Entrevista a Domingo Guerra

por Jorge Lago de Pexejo

Séntome privilexiado, porque este papel de entrevistador é enormemente enriquecedor. Non só cumpre a función de dar a coñecer os nosos personaxes a través da revista TMT, senón que a nivel persoal me permite por un breve espazo de tempo ter unha conversación con xente do máis interesante. Estas pequenas recompensas non teñen prezo.
Domingo A. Guerra París é outra desas perlas que compoñen o colar que TMT está a lograr Picture10facer coa nosa xente.
A través da nosa correspondencia, Domin doume a entender que é bastante, moi modesto e pono en apuros iso de ter que resaltar as súas calidades persoais ou profesionais, pero o meu deber como entrevistador e precisamente resaltar a alta gama de valores e matices que temos no noso Muros.
Fillo de Antonio Guerra e de Tomasa da Florera, naceu en Muros no ano 1964. Casado con Marita (unha guapa muradana de Miraflores), ten unha filla que tamén se chama Marita e da que se sente orgulloso.
No ano 1987, por oposición libre, entrou a traballar no Concello de Muros, donde desempeñou o posto de xefe do departamento de contabilidade e control interno e, con carácter accidental, ocupou os postos de Secretario Xeral e de Interventor. Cinco anos despois, no ano 1992, pasou a formar parte da Área de Facendas Locais, do Consello de Contas de Galicia, onde realiza a súa vixente actividade profesional facendo auditorías aos Concellos, Deputacións e demais Corporacións Locais galegas.
Picture11É Licenciado en Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde se especializou, tamén, en economía pública e política económica obtendo as máximas calificacións. É Máster en Auditoría de Contas polo Instituto de Auditores Censores Xurados de Contas de España e pola USC. Ademais, é Auditor de Sistemas de Información (inscrito co número 80 de España no RASI). Auditor Interno, membro do Instituto de Auditores Internos de España (número 2743), é Experto en Contabilidade e Información Financeira (ECIF 917).
Realizou traballos de investigación sobre o municipalismo galego e participou como ponente en diversos cursos, conferencias, congresos e xornadas. Publicou artigos en revistas de economía e auditoría sobre a actividade económico financeira e orzamentaria do sector público local. Así mesmo, é analista e consultor, experto na elaboración de Diagnósticos integrais de situación e implementación de plans estratéxicos.
Estudioso empedernido, ten publicados un bo número de traballos sobre temas económico-financieiros: «Os concellos e os efectos negativos da globalización nas comunidades costeiras», “As operacións de Tesourería: unha proposta de fiscalización”; «A cuantificación do remanente de tesourería nos municipios galegos menores de cinco mil habitantes». “A rendición de contas nos municipios galegos”, e un longo etcétera.
En 2010 publicou o libro «Actividad económica muradana. Una visión subjetiva», no que describe a situación económica recente do noso municipio. Actualmente, colabora no Diario Dixital da Costa da Morte «Qué pasa na costa» con un artigo mensual sobre economía dos concellos da zona.
No ano 2007, xunto con outros muradanos comprometidos, fundou a Asociación “SORUM”, da que foi presidente ata que cesaron as súas actividades en abril de 2013. Durante ese tempo a asociación desplegou un amplo abano de actividades culturais, deportivas, etnográficas etc., que dexeixaron unha fonda pegada en Muros e a súa bisbarra.
J.L._ Din que as cousas boas teñen curta vida e SORUM era bo para Muros e para os muradáns. Por qué se disolveu SORUM?
DOMIN: _ Antes de comezar coa entrevista, permítame transmitir os parabéns a todos e cada un dos colaboradores da súa revista, pola magnífica labor de divulgación que están realizando sobre o noso concello. E, por suposto, grazas tamén a vostede por entrevistarme. Por certo, xa sabe que me sinto un pouco incómodo porque considero que hai moitísimas persoas de Muros infinitamente máis interesantes que entrevistar, pero, dito iso, contéstolle inmediatamente.
Sen entrar en valoracións sobre si SORUM foi un proxecto de interese para algúns muradáns -non son tan ousado-, a asociación cesou as actividades ao non poder compaxinar os nosos traballos coa dedicación que esixe organizar as cousas como nos gusta. Sen embargo, debo confesar que durante este tempo non perdín a esperanza de que puidésemos retomar os traballos, e por iso a asociación, aínda hoxe, non está legalmente disolta. De todas formas, desde a separación dos meus cuñados Tono e Manola, que xunto a Sol e Pedro, Ángeles e Andrés e Marita e máis eu, formábamos a entidade, xa é imposible continuar. Unha mágoa, pero é así.
