p/ Javier Mayo Veloso
O prometido é débeda. Alevosamente hoxe decidín o asalto desta fortaleza natural.
Dende hai moito tempo esperaba esta visita a un monte tan enigmático como caprichoso nas súas formas e cargado de estrañas historias (ríos subterráneos, pozos interminables, moradores misteriosos….). Manuel Gago, mellor ca min, vos explica no seu blog unha interesante teoría, segundo a cal, dende este natural atalaia, gornicións romanas vixiaban unha suposta vía secundaria á famosa Vía Per Loca Marítima (ou Vía XX). http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/04/12/ o-bico-do-castelo-grande-a-fortaleza-dos-humildestesouros-agachados/
Probablemente moradores de distinta época conquistaron O Castelo dada a súa privilexiada situación. Non lle puxen tempo á ruta posto que me detiven (e camiñei sobre os meus pasos) varias veces. Ademais «toxos, xestas e loureiros» dificultan o paso. Subimos en coche, para alixeirar, dende Esteiro, pola estrada de o Maio, pasando por Lestelle, A Penseira, Catadoiro e Arestiño. Chegamos ata a subestación de Gamesa e collemos a estrada cara Á Laxe. Na primeira curva moi pechada a dereita deixamos o coche e camiñamos uns 100 metros ata que, a esquerdas comeza un camiño da pé moi estreitiño e case imperceptible. Coidado non pasarse de longo. A uns 300 metros encontrámonos coa primeira atalaia e entrada natural que algúns moradores adaptaron (ver foto do calzo). Seguimos outros tantos metros e encontrámonos a segunda atalaia. Aos seus pés unha impresionante cova granítica natural (podemos chegar a estar de pé dentro dela) onde vemos restos de lume e probablemente tellas seculares. Seguimos e a maleza vólvese seriamente impertinente (15 ou 20 metros), ascendemos lixeiramente deixando atrás impresionantes loureiros e xa estamos no cumio. A primeira arritmia sucede ao ver, de pronto
sobre unha lousa, o alquerque (un xogo moi popular no medievo e orixinario do imperio romano). Que fai aquí, quen o xogaba e dende cando?. A uns poucos pasos e subindo por uns chanzos tallados na rocha por aqueles outeadores a segunda arritmia volve visitarme ao descubrir unhas impresionantes vistas desaconsellables para os que sufran de vertixe. Séntome un anaco e intento adiviñar en que estarían a pensar os meus predecesores centenarios e, sobre todo, dobraría a garda o perdedor do xogo?. Enlace á explicación do Alquerque (ou Xogo do Muiño): http://es.wikipedia.org/wiki/Juego_del_molino