Repaso pola historia de Esteiro. O asentamento dos cataláns (II)

Do libro de Santi Llovo  «MEMORIA SALGADA DUN POBO»

Luis Alonso Álvarez apunta como factores determinantes da problemática chegada masiva de cataláns os seguintes: o excedente de mariñeiros e pescadores sen traballo no Principado de Cataluña e o establecemento en 1748 da chamada “Matrícula do mar” en Galicia, segundo a cal se concedía o monopolio da pesca nas costas galegas a aqueles mareantes ou pescadores que se acolleran aos beneficios da “Matrícula”, eliminando deste xeito a posible competencia ocasional dos labregos. Como contrapartida, levaba aparellada un compromiso de alistamento na Armada “siempre que ésta la necesitase”, compromiso que chegaba dende os 16 ata os 60 anos. Este deber coa Armada dos mariñeiros galegos sempre supuxo un agravio e, por tanto, un motivo de conflito cos mariñeiros cataláns que chegaron neses tempos, porque estes últimos aínda que matriculados e por tanto tamén suxeitos ó compromiso de alistamento ao servizo da Armada, na práctica estaban exentos das prestacións persoais da Matrícula xa que estas só se cumprían no departamento marítimo correspondente, no seu caso o de Cataluña, e por cuestións de distancia nunca cumprían.

Esta problemática do obrigado alistamento na Armada reflíctese nunha escritura outorgada polos contadores do Gremio do Mar desta localidade ante un notario de Muros en xaneiro de 1799. Neste documento se daba conta do conflitoImagen2.png xurdido por mor da reclamación feita polo Cabildo da Colexiata da localidade, que dende abril do ano 1798 lles estaba amenazando con una rigurosa ejecución, pola débeda atrasada que mantiñan os pescadores na cantidade de 4.000 reais de vellón (compre lembrar as ancestrais e sempre conflitivas prebendas da igrexa fronte os diferentes produtores económicos, que no caso dos pescadores materializábanse en diezmos ou portazgos que regularmente debían abonar directamente ás parroquias ou ben ás confrarías delas dependentes). Os representantes do gremio do mar de Muros alegaron como motivos dos retrasos no pagamento os seguintes: a escaseza neses últimos anos na colleita de sardiña, ramo principal de subsistencia dos matriculados e, segundo e principal, que os barcos dos debedores atopábanse amarrados porque segundo eles non podían navegar pola guerra con Inglaterra .

Compre lembrar, respecto aos diezmos da igrexa, a importancia que tivo no enfrontamento dos mariñeiros galegos cos industriais cataláns a negativa destes a facer fronte a esas ancestrais prebendas. Hai historiadores que afirman que, sen dar a cara, foron precisamente eles, a burguesía e a igrexa, quen “encerellou” aos mariñeiros contra os cataláns.

Outro factor que citan varios escritores como específico da Ría de Muros e determinante no conflito cos cataláns, foi o acopio que estes facían de trigo, millo, fabas e outras legumes. Este acopio traía como consecuencia o encarecemento extraordinario  dos produtos da terra para o resto dos veciños. Artaza no seu libro “Recuerdos de la muy noble, muy leal y muy humanitaria Villa de Muros” cita varias anécdotas a este respecto. Especialmente ilustrativo é o caso dun veciño de Ferrol, capitán dun bergantín, que describe o que aconteceu nun porto de levante, logo de cargar supostamente sardiña nun almacén da Ría de Noia: “al tiempo de la descarga se desgració un casco, relajándose dos duelas, e inmediatamente empezó a derramar habichuela blanca”. Este autor tamén menciona “el enorme acopio de trigo y maíz que había depositado en Portosín, y que varios curiosos habían observado que todas las semanas venía un barco que entraba y salía de noche”.

Tamén resulta determinante a este respecto a relación de bens queimados ou saqueados que fixo Alejandro Gaioso logo dos incidentes de 1812. Este industrial de salgadura de Portosín recolle nese documento que perdeu “44 ferrados de maíz viejo en espiga, 8 de habichuelas y 2 de trigo”, que ven en certa maneira a corroborar o abasto de cereais polos industriais da salgadura.

