Un romance recollido en Muros a fins do século XIX

Henrique Monteagudo
Nun mazo de papeis do século XIX procedentes de Muros atopei esta curiosa versión dun romance recollido na propia vila:
Aí vén o conde de Alarcos:
Jesús! que mozo garrido,
montado no seu cabalo
metido o pé polo estribo!
Aí vén o conde de Alarcos:
Jesús! que mozo tan feito,
cal que se poña sentado,
cal que se poña dereito!
Pasou unha muradana
bonita coma unha estrela,
a vela o conde de Alarcos
ponse a parolar con ela.
“A onde vas muradana
toda vestida de negro?
Nena, se vestes de loito
non é o terciopelo”.
A meniña respondeu
moito de moi boa gana:
“Son de Muros, son de Muros,
soy de la flor de las damas,
como son da beiramar
non gasto dengue de grana”.
“Perdone miña señora,
perdone miña graciosa,
anque se veste de negro
parece así máis fermosa”.
Neve que cae no venteno
moito máis alba parece:
Estrela no ceo da noite
moito mellor resplandece.

Picture12O texto é un romance, ou sexa, unha composición que se recitaba en voz alta ou se cantaba, que se transmitía de xeración e xeración de boca a oído, de maneira que a xente o aprendía de memoría a base de escoitalo repetidamente, e non porque o lese en ningún libro. Fago a seguir un breve comentario do texto, cunhas rápidas observacións.
“Aí vén o conde Arnaldos”. O conde Arnaldos é o protagonista dun romance viejo castelán moi coñecido, de carácter novelesco. Resúmoo: a infanta Solisa teme quedar solteira e reclámalle ao seu pai o rei que lle busque marido, recordando que nun tempo o conde Arnaldos lle xurara amor. Pero este conde está casado e ten fillos, de maneira que para casar coa princesa sen manchar a honra do rei, este decide que a súa esposa debe morrer. O monarca ordena ao conde que mate a súa muller, e este vese obrigado a obedecer. A condesa, antes de finar a mans do seu marido Arnaldos, bota unha maldición sobre o rei e a princesa Solisa e todos falecen antes de trinta días. O noso romance, moito máis breve que o que acabamos de resumir, limítase a relatar unha anécdota, que ademais non ten relación co romance do conde Arnaldos propiamente dito. A nosa composición utiliza, por tanto, o nome do famoso conde no primeiro verso para chamar a atención dos oíntes e crear expectación sobre o que se vai contar. Está moi lograda a presentación do conde montado a cabalo, mozo garrido e ben feito, co recurso á repetición e o paralelismo, remachado pola contraposición “cal que se poña sentado / cal que se poña dereito”.

“Como son da beiramar / non gasto dengue de grana”. Pero o que conta a nosa composición é unha anécdota, un encontro do conde cunha moza muradana, no que o realmente importante é chamar a atención sobre a beleza desta moza, que deixa engaiolado o conde. A moza muradana chama a atención de Arnaldos porque vai vestida de negro, cunhas roupas que fan resaltar a súa fermosura. A moza explica que non leva dengue de grana, ou sexa, un dengue granate ou colorado. Como é ben sabido, o dengue é unha peza de tea, que habitualmente leva retallos de veludo (terciopelo) e incrustacións de pedraría, que se coloca co pico no lombo e que ten dous extremos longos que se cruzan sobre o peito para atalos ás costas. Se non me engano –especialistas hai na vila que poden corrixirme- unha das características do célebre traxe de muradana –polo menos na súa versión máis elegante– é dengue negro. De todos os xeitos, os versos “Nena, se vestes de loito / non é o terciopelo” soan un chisquiño raros, pois o segundo verso ten unha sílaba de menos, e non dá moito sentido. Diría orixinalmente “non é polo terciopelo”?

“Son de Muros, son de Muros / soy de la flor de las damas”. A rechamante vestimenta nPicture13egra da moza causa o abraio do conde, ante quen a muradana proclama, toda chea de vento, a súa naturalidade de Muros e a súa condición de dama. O feito de que a rapaza utilice unha frase en castelán polo medio da súa fala en galego pon de vulto o orgullo con que fachendea diante do conde. Pero se reparamos un pouco, chamaranos a atención o feito de que todas as estrofas do romance teñen catro versos, excepto precisamente esta estrofa, que ten seis versos: dá a impresión de que estes dous versos que acabamos de citar, coa mención a Muros, foron engadidos a romance para darlle un toque local, muradán.

“Neve que cae no venteno / moito máis alba parece”. Os últimos versos insisten na idea de que o negro da vestimenta favorécelle á moza, que, tal como se nos deixa entender, é branquísima de pel (no século XIX o ideal de beleza feminino exaltaba as peles esbrancuxadas e pálidas e rexeitaba o moreno, que tanto nos gusta hoxe: a xente aínda non ía á praia a tomar o sol). Para isto, bótase man de dúas comparanzas, que pechan belidamente a composición: as estrelas que resplandecen na noite e a neve que cae no venteno (no orixinal aparece con ). Que será o venteno? Localicei un vocábulo que parece o mesmo nun poema de Eduardo Blanco-Amor: “Feito de pano venteno leva galano vestido” (Romances galegos, 1928). Nalgúns dicionarios atopo para vinteno: “dise do pano que ten dous mil fíos de urdidura” (no da Real Academia Española, veinteno: “dicho de un paño cuya urdimbre consta de 20 centenares de hilos”). Isto resolve a voz de Blanco Amor, pero segue deixándonos un pouco ás escuras sobre o noso poema. Será que vinteno tomou o sentido específico dun pano negro? Mesmo así, parece rara a idea da neve caendo sobre un pano.
Picture14Como damos a imaxe dos orixinais e estes poden lerse sen dificultade, pois foron pasados a limpo nunha pulcra caligrafía, fixen unha transcrición que non se limita a reproducir o texto orixinal, senón que o adapta o texto a galego actual na ortografía (un,a > unha), corrixindo unha obvia gralla (sue > seu), un par de detalles gramaticais (como unha estrela > coma unha estrela; A donde > A onde) e un castelanismo léxico (hermosa > fermosa). Con certeza, outras versións desta composición foron recollidas por Galicia adiante, pero estas notas non pretenden ofrecer observacións eruditas nin fondas pescudas, unicamente teñen o obxectivo de dar a coñecer o romance recollido na nosa vila hai máis de cen anos, que pode ter outros tantos máis de antigüidade e que, a meu parecer, é bonito, ben interesante e moi gracioso. E se alguén, aínda hoxe, ten noticias sobre o texto ou pode dar algún dato máis que sirva para aclaralo, benvido será.

Acerca de themurostimes

Revista Dixital Muradana
Esta entrada fue publicada en A nosa Lingua y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s