A Fonte dos Picholos

p/ José Manuel Bermúdez Siaba

A fonte dos Picholos é, sen dúbida algunha, unha das mais representativas obras da recente historia muradá. Aquela fermosa fonte, que ocupou o lugar dunha anterior situada no que coñecemos hoxe como o Curro da Praza, foi testemuña muda do acontecer cotián da vila. Durante anos gardou no anegado fondo da súa pía e na artística talla das súas pedras infinidade de conversas, anécdotas e segredos. Aquela artesanal iconaImagen1 exquisitamente tallada polo mestre canteiro don Antonio Franco, deleitou durante moito tempo, co relaxante rumor da súa auga, as mais sentidas relacións entre aqueles que alí se achegaban para abastecerse dos seus cristalinos e frescos fluídos.
Foi, sen embargo, a partir do ano 1932, sendo alcalde don Isidro García, cando a fonte acadou o seu maior esplendor como obra escultórica ao levarse a cabo unha reforma, que non so facilitou o seu uso senón que realzou grandemente a súa beleza. A fonte, que na súa orixe vertía a auga a través duns tubos situados no seu sumidoiro, foi modificada polo mestre canteiro e tallista don Francisco Iglesias, quen foi tamén autor da fonte da Pescadería Vella e outras significativas obras da vila. A orixinal e acertada solución consistiu en engadirlle dous peixes á columna central que soportaba o sumidoiro. Os peixes atopábanse inclinados cabeza abaixo e polas súas bocas xurdía o líquido elemento. Esa é a imaxe da fonte que recordan a maioría dos muradáns que tiveron o pracer de apreciar aquel representativo ornamento da vila. Ao cabo duns cantos anos, sendo alcalde don Manuel Fernández, levouse a cabo a primeira pavimentación da praza, obra executada por un contratista da Coruña coñecido como “O Cachafeiro”, pero a fonte permaneceu no seu lugar.
Tempo despois, don Román Ledo encargou ao contratista don Francisco Tobío, de Esteiro, a ampliación da curva fronte ao concello, pero a pesar do progreso os picholos continuaron adornado a praza. Foi a partir do ano cincuenta e catro, último do mandato de don Manuel González como alcalde, cando se comezou a desmontar a fonte, cuxas pedras foron coñecendo diversos asentamentos nos anos posteriores. Unha parte da fonte reconstruíuse nunha esquina da casa de dona Juana Beiro, mentres que o resto das pezas terminaron finalmente depositadas no Campo da Lúa, onde permaneceron durante moitos anos ata que no ano 1970, cando xa Muros fora declarado conxunto histórico, artístico e monumental, un veciño de Vigo levou as pedras para reconstruír a fonte nunha finca no lugar de Canido, en Vigo.
A fonte dos Picholos ten para Muros un especial significado histórico, ao igual que a maioría das construcións mais relevantes do noso pasado, tales como o castelo, a torre do reloxo, a torre arcebispal, as murallas e un sen fin de obras das que agora queremos ter coñecemento por seren parte da nosa identidade como pobo. Podemos contribuír a manter viva a nosa historia aportando aqueles coñecementos que, de seguro, todos temos sobre algún anaquiño do noso patrimonio que foron desaparecendo ao longo do século pasado

Anuncio publicitario

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada . Guarda el enlace permanente.