p/ Manuel M. Caamaño
Son as 7:30 da maña do mércores 20 de decembro. Estamos a 20 millas ao oeste de Monte Louro. Anda un ventiño fresco de leste o que me obriga a manter as fiestras da ponte pechadas para non mollar a cara.
Teño sono, estou canso e un pouco malhumorado.
E fai un frío que pela.!
Acabamos agora mesmo de largar as artes e aproveito para tomar un cafeíño ben quente para quecer o corpo.
Miro no radar e non temos barco ningún nun radio de 4 millas , podo tomar tranquilo o café.
Acendo o UHF na canle 74 . Saúdame unha voz augardentosa pero ben afinada que canta unha panxoliña que fala do Neno sobre un feixe de pallas . Cambio para a canle 9 e outra voz , esta vez moi desafinada , canta tamén unha panxoliña que fala de peixes e ríos. Cando termina outra voz e outra panxoliña remúdano .
Paso agora a canle 11 onde esta control de trafico de Finisterre . Un petroleiro de bandeira Grega está a reportar o seu paso polo dispositivo de separación de tráfico. E ao terminar despídese con un recoñecible, merry chistmas and happy new year.
Volvo a canle 74 , sigue a mesma voz de augardente cantando, pero esta vez é unha rancheira o que soa po la radio. Cando termina outras voces anímano a continuar e a voz augardentosa arrancase con un pasodoble!
Xa son mais das 8 da mañá , xa espabilei , xa quecín e xa no me lembro porque estaba malhumorado…