J.L._ Grazas polas túas amables palabras Domin, procuraremos defraudar cada vez menos aos que confían en que estamos a facer algo positivo.
Ti cres que a pesar desa xente inqueda e dalgúns comprometidos, hai falta de voluntade popular para facer máis cousas nas nosas comunidades e concretamente en Muros?
DOMIN:_ Cando se fan cousas por e para os teus veciños, sen interese persoal, evitando protagonismos innecesarios, facendo as cousas con honestidade, nunca se defrauda a ninguén. Porque os resultados avalan sempre o traballo ben feito.

Recoñezo que non é fácil implicar á xente en proxectos asociativos, porque esixe tempo, esforzo e moitas veces cartos do teu propio bolsillo, para sacar adiante as actividades. Pero iso ocurre en Muros e en calquera outro lugar.
No caso concreto de SORUM, os oito compoñentes tíñamos lazos que iban máis alá da amizade. E, así, foi moi sinxelo facer cousas. Formamos un equipo no que o afecto e admiración era recíproca. Estábamos moi unidos e, por iso, nos momentos de desánimo e impotencia ante as múltiples críticas que inevitablemente xurden, animábamonos mutuamente para superar as adversidades. Esa foi a base de SORUM.
Considero que Muros, como calquera outro municipio, conta con xente comprometida socialmente e cando pides axuda para emprender actividades, os teus veciños responden inmediatamente. Polo menos, esa é a nosa experiencia.
J.L._ Imos empezar con cuestións que tí como economista estás sobradamente posicionado para responder.
Se sentas a catro economistas na mesma mesa é raro que algún dos catro coincidan nas razóns da desfeita económica que nos afecta a case todos hoxe. Ocurre eso porque á hora de facer prognósticos os economistas están máis influenciados polo seu propio perfil ideolóxico, polo ensino recivido ou porque realmente practican unha ciencia inexacta?
DOMIN: Sempre recomendo aos amigos que non inviten a economistas a un debate, e menos a catro, porque, ademais de ser uns pesados, por cada economista de reputación hai outro que pensa o contrario. O gracioso é que calquera das visións pode considerarse adecuada para que lles concedan o premio Nobel.
Bueno, en serio, xa sabes que a economía é unha das ciencias sociais que máis avanzou desde o punto de vista teórico e metodolóxico. Pero, como toda ciencia social, o comportamento dos seres humanos xoga un papel básico e, por iso, é difícil facer prognósticos.
Permíteme este chiste: Por qué Dios creou aos economistas? Para que os meteorólogos quedasen en bo lugar. Xa sei que o chiste é moi malo, pero tamén esclarecedor.
Ah!, por certo, mira qué bo exemplo, eu mesmo subtitulei o libro «Actividade Económica Muradana» engadindo «Unha visión subxectiva», precisamente para recalcar que tanto o enfoque como os comentarios poden non coincidir con outras formas de interpretar a realidade económica do noso municipio. Os datos son obxectivos, incuestionables, pero as opinións nunca están exentas de xuízos de valor que, lóxicamente, se impregnan de múltiples influencias e vivencias persoais.
J.L._ «Benaventurados os que se rin de si mesmos por que a sua felicidade non terá fin» di o proverbio. Pero tamén nunha nota nota máis seria. Para aqueles que non lemos as túas nin outras publicacións sobre economía e non obstante somos testemuñas e máis veces que non victimas dos descalabros socio económicos que padecemos. Tes alguna teoría do porqué Muros de ter sido un pobo moderadamente próspero foi decaendo e indo a menos demográfica e tamén económicamente? É o noso illamento xeográfico o principal motivo ou hai outras razóns?
DOMIN:_ Buf! Jorge, vaia pregunta máis complexa. A importancia histórica de Muros é de sobra coñecida. Pero a vixente realidade, como ben dis, non ten nada que ver co pasado e, lamentablemente, estamos perdendo puxanza.
É certo que cada vez temos menos habitantes e a poboación está fortemente envellecida (con taxas superiores á media de España), porque o saldo vexetativo é negativo (menos nacementos que defuncións) e o saldo migratorio (emigrantes menos inmigrantes) tamén é deficitario. Todo pola mesma causa: non hai traballo.
E non hai traballo porque carecemos dunha estrutura produtiva forte. Verás, o subsector agrario (agrícola, gandeiro e forestal), é de autoconsumo familiar. O subsector empresarial caracterízase polo predominio das microempresas ou autónomos (non hai industria). O comercio languidece desde fai anos. O sector pesqueiro de baixura e de arrastre ten permanentes problemas de todo tipo. E, por último, a crónica estacionalidade do turismo, tamén é un problema a resolver.