Segundo apunta Luis Alonso Álvarez, outra importante fonte de problemas, tamén específica da Ría de Muros, foi a seguinte: segundo parece os matriculados de Muros tiñan nos arredores da vila, cara afora da ría, un pequeno peirao destinado a fondeadoiro das embarcacións de pesca onde, sen previo aviso, os cataláns empezaron a construír outro almacén de salgadura. Os matriculados decidiron actuar pola súa conta e tras destruír os cimentos da “fábrica”, pasaron a inutilizar as redes da xábega que estaban tendidas polos arredores “eludiendo los fuegos que les hacían desde tierra, casi a quemarropa, los asalariados armados por los catalanes” .

En calquera caso, o factor determinante para o “levantamento” dos mariñeiros galegos contra os cataláns foi a implantación das novas técnicas de pesca, Imagen3.pngfundamentalmente a arte da xávega. Os sistemas usados tradicionalmente na pesca na ría respondían a unha forma particular de concibir o aproveitamento dos recursos pesqueiros, forma recollida nas ordenanzas gremiais e avaladas por unha práctica secular. Os mariñeiros queixábanse de que non se empregaban cercos naturais e outras redes usadas antigamente, senón que, primeiro co “bou” que foi rapidamente prohibido polas ordenanzas e despois coa xávega, a pesca era moi nociva xa que con estes aparellos tamén se pescaba as crías da sardiña.

Neste sentido, don Francisco Javier Sarmiento, Ministro principal de Marina na antiga provincia de Pontevedra, dicía en documento oficial de mediados do século XVIII, que “el XEITO era el mejor y más útil instrumento de cuantos se conocen para la pesca de la sardina«. Non obstante, os fomentadores cataláns pola maior produtividade da xávega, foron incorporando esta arte en toda a costa. Incluso chegou a circular un texto anónimo, que dicía respecto ó xeito o seguinte: “Una clase de red grande usada en Galicia para recoger sardina y otros peces. Es muy dañina porque maltrata la pesca que coge y ahuyenta la que no cae, por ponerse perpendicularmente a la embocadura de las rías, para que se enrede en sus hoyos la primera riolada de peces que topa en ella, que aunque se entrapa en la red, se maltrata e irrita pugnando por escapar, y espanta a la que viene en seguida. En voz prov. Se pronuncia sheito”. Evidentemente este texto tiña como fin a defensa do xábega como método de pesca, pero visiblemente resultaba entre tendencioso e esperpéntico.

O certo foi que xurdiron unha morea de motíns en moitas partes da costa galega. Por exemplo, o de Corcubión , onde xa en 1757 os mariñeiros e a súas mulleres levantáronse, acaudillados polo xuíz e polo cura párroco, contra os cataláns e as persoas que traballaban coas xávegas, rompéndoas. En Cee no mesmo ano, as mulleres da vila tocaron as campás para convocar ao pobo, ían armadas de paus, pedras e furcos, pedindo aos cataláns que pescaran co mesmo trato e termos que antano tiñan os veciños.

A partires de 1760 xa se empezan a tomar medidas por parte das autoridades sobre o uso deste tipo de artes. En Francia primeiro se prohibiu o “boeu”, que era unha rede de arrastre do que os cataláns tomaron a xávega e despois, en 1766, prohibiron a propia xávega a menos dunha legua da costa. En España xa en 1761, por Real Orden, prohibiuse o arrastre de bou en parella en todo o pais. En 1865 reproducíronse os conflitos contra os cataláns en Cangas. En 1768 prohíbese o uso da xábega polas Ordenanzas de Pontevedra e en Muros publícanse outras Ordenanzas nas que restrinxen o seu uso fora de determinadas zonas; prohíbense: “en los recodos y sitios donde abriga, apasta, cría, y desova la sardina”. Os cataláns recorren estas ordenanzas co argumento de que a sardiña desova fora da ría.

O 5 de xullo de 1769 asínanse, precisamente en Esteiro, unhas novas Ordenanzas de pesca para Muros. Nas mesmas regúlanse os chamados “gorentes”, as nasas…etc, e prohíbese novamente a xábega .

En 1770 novamente Sarmiento defende a pesca tradicional do xeito manifestándose publicamente en contra dos fomentadores cataláns que: “…arrasan las semillas de la pesca y algunos gallegos espúreos se han puesto de parte de los tiranos…”.

