio” como media cuarta mais pequeno que o de carto. Desta forma, o remo de couse situado máis á popa que os outros, aguantaba a forza de arrancada dos outros dous, e ó mesmo tempo, facía de timón guiando a embarcación. Se o remeiro de popa era forte sentábase máis ó medio e trincaba menos o couse, ( esto quere dicir que exercía menos de timón, ) e así camiñaba máis a canoa, e si había catro o de “través” (ou de proa de estribor), era máis pequeno que os demais, e axudaba o remo de couse; e despois de semellante esforzo, a presumir de bos remeiros e de mellor canoa; os da virxe, reuníanse no “plantío”, os da xesta e os da calle ancha, pola maña no quiosco de “Marcote”, e pola tarde debaixo dos soportais do “Coxo”, e os da cerca, debaixo dos soportais da rambla da “jocha”; E sen tregua, preparando as cousas para o día seguinte case sen descansar. Non é de estrañar que no ano 51, cando por primeira vez en Muros se acordou regatear coas traíñas (daquela aínda de madeira) estas regatas organizábaas o concello de Corcubión nas súas festas, e como os de Muros tiñan fama de bos remeiros, (porque gañaban tódalas regatas de canoas organizadas na ria de Muros), os de Corcubión quixeron probalos nas traíñas, e cousa fixeron, porque na primeira regata, non lle fixeron “tensa”, e na segunda ó ano seguinte, (e según eles), unha gamela levoulles arrastro a boia cando ían gañar con máis diferencia, aínda que con bo criterio, déronlle o premio igual. Así que gañaron as dúas nas que participaron.Logo foron invitados á Coruña, pero por problemas do traballo non foron.
Nos entrenamentos, esperaban polas bakas. Mandábanlle abrir máquina, e, encanto non lle viraban pola proa non estaban preparados para gañar. Nos entrenamentos tiveron que descartar algúns dos compañeiros, porque rompían tódolos “toletes”, puxéronllos de ferro e arrancaban as “talameiras”. Por exemplo, o señor Antonio de Tóquenes, tivérono que descartar por que o rompía todo, e a algúns máis, como o señor Antonio de Antonan, puxéronlle toletes de ferro. E así foron combinando forza e peso, para terminar a regata con garantía.
Esa foi a primeira vez que Muros gañou a regata de traíñas. Non era coma hoxe que van acadando puntos, cada regata era individual, nin que dicir ten que foi unha gran festa; hai moitas anécdotas a cerca desta regata, pero estou seguro que serian moito máis interesantes contadas por eles mesmos. Hoxe aínda hai homes que participaron en aquelas regatas, como Manuel de Bacho, Manolo de Fisterra, e “non hai máis”. Se tendes oportunidade aconséllovos que faledes con eles destes temas, por que hai anécdotas de toda clase.
Nesta foto, pódense ver os artífices desta proeza, que en realidade son tamén parte dos protagonistas de todo este relato.
Empezando pola esquerda e de pé,: os señores Pepe de Louro, Juan Manuel, Antonio do Coxo, Juanito de Salustiana, (este era o remo de popa, polo tanto o que marcaba o ritmo das paladas), Ricardo do Ricardón, Alonso do Majacho, (este era o de proa, polo tanto o da pica), Manuel de Bache, e empezando tamén pola esquerda e de rodillas, Manolo do Ricardon, Patricio o Caramés, Manolo de Fisterra, Pedro de Cabaceira, (meu pai, que era o patrón), Juan do Caxón, e Juanito do Maio Majaio.
Preséntoos cos alcumes familiares, porque e máis doado recoñecelos, en todo caso sempre co máximo respeto. Polo traballo que desenrolaban, estes homes debían ser autenticas correas de aceiro.
A pesar de todo, cando tiñan que ir ós caladeiros de pesca máis lonxanos como eran o “profundo” ou “mar da ola”. Cito estes dous porque se trazamos unha líña de un para o outro, xeralmente nas canoas, nunca a sobrepasaban. O primero situado a unhas doce millas, o rumbo NW cuarta a W de Pedra de Con, e o segundo a unhas sete e media, o rumbo WSW tamén de Pedra de Con , “aproximadamente”. Deixaban un día ou dous de descanso antes de volver, porque entre que se comía mal e semellante esforzo, a cousa non se lle poñía nada ven que digamos.
Polo tanto, hai que dicir que os mares máis frecuentados polas canoas muradanas, eran os da famosa “corredura”, (esta zona chamámoslle nós, a comprendida entre Montelouro e Fisterra.) Nestes tempos, nesa zona xa case non se pode pescar ó cordel, por que está sempre cargada de toda clase de aparellos de pesca, dende toda clase de nasas, ata toda clase de redes, palangres etc. O peixe que se mova está perdido, tanto de día como de noite. Non sei como tanto rexenera esta nosa costa. Tamén se frecuentaba a zona desde Baia ás Basoñas, pero menos.
Tamén se debe resaltar a capacidade, de preve-lo tempo, tendo en conta que, nunhas embarcacións tan pequenas e con temporales tan fortes como se soían coller en todos aqueles anos. Tiñan que ser moi cautos á hora de decidir sair o mar. Cando os patróns desconfiaban do tempo, antes de saír para o mar, reuníanse detrás do quiosco de Marcote, e escoitábase dicir ós vellos: “Hoxe temos nordeste que ferrepea” Os rapaces non sabiamos o que era, ata que nos dimos conta que por encima de Tal, saían unhas nubes de cor escura que rapidamente se disolvían.A rapidez en disolverse significaba a intensidade do vento. Sen embargo este vento non era moi perigoso, salvo cando era esaxerado. Era máis a ter en conta cando en inverno, reunidos en tertulia debaixo dos soportais escoitabas: “Mañán non sei si sairemos” ¿e ló? Home mira para o “semblante” (dirección en que corren as nubes impulsadas polo vento) Noroeste no serán, vendaval pola mañán” (e nesta nosa costa o vendabal e sinónimo de descanso forzoso.) Ou “gaivotas na riveira, mariñeiros á merda” ou “Luna deitada, mariñeiro en pé” E tamén cando corrían as nubes e non había vento dicían“ De onde ven a burra, ten que vir o arrieiro” E cando no verán chovía como de borraxeira, dicían. “Bichochia, Norte cría”. E xeralmente non fallaba. Por iso a estes vellos pescadores débeselles escoitar con atención, xa que sempre se aprenden cousas moi positivas, que non recollen as novas tecnoloxías.

Acerca de themurostimes

Revista Dixital Muradana
Esta entrada fue publicada en Cousas que interesan, Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s