p/ Alianza Uhía Patiño
Nos primeiros meses do ano as Administracións soen facer públicas estatísticas referentes a todo tipo de datos que fan referencia aos Concellos, e fano comparando o ano vencido cos anos anteriores, co obxetivo de analizar as situacións de crecemento ou decrecemento que inciden no andar económico ou social da poboación afectada. No caso de Muros, as facilitadas ata o de agora non son precisamente moi boas.
Todos os analistas coinciden sempre en que resulta básico para calquera tipo de crecemento económico que, ao menos a fixación da poboación se encadre na estabilidade; argumento que se sustenta na necesidade de que para que se produza un crecemento cómpre que a poboación creza ou, no mellor dos casos, non diminúa.
Os datos que paso a ofrecer son oficiais, recollidos dos publicados por diferentes administracións, e non pretenden mais que dar a coñecer unha situación real, que pode ser boa ou mala, segundo os ollos que os miren.
Poboación:
A 31 de decembro de 2014 o censo de habitantes de Muros é de 9117 persoas, das que 4402 son homes e 4715 mulleres. A 31-12-2013 a poboación era de 9281 persoas. No ano 1900 a poboación do noso Concello era de 9130 habitantes. Comparado coa veciña vila de Noia, no ano 1900 tiña unha poboación de 9761 habitantes e agora en 2014, son 14571.
Censo Electoral de muradanos residentes no estranxeiro (CERA) Segundo as estatísticas ofrecidas polo INE a 1/9/2014 había censados no extranxeiro 1730 emigrantes cuxa orixe ou residencia é o municipio de Muros.
Paro:
A 31 de decembro-2014, o número de parados é de 674 persoas (332 homes e 342 mulleres). A variación relativa con respecto ao mes anterior é de -6, e a absoluta, con referencia ao ano anterior, a -59. A 30 de xaneiro, o paro era de 686 persoas, o supón un incremento do 1,78 % sobre o mes anterior.
Débeda:
Según o Ministerio de Economía e Facenda, o Concello de Muros, a 31-12-2013 tiña unha débeda de 2.399.000 euros. A débeda viva a 31-12-2012 era de 2.655.000 euros. No 2013 reduciuse en 256.000 euros.
Protección e promoción social:
En 2013 o Concello de Muros, cunha débeda por habitante de 36,38 euros, gastou en protección social por habitante, 7,44 euros e en servizos públicos básicos 160 euros por habitante. No mesmo período Carnota, cunha débeda por habitante de 43,61 euros, gastou 65,20 e 286,80 euros respectivamente. No caso de Noia, cunha débeda por habitante de 66,91 euros, o gasto foi de 73,42 e 274,20 euros respectivamente.
Gastos de persoal:
Dos datos da liquidación do orzamento de 2012, os gastos de persoal do concello de Muros supuxeron a cantidade de 2.646.106,88 euros, que representan o 42,8 % do presuposto dese ano (6.181.902,96 euros), resultando ser o concello con mais gasto de persoal de toda a Costa da Morte.