Nos anos seguintes foise alternando a prohibición e o permiso para o uso da xábega, pero en ningún caso foi pacífica a relación dos mariñeiros locais que usaban o xeito cos empresarios cataláns impulsores do uso da xábega.

En 1799 liberalizouse case que definitivamente en Galicia o uso de todas as artes, non obstante, o comandante militar de Marina de Muros prohibiu particularmente o seu uso dentro da ría, aínda que segundo parece a orde non tivo efectos.

Resultan especialmente significativas dúas escrituras outorgadas en 1807 ante un notario de Muros por representantes do “Gremio del Mar” da vila. Imagen4.pngNa primeira, a xunta de goberno do citado gremio daba conta da reunión celebrada o 28 de novembro de 1807 polos matriculados con don Baltasar Rodríguez de Tapia, “Alférez de fragata de la real Armada y Ayudante Militar de Marina de este puerto y su partido”. Nesta xuntanza o representante da autoridade informaba, en primeiro lugar, de que o día 23 do mesmo mes recibiu “Orden del Capitán General de Marina en este departamento, relativa a que los aparejos de pesca llamados la Jábega pudieran andar a la pesca en el mes de diciembre próximo…”, en segundo lugar,  manifestaba o seu malestar porque os carteis postos nos lugares de costume comunicando á cidadanía a citada orde foron arrincados todos. Esta orde da autoridade de Marina viña a confirmar que estaba permitido o uso da xábega de xuño a decembro, por iso se informaba de que no seguinte mes podíase botar o aparello. Pola súa parte, os matriculados manifestáronlle que esa arte era nociva todo o ano, non só de xaneiro a xuño.

A seguinte escritura asinouse o día seguinte ante o mesmo notario. Nela, a xunta de goberno do gremio apoderaba ao tamén individuo matriculado D. Joaquin Malvárez para lles representar nas súas reclamacións.

Os conflitos foron constantes ata que, nos últimos días de setembro de 1812, a tensión era tal na ría que os cataláns armaron aos seus empregados e se encerraron nas súas factorías dispostos a se defender como fora, e calquera incidente era respondido cun nutrido fogo. Segundo relata Artaza, reproducindo o reflectido na “Carta Muradana”, incluso no mar os barcos dos cataláns atacaban as lanchas dos matriculados que, sen contar con armamento, chegaron a fuxir abandonando o seus propios aparellos. Este autor tamén relata o caso de Roque Romero, patrón dunha lancha do xeito, que “regresando del Son a las once de la noche, un recio temporal despues de haberle roto el mástil con la maior exposición de sus vidas le obligó a refugiarse en la ensenada de Esteiro, y la recibieron a balazos dirigidos desde los almacenes de los catalanes, que aún no contentos destacaron una lancha a perseguirlos; en este compromiso les socorrió la providencia, deparándoles una pinaza que estaba guarnecida de la Isla de la Quiebra por la misma razón. Algunas armas de fuego de la dotación de dicha embarcación y en fin, la reunión de ambas tripulaciones, les impusieron respeto, y así han salvado. Esta pinaza desde la que se hizo fuego, pertenecía al armador Juan do Sil y su patrón era Santiago Campelo”.

En calquera caso, en outubro dese ano 1812 os mariñeiros matriculados en Muros decidiron tomar a xustiza polo súa man e pasar á ofensiva. Empezaron por “cegar” as postas da xábega, ou postas reais, que había no lado norte da ría: a de Laxeiras, a do Salto e a de Somorto en Esteiro. As postas reais chamábanse así porque, segundo parece, para poderen botar alí a xábega había que tributar ó Rei, dándolles este, a través da autoridade correspondente, a exclusiva de pesca neses lugares. Segundo os escritos de Meijide Pardo, este era un dos argumentos que utilizaban os cataláns para se defender do uso da xábega ante o capitán xeneral: “que en atención al hecho de haber contribuído con la mayor prontitud con cuantos impuestos dispuso la Corona para sus precisas y justas urgencias, Carlos IV les había concedido la franquicia, entre otras cosas, de emplear Jábegas y Xeitos para capturar la sardina y que pudiesen usar de las redes y clase de embarcaciones que más les acomode en todas las costas de Galicia”.

 

Acerca de themurostimes

Revista Dixital Muradana
Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s