Pero existen solucións, o complicado é adoptar as medidas de política económica acertadas para que Muros se converta nun municipio que proporcione traballo e benestar aos veciños.
Sería un imbécil si pretendera expoñer solucións para corrixir esta situación. Ademais, para iso eliximos cada catro anos aos nosos gobernantes municipais. Que son os que saben. Non?
Pero, se o permites, non quero desaproveitar a oportunidade para comentar o seguinte respecto ao sector pesqueiro é ao turismo, por ser os máis representativos da nosa economía.
No sector pesqueiro temos unha situación xeográfica privilexiada e unha cantidade e calidade das capturas excepcional, factores que se deben aproveitar, porque a lonxa comercializa un volume de transaccións que a converten na 7ª de Galicia. O sector marisqueiro xa está profesionalizado grazas, entre outros, á magnífica labor de Nando Lago e da Presidenta das mariscadoras, Juana Martínez, así que se debe poñer en valor o noso produto. Por último, a miticultura (cultivo de mexillón) ten xa unha incuestionable importancia. En canto ao turismo, temos un concello dotado dun enorme potencial para que poida converterse nun municipio turístico de calidade. Porque ten recursos endóxenos, como o valioso patrimonio artístico, cultural, etnográfico, natural, etc. Dispón de mestura de montaña, praia e mar; ten patrimonio civil que vai desde a prehistoria ata monumentos medievais, pasando por obras máis recentes. Tamén conta cun patrimonio relixioso espectacular. Pero hai que conseguir que os turistas nos visiten durante todo o ano.
En definitiva, contamos con moitas vantaxes competitivas, pero temos que crer máis en nós. Porque xuntos podemos facer un municipio capaz de dar traballo aos seus. Que, estarás de acordo comigo, é o máis importante.
J.L._Décheslle no cravo!! As túas explicacións, son sumamente informativas e esclarecedoras.
A min por iso de ter que vivir fora podo facer comparacións. Tocoume aparcar nunha localidade que hai unhas cantas décadas non era moi diferente a Muros. Os primeiros que se asentaron aquí, alá polos 1640 dependeron da agricultura e a pesca ata fai relativamente pouco tempo e tampouco podemos decir que tiveron unha vida moi folgada. A similitude con Muros que quero resaltar é o feito de que sendo un pobo situado case literalmente no cu do mundo (East End of Long Island) soubo transformarse coas esixencias dos tempos que corrían. Tan pronto alguén descubriu que esta comunidade de labregos e pescadores ofrecía algo único como o ambiente xenuinamente propio e a distancia do mundanal ruído, e sin importar que estamos a casi 200 km. de Nova York empezou a vir xente que sabía apreciar moi ben o que esto ofrecía e paulatinamente, sen exuberancias e sen ese afán de atraer pan para hoxe e fame para mañá e como ti dis; cun xeito intelixente por parte das munipalidades,  non convertiron estes eidos en trampas turísticas peseteiras se non que tiveron unha visión a longo prazo. Ese tipo de xestión foi o que fixo deste lugar unha meca turística cun gran futuro . Ás veces a situación xeográfica illada pode ser unha bendición porque realmente xa non existen moitos sitios que gocen desas condicións. A pregunta é se aínda temos posibilidades de que Muros se converta xa non digo nunha meca turística que podrecía selo (O Mediterráneo español está tan saturado de lixo urbanístico que Muros é unha xoia comparado con eses lugares), pero nun pobo que poida soster a súa poboación con políticas intelixentes e frear a fuxida dos nosos mozos que son o noso futuro.
DOMIN:_ A resposta á túa pregunta é si. Claro que hai posibilidades de que Muros sexa un municipio próspero, capaz de dar traballo aos seus. Por suposto que sí, Jorge. Estou completamente seguro. Non quero ser pretencioso nin me cega a paixón como muradán. Falo con coñecemento de causa, en serio.
Por motivos de traballo, coñezo as «entrañas» de case todos os concellos de Galicia. Este ano pasado, por exemplo, estiven facendo auditorías nos concellos de As Nogais e Mondoñedo (Lugo), Covelo e Salceda de Caselas (Pontevedra), pero tamén auditei o Concello de Noia, e así como nos catro primeiros concellos prefiero non opinar, no caso concreto de Noia sorprendeume gratamente a xestión realizada polo alcalde, Rafael García Guerrero, porque saneou as contas municipais presentando aforro neto positivo, superávit orzamentario e remanente de tesourería moi elevado. Pero e que ademais, cando visitas Noia, observas que ten vida. E confeso que me da envidia. Poño este exemplo como mostra de traballo intelixente dos políticos locais e de adaptación dun pobo aos novos tempos. E, tamén, porque a pesar de todo o que fagan, ja,ja,ja, a ría é nosa!
