p/ Manuel Lago Álvarez
Céltiga foi unha revista de temática galega que se publicou en Bos Aires entre 1924 e 1932. De periodicidade quincenal converteuse no punto de encontro da intelectualidade galega residente en Arxentina. Eduardo Blanco-Amor, Eliseo Pulpeiro e Ramón Suárez Picallo foron os directores literarios dunha publicación pola que desfilaron Castelao, Maside, Suárez Couto, Francisco Asorey, Luis Ksado e outros ilustres galegos.
No ano 1925 a revista convocou un concurso fotográfico con fotos enviadas dende Galicia, anunciando que ademais de publicalas premiaríanse con valiosos obxetos i en efectivo.
No número 17 da revista, (10-Setembro-1925) publicouse unha fermosa foto do faro de Rebordiño, que foi remitida por F. Iglesias, quen posteriormente debeu mandar para a súa publicación algunha outra foto. O Sr. Iglesias o non velas publicadas presentou unha queixa aos responsables da revista. No número 20 da revista, na sección “Buzón y Canasto”, a revista contestou: “No se impaciente; ni Muros es tan desgraciado, ni Finisterre y Noia tan crueles. Las otras fotografías irán en próximos números. Sosieguen los ánimos en vez de avivar los odios. Mire que una guerra entre eses tres hermosos pueblos sería espantosa”.
A revista publicou as fotos no nº 21 (10-11-1925) e quedou así a cousa. Reproducimos as fotos da polémica. Non teñen moita calidade debido a que foron escaneadas sobre o exemplar tamén escaneado da revista pero aí quedan para facer historia da queixa dun muradán diante de tan importante revista.