Xeito de vivir.
_____________
p/ Domingo J. Barreiros Lago
Polos campos azuis do Mar de Lira
O mar pásalle o ferro a branca area;
Cada seis badaladas, a marea
Repite decotío o vira-vira.
Eolo apurra ó mar, para que fira
Co aceirado coitelo a rexa vea
Dos Miñarzos, facendo que unha grea
De cabalos de escuma se erga en pira.
Ó abrigo do peirao, a Confraría
Instalou o seu lar, onde un milleiro
De ideas xurden co seu propio selo.
Alí amánsase o mar non sendo ría;
Alí amósase o xeito mariñeiro
De vivir. Alí é Portocubelo.