Lembranzas dun vello mariñeiro (V)

p/ Pedro Caamaño Lago.

Posteriormente, e isto si que lle tocou vivilo con mais intensidade a nosa xeración, os máis avezados empezaron a ver o negocio; E como pode verse en todas estas outras fotos, empezaron a comprar e a construír embarcacións a motor, desde seis a oito ou dez metros de eslora, nos que se enrolaban de seis a oito pescadores, os mesmos que antes estaban enrolados nas canoas.
Estas embarcacións foron sustituindo totalmente ás canoas. Porque de esta forma podíanse traballar moitos mais días seguidos e sen tanto esforzo, en épocas favorables, de esta forma xa pescaban hasta tonelada e pico de tódolos peixes que antes mencionei. Falo de todas estas especies, porque eran as mais frecuentes. Sen embargo, desde tempos inmemoriais, nos “cantos”(Caladoiros de pesca, situados entre a plataforma continental e o talude continental incluso en zona peláxica, a unhas vinte millas ó oeste de Montelouro). Enrolados en lanchas, xa pescaban tamén cantidades semellantes incluíndo congros de gran tamaño e meros. Esto podo mencionalo, por terllo oído algunha que outra vez ós vellos. Dicían, quen ía antes o canto era a lancha do Jaliñeiro e a lancha do Majacho, o meu avó por parte de miña nai. e seguro que irían mais.
Picture29En aqueles tempos facían os “chismes” (aparellos de pesca) con fío bramante, os “rodeales” para os congros e as “espunlleiras” para as chernas. Xa que as tanzas que había eran moi débiles para semellantes peixes, (as tanzas que daquela había facíanse de seda e de vísceras de animais).
Para cubrir a demanda dos pescadores que querían enrolarse, combinábanse canoas e barcos. O principio levaban as súas canoas de remolque ata o caladoiro de pesca co risco que isto supoñía cando facía mal tempo o rompérselle algún que outro remolque.
No caladoiro, embarcaban os mariñeiros como podían nas canoas, en grupos de tres, e tamén como podían amañábanse para defender a súa parte con arreglo a dos demais.
Mais tarde xa se embarcaban as canoas nos barcos, baixándoas pola mañá no caladoiro de pesca, e subíndoas pola tarde. O principio en canto non se lle colleu a maña, cando apuraba o vento facíase bastante perigoso, polo risco de escachar as canoas contra os barcos, para evitalo atrancábanse un ou dous remos verticais entre o barco e a canoa, para que ca maraxe, esvarara a canoa polos remos sen tocar no barco, (e así descargábase o peixe antes de subilas abordo). A maioría dos barcos levaban dúas canoas a bordo, xeralmente na popa, algún ten levado tres. E pódolles asegurar que se necesitaba unha gran dose de valentía e outra tanta de axilidade, para saltar ás canoas pola mañá, e de volta, a saltar outra vez ós barcos pola tarde. Había algúns que parecía que non tocaban cos pes en nada, andaban por encima das “regalas”, como si estivesen andando polo peirao. Non daba tempo de sentaren as canoas no mar e algún xa estaba a bordo. Nin con vento nin con calma. Nas conversas mencionábanse a uns e a outros pola súa peculiar destreza. (Algo para recordar con orgullo).
Picture30A esta forma de pescar tan dificultosa e tan selectiva, había que engadirlle a forma de navegar tan difícil, por carecer de aparatos que facilitaran a navegación. Para encontrar os caladoiros de pesca, e non se vían as marcas; empregábase un simple “compás” e un “escandallo” feito de chumbo, cheo de “pingue” en un dos extremos,( graxa de porco) e enganchado no extremo dunha liña ben larga para que cubrira todas as profundidades, que o patrón tiña mais ou menos controladas. A partir de aí, xa xogaba a destreza de cada patrón, algo fantástico por ter que recordar nomes de caladoiros, rumbos a seguir, enfilacións, demoras, profundidade, calidade de fondos. E cantidade de veces de noite, con“borraxeira”, alumeados por unha linterna, ou como moito por un candil. Cando había que usar o escandallo en días de borraxeira, poñiase na proa o home de confianza do patrón para indicarlle a profundidade e a calidade do fondo, arriando e halando tantas veces como o patrón llo indicara, E preguntáballe ¿qué vai? “Fango”, que vai? Area, ¿qué vai? “Cascáxo” ¿que vai? Pedra. E así que o patrón lle parecía dicía: fondo e a pescar que estamos no sitio. A veces tiña que pedir relevo pola cantidade de liña que tiña que halar. isto traballando nos cantos, era bastante frecuente, por que con pouco que te abriras de leste a oeste, o mesmo caías en cento vinte brazas como “descantilabas”, e logo a ver quen halaba tanta liña.