Para non cansar en exceso, e sen outra pretensións máis que apuntar dúas ideas que estarán na mente de todos, cóntoche o que penso sobre o turismo. Primeiro, é necesario conseguir que a demanda turística se estenda a todo o ano, co fin de que os recursos xeren renda e emprego compatibles co desenvolvemento sostible. Si se traballa publicitando o turismo etnográfico, o gastronómico e o relacionado coa natureza (senderismo, pesca, windsurf, remo, vela, etc.), temos que «arrasar». Hai moita industria arredor destas actividades aínda sen explotar. Segundo, non debería resultar complicado conseguir que numerosas embarcacións procedentes do norte de Europa, que viaxan ata o Mediterráneo, recalen no porto, e non digamos das que realizan travesías polas nosas rías, xa que a privilexiada situación xeográfica e climatolóxica, unido aos moderados prezos dos diferentes establecementos comerciais, son condiciones que por si solas permiten captar este tipo de turismo. Non teñas dúbida. Unha intervención pública eficaz ten que conducir, necesariamente, a melloras na calidade de vida dos veciños e proporcionará postos de traballo, para moitos que se tiveron que marchar. Pero hai que traballar duro. Moi duro. Posibilidades non faltan, pero o esforzo debe ser común, neste caso todos somos necesarios. Os políticos e os cidadáns.
J.L._ Falas de desenvolvemento sostible e de conseguir demanda turística, pero iso require de dous factores importantes que son capital e infraestrutura. Non quero ser repetitivo, pero se ti tiveses poderes plenipotenciarios e dado que podes facer comparacións sobre diferentes maneiras de xestionar as economías locais. Cal sería o primeiro paso para empezar a transformar a economía muradana cara a un futuro viable?. Digo isto por eso de que o inferno está cheo de boas intencións, pero as boas intencións non bastan.
DOMIN:_Un alcalde dun coñecido municipio de Ourense, de características similares ao noso concello pero que é considerado paradigma de traballo ben feito, díxome unha vez: «si nós tivésemos a metade dos recursos de Muros, faríamos marabillas». Contesteille: «depende». Porque estou de acordo contigo en que boas intencións non bastan.
Pero, sei que Muros ten capital e infraestrutura suficientes para conseguir turismo de calidade. Sen embargo, como en calquera proceso planificador, debe estar fomentado polos dirixentes municipais tendo moi en conta as fundadas opinións dos colectivos implicados. En definitiva, non é suficiente contar con recursos turísticos singulares, é necesario entender que se trata dunha labor que se debe construír entre todos e por todos.
Ese é o primeiro paso para transformar calquera sociedade. Necesitamos falar máis e asumir que non temos por qué ter a razón sempre. Si vogamos para o mesmo lado, obteranse bos resultados, seguro.
A coñecida expresión económica de que «toda oferta crea a súa propia demanda» formulada na Lei de Say (Jean Baptiste Say, economista francés, 1767-1832), resume perfectamente o que quero dicir: «si facemos as cousas ben, entre todos, teremos quen merque o noso produto». E iso vale tanto para o turismo (propietarios e empregados de aloxamentos, restaurantes, bares, comercios, establecementos lúdicos e técnicos municipais de turismo), como para o resto de actividades.
J.L._ Tamén dixo Keynes que é a demanda a que xenera o incremento da oferta e que a demanda é o motor da economía, a mín esas duas contradiccións a de Say vs Keynes confúndenme bastante moito.
DOMIN:_ A confusión é lóxica, pásalle a todo o mundo. Intentarei explicalo de forma breve.
Académicamente distínguense dúas grandes escolas de pensamento económico: os clásicos (cuxo referente é Adam Smith) e os keynesianos (que reciben a súa denominación de John Maynard Keynes). Cada escola ten un enfoque diferente: os primeiros defenden a Lei de Say, mentres que os Keynesianos, como ben dis, sosteñen que a demanda é o motor da economía, ao considerar que en situacións de escaseza de demanda (pouco consumo, pouca inversión ou déficit da balanza comercial), o goberno debe actuar con medidas de política monetaria ou fiscal expansivas, para incrementar a demanda efectiva, conseguindo aumentos na produción, na renda, no emprego, etc.
