p/ Milagros González Maceiras.
Don José Lado Formoso naceu na parroquia de San Juan de Serres (Muros, A Coruña) no ano 1894. Realizou os estudos sacerdotais na Universidade Pontificia Compostelana e foi ordenado sacerdote no ano 1923.
Pouco despois destinárono ao concello pontevedrés de Moraña como coadxutor da parroquia de San Pedro de Rebón e como encargado da de Amil. Nesta última, debido á enfermidade do seu antecesor, Don Manuel Durán Pereira, ao que sucedeu como cura ecónomo ata o ano 1926, cando foi nomeado por concurso párroco reitor de Amil. Tamén exerceu na parroquia cercana de Santa María de Cosoirado.
Era un home de grande estatura, de semblante serio, xeneroso e cheo de humanidade, un gran benefactor social e tamén cultural. Esta faceta quedou claramente reflectida nas accións que liderou en Amil e parroquias limítrofes.
O seu labor en Amil
Amil é unha parroquia coñecida porque nela está un dos santuarios marianos máis importantes de Galicia: Os Milagros de Amil. Don José foi párroco deste lugar durante 39 anos e neste tempo sempre amosou preocupación pola vida da parroquia e dos seus fegreses e fegresas.
O seu primeiro proxecto foi a restauración da casa reitoral de Amil no ano 1930. A esta obra seguiulle a adquisición de terreos para ampliar o campo do santuario, xa que quedaba pequeno para acoller a todos os romeiros/as e ofrecidos/as.
A isto hai que sumar o acceso ao santuario, unha das maiores preocupacións de Don José, de aí que puxera todo o seu empeño na construción dunha escalinata dende a estrada ata o santuario. Esta gran obra foi realizada por canteiros de Moraña entre os anos 1948 e 1952 e o empeño de Don José por facela realidade ten moito que ver coas súas orixes, xa que procede dunha familia de canteiros de Serres coñecida co alcume de Os Xirolmes.
A súa obra converteuse en parte da historia de Amil, onde residiu case toda a súa vida e onde faleceu rodeado da súa familia o 26 de outubro de 1965. Foi enterrado no cemiterio parroquial e no 1972 os fegreses xunto con Don Amador Guinarte, párroco naquel momento, homenaxearon o seu labor e amosaron o seu afecto a Don José coa colocación do seu busto presidindo a escalinata do santuario do que foi párroco entre 1926 e 1965. Grazas a esa homenaxe e á importancia que ten á escalinata para o santuario a súa figura continúa estando moi presente na parroquia.