Picture31Sen embargo ningunha outra forma de pescar ó “cordel” (ou con liña) ten menos importancia, por que encerra as mesmas dificultades e require as mesmas destrezas, só se diferenciaban na distancia e na calidade da pesca. Por exemplo, nos invernos duros, dentro da ría, cando non se podía saír á costa, a pesca das Fanecas e das “Pías” (ollomol pequeno, hoxe case desaparecido), e da “rincha” (Cabala pequena) sacaron de moitos apuros as familias muradáns, que non alcanzaban a aforrar o suficiente nos meses de verán. Así que tiñan que saír a pescar aínda que che comera o frío. Aínda que tamén había familias de pescadores que se dedicaban a pescar solo dentro da ría, a costa case non a coñecían.
Éncheme de orgullo recordar de maneira especial, é tamén por experiencia, a pesca do polbo con raña, á que ultimamente me gustaba moito pescar, alternando con luras e chopos. É esta unha forma de pescar tan selectiva e tan técnica que poucos poden presumir de facelo ben, Para elo tiñas que ser ensinado por alguén que xa fora ensinado con antelación, por iso se recordan xeracións de polbeiros sempre das mesmas familias. Como os Brinqueiros, os Antonáns, os Borraxeiras, os Capitáns, os Parises, os Cabaceiras. Case todos da Virxe do Camiño, e de Portugalete. Todos excelentes pescadores de polbo, e por suposto doutras moitas especies. ¡Imaxínense!. Un “bote” (embarcación semellante a buceta de tres e medio ou catro metros de eslora) manexado por un so pescador, con dous remos de “panel”, seis liñas con una raña en cada unha, e en cada raña dous cangrexos e un anaco de peixe, (xeralmente xurelo). En inverno cando escaseaban os cangrexos, (din os mais vellos),
Que pescaban con espigas de millo. Todo isto manexado o mesmo tempo e as veces con vento fresco. (Os mais técnicos podían pescar cen ou máis quilos de polbo), sen embargo estes pescadores non eran alá moi tomados en conta; En ocasións escoitabas comentar: (Os da virxe son polbeiros, un bote con dous remos e unha cesta con dous pateiros) eu creo entender que esta expresión era por que necesitaban moi pouca cousa para saír ó mar. Sen embargo esta era unha pesca que daba moito de si, por que dependía de un mesmo, e sempre se ía ó mar se non era mais lonxe era mais cerca, de feito coñecíanse algúns polbeiros que non saían do Rebordiño para fóra, e non eran dos que menos pescaban,
(pero na euforia das Merluzas e dos ollosmoles, chegáronse a esquecer un pouco). Ultimamente esta pesca practicábana os vellos xubilados do mar, unha polo prezo que daquela era pouco e outra por que non necesitabas estar enrolado, e así ias raspando un suplemento para engadir a pouca pensión que recibía o xubilado de baixura. Ata que o prezo empezou a evolucionar e entonces si que se desatou a euforia e o egoísmo pola pesca do polbo; Ata o extremo de perseguir os vellos polbeiros, non importaba que foran pais ou avós, ata que conseguiron quitalos do mar. Algo que nunca se debeu facer, si acaso controlalo pero non excluílo. Por iso tivemos que asociarnos, e así defendernos do que nos parecía unha inxustiza.
Así que os novos que viñeron, cando a emigración os apurou, é apoiados polas novas tecnoloxías, inventaron tubos especiais para as nasas nas que entra todo o que se move, e non sae case nada. Por iso está ben que as controlen antes de que o exterminen todo, como ocorreu coa pesca da merluza e do ollomol, nos caladoiros do” profundo”.

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Cousas que interesan, Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s