Pero, os clásicos, e as súas versións máis actuais, como Neoclásicos (Alfred Marshall), Monetaristas (seguidores de Milton Friedman) ou a Nova Macroeconomía Clásica (Robert Barro), por exemplo, defenden que a plena flexibilidade de prezos e salarios levarán automaticamente a situacións de equilibrio sempre, e por iso son contrarios a que o Estado interveña na economía, porque, segundo eles, o mercado  actuando libremente axustará a oferta á súa demanda.
A obra de Keynes xurde para dar resposta a problemas que o paradigma clásico non resolvía, como a Gran Depresión do 1929, donde a oferta non creaba a súa demanda.
Persoalmente, son dos que pensa que o Estado debe intervir na economía. A demanda agregada está composta polo consumo, a inversión, o gasto público e a diferencia entre exportacións e importacións. Así que aumentando o gasto público, aumentas a demanda agregada ou o que é o mesmo a Riqueza Nacional. Non creo na perfección do mercado. Nese sentido, considérome máis Keynesiano que Neoliberal. Son defensor da Educación a Sanidade públicas, universais e gratuítas. Defendo a redistribución da renda e riqueza, e aposto por servizos públicos de calidade. En definitiva, aspiro ao estado de benestar entendido nun sentido amplo do termo.
J.L. Non sei que fas fisgoneando nas contas dos concellos cando terías que ter cátedra en MIT, Stanford ou Berkeley. A min, por poñelo dunha maneira un pouco simplista, as teorías de Milton Friedman dánme bastante repeluxo, pero si tódolos conceptos filosóficos e tamén os económicos fosen cortados polo mesmo patrón, o mundo sería bastante aburrido, supoño.
Antes de someterche ao cuestionario que pecha todas as nosas entrevistas, quero ofrecerche todo o espazo que queiras usar para darnos unha reflexión sobre o pasado, presente e futuro do noso pobo, de como o conceptualiza un economista, se che parece moito pedir, polo menos fálanos de cómo ves o futuro.
DOMIN:_ Enfadeime con Michael Spence (profesor en Stanford) e con George Akerlof (profesor en Berkeley), e non quixen traballar con eles. No Massachusetts Institute of Technology, a verdade é que non me ofreceron traballo. Ja, ja, ja., …
Jorge, xa que me permites a posibilidade de comentar algo para rematar, aproveitarei o espazo non para facer prognósticos de futuro –equivocaríame seguro–, senón para gradecer públicamente o trato dispensado, e decirche que me gustaría que nos coñecéramos persoalmente. Moitas grazas, tamén, por facerme sentir tan cómodo que incluso disfrutei respondendo a cuestións realmente complexas.
Aos lectores, si aínda queda algún, desculpas polo aburrido que puidera ser. E, por último, aos membros da vosa publicación, noraboa e o meu sincero respecto por traballar desinteresadamente para os muradáns.
J.L. Polo que levamos conversado vexo que ti ao igual que eu tamén sofres de «muradanitis» aguda, dese virus dos que moi poucos somos inmunes.
Sei que quedan moitas preguntas por facer e moitas respostas pendentes que nos iluminarían ainda máis. Conto en que esta non sexa a única entrevista que nos concedas e así poidas seguir impartindo aos nosos lectores máis doses da tua erudición.
Grazas DOMIN, foi un gran placer ter esta conversa contigo.
Ahí che vai o cuestionario de Bernard Pivot co que rematamos tódalas entrevistas.
1. J.L_ Cál é a túa palabra favorita?
INFINITAMENTE
2. J.L._ Cál é a menos favorita?
MORTE
3. J.L._ Qué te emociona?
A SOLIDARIEDADE
4. J.L._ Qué son ou ruído che gusta?
O SON DA GAITA GALEGA É ESPECTACULAR.
5. J.L._ Qué son ou ruído detestas?
OS BERROS
6. J.L._ Cál é o teu xuramento favorito?
LAMENTABLEMENTE DIGO MÁIS TACOS DOS QUE DEBERA. HOSTIA, TANTO PARA ADMIRACIÓN COMO PARA EXPRESAR ENFADO. SÍ, HOSTIA.
7. J.L._ Qué profesión ademais da que exerces che gustaría facer?
A QUE TEÑO NON ESTÁ MAL
8. J.L._ Qué profesión non desexarías facer?
A DE SACERDOTE. ISO DO CELIBATO NON O LEVARÍA NADA BEN.
9. J.L._ Se o ceo existe, Qué che gustaría oír que che dixese Deus cando chegases ás portas celestiais?
NON SEI. SUPOÑO QUE: OLA DOMIN, CÓMO ESTÁS?

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Entrevistas y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s