p/ Manuel M. Caamaño
Durante os anos que durou a Guerra Civil, en Muros establecéronse dous campos de concentración de prisioneiros. Un na fábrica de Vieta, propiedade de Salvador Roura Vieta e que nos anos 70 foi vendida a Daniel Rodríguez Blanco e que está sita preto do Rebordiño, e o segundo na fábrica de Anido, que era propiedade da familia de asentadores cataláns «Romaní» e que está situada ao pe da praia da Virxe.
Teño escoitado testemuñas de veciños que contaban das penurias que pasaban o prisioneiros, a maioría deles combatentes é represaliados cántabros e asturianos, que logo da caída da fronte do norte, foron conducidos a estas dependencias en espera de ser xulgados ou enviados para os famosos batallóns de traballadores forzados.
A vida nestes campos a pesar de non ser doada pola falta de adecuación das dependencias para albergar prisioneiros, era mitigada pola axuda que recibían de moitos veciños. Uns movidos pola compaixón e a caridade, e outros por que tiñan algún familiar loitando no bando nacional, trataban de dar exemplo así, por se os seus caian presos dos republicanos.
Con respecto a esto contase una anécdota dunha muller da Acea que levaba comida para os presos, e vendo como un militar maltrata a un deles dille.
– Mire señor, teño tres fillos na guerra. E se caeran prisioneiros quixera que os tratasen mellor do que trata vostede a este pobre home.
A rúa que vai dende a estrada xeral hasta ata a fábrica de Anido, foi ancheada e asfaltada polos presos do campo que estaban ao mando do Capitán Pardal Vidal. Un home ao parecer de bos sentimentos e que trataba aos presos con compaixón.
Aínda hoxe en dia ese camiño que baixa ata a antiga conserveira leva o nome de «Rúa do Pardal». Creo que seria mais axeitado que se chamase «Rúa de Pardal», pero supoño que quen puxo o rótulo non sabia a quen facía honor o nome da rúa.
Cóntase tamén o caso dunha muller asturiana que veu a Muros na procura do seu fillo preso en Anido. Esta muller hospedouse varios meses no «Retiro de Valdexeria» ate que finou. Contan que o Capitán Pardal permitiu que os presos puideran asistir ao enterro da muller no cemiterio de Serres.
En Vieta (contas as testemuñas), que os presos tiñan un militar de comandante máis rigoroso que o Capitán Pardal. Este militar non permitía que os veciños achegasen comida para os presos nin que os prisioneiros saísen en ningún caso fora das dependencias desta conserveira. Contan tamén que de Vieta puideron fuxir tres presos que se refuxiaron nas abas do monte Pindo, e que axudados polos veciños non foron capturados.
Nos campos de Muros os prisioneiros trataban de matar as horas mortas facendo pequenos traballos manuais. En Vieta, contan as mesmas testemuñas, facían barquiños dentro de botellas e en Anido fichas de dominó e caixiñas de papel de barba endurecidas con goma de laca.
Nos Campos de Muros , ao parecer tan só se rexistrou oficialmente unha morte. Foi a de Pedro Boto Riesgo, asturiano de 75 anos, solteiro. Preso en Vieta e que fina ó 17 de xaneiro de 1938 a causa dunha hemorraxia cerebral. Aínda que moitas testemuñas aseguran que foron varios máis os mortos en ambos campos.
No Rexistro Civil de Muros figura a acta de defunción deste preso.
«En Muros, provincia de La Coruña, a diecisiete de enero de 1938, ante D. Abelardo Dubert García, Juez Municipal y D. Manuel Sánchez Rodríguez, Secretario, se procede a inscribir la defunción de Pedro Boto Riesgo, de setenta y cinco años de edad, natural de Santa Marína, provincia de Oviedo…accidentalmente domiciliado en Muros, …de profesión desconocida y de estado soltero.
Falleció el diecisiete de Enero a las siete horas y cuarenta y cinco minutos a consecuencia de hemorragia cerebral según resulta de certificación facultativa…y su cadáver habrá de recibir sepultura en el cementerio de Muros.
Esta inscripción se practica en virtud de oficio del Sr. Capitán Jefe del Campo de Concentración de prisioneros de Guerra de Vieta de esta villa…Habiéndola presenciado como testigos D. Waldo Mouriño San Juan y D. Manuel Fabeiro Gómez, mayores de edad y vecinos de esta localidad.»
É de salientar que durante os anos da Guerra Civil, moitos dos axustizados ou «paseados» que foron mortos cun tiro na caluga, figuran nos rexistros como falecidos a causa dun derrame cerebral! Macabro eufemismo para limpar conciencias de asasinos. Non sei se este é o caso?