REPASO POLA HISTORIA DE ESTEIRO. O ASENTAMENTO DOS CATALÁNS (V)

Do libro de Santi Llovo  «MEMORIA SALGADA DUN POBO»

Por escritura pública outorgada en Muros o 14 de xuño de 1875 constituíuse a Sociedade de Fomentadores e Armadores da Ría de Muros . Esta sociedade supuxo, logo da recente promulgación da “Ley de Desentanco de la Sal”, unha  auténtica revolución, xa que os empresarios da salgadura da ría dispoñían, en exclusiva, dun servizo de transporte garantido, tanto para traer sal do levante como para levar a sardiña prensada aos puntos de venda tradicional no Mediterráneo. Aínda que na constitución desta sociedade non houbo desembolso de efectivo, algúns empresarios achegaron as súas embarcacións. Nembargante, todos os asinantes resultaban beneficiados coa asociación, xa que os que eran armadores (tiveran ou non almacéns) garantían fretes e os que non tiñan barcos garantían transporte para as súas mercadorías e materias primas.

Asinaron a constitución da Sociedade, entre outros, os seguintes empresarios nados en Esteiro: da familia Romaní, José e Félix Romaní Cruz (Félix daquela xa levaba anos establecido en Muros), da familia Portals, Alejandro Portals Boris (tamén establecido en Muros) e o seu irmán José, que asinou por el e como apoderado do seu pai José Portals Costa, que se atopaba enfermo na súa casa de Esteiro onde faleceu meses despois. Resulta interesante destacar que o asinamento da escritura se fixo primeiro en Muros o mencionado día 17.05.1875, onde asinaron os veciños da vila, e ó día seguinte referendouse en Esteiro, a onde se desprazou o notario, para “coller” a sinatura de José Romaní e José Portals.

Segundo reflicte a escritura, dos citados empresarios unicamente achegaron embarcacións Félix Romaní e José Portals:

Félix Romaní:

  1. Goleta “Gala”. Sobre esta embarcación se afonda no apartado de “Embarcacións do século XIX” deste traballo. Resulta acreditado que á data do asinamento da escritura de constitución desta sociedade o Gala era tamén do seu irmán da casa matriz en Esteiro, José, así como doutro veciño de Muros chamado Domingo Malvárez. Posteriormente, en 1880, esta goleta pasou a ser propiedade, a partes iguais, de Félix e de José.
  2. Polacra Goleta “Lucila”.
  3. Patacho “Rogelio”.

José Portals:

  1. Bergantín Goleta “Rosa”
  2. Bergantín Goleta “Deseada”
  3. Bergantín Goleta “Alejandro”
  4. Quechemarín “Amalia”

Dunha pequena análise dos estatutos da sociedade pódense destacar, pola singularidade, os seguintes parágrafos:

No artigo 1º, baixo o que poderíamos denominar obxecto social, indican: “Bajo la denominación de Sociedad de Fomentadores y Navieros de la Ría de Muros, se establece, con domicilio en la villa de este nombre, una compañía colectiva compuesta de los fomentadores de pesca y salazón y de los interesados en buques de la Ría de Muros y Noya, con objeto de cargar exclusivamente en buques de los asociados, los pescados salados en las fábricas de los primeros. Para los efectos de la sociedad se entienden fomentadores de la Ría de Muros y Noya, todos los que tienen fábricas abiertas dentro de los distritos administrativos de ambos pueblos”.

Chama a atención o réxime de penalización para o caso dos fomentadores asociados que cargaran en barcos non inscritos na sociedade: “carga exclusiva en estos buques, sino multa de 15 duros por cada pipa de pesca…”

Tamén resulta curioso o sistema de quendas para a carga: “Los barcos cargarán en riguroso turno según fondeo en la bahía del puerto de Muros, si un barco tiene que darse a la vela por fuerza mayor, pierde el turno…”, por tanto era importante contar cun efectivo sistema de fondeo para o caso de nordés.

Un terrible suceso aconteciu na noitiña do 22 de novembro de 1884, o naufraxio dunha lancha que voltaba do mercado de Noia ateigada de veciños de Esteiro. A prensa, tanto local como nacional, fíxose eco da noticia:Imagen4.pngImagen5.png

O día 25 de novembro de 1884 o Sr. cura párroco de Tal e Esteiro, D. José Castro Sanmartín, anotou no correspondente libro sacramental de defuntos o asento que a continuación literalmente se transcribe :

“Suceso lamentable como digno de recuerdo”

En el dia 22 del mes de Nbre del año 1884 entre los puertos de Esteiro y Portosín una lancha que regresaba de la villa de Noya al referido Esteiro, trahian a su bordo catorce personas, zozobra y perecen de entre ellas cinco personas, todas ellas menores de 26 años, cuias exequias por su eterno descanso se han celebrado a expensas de sus familias por el orden que sigue y para que conste lo firmo hoy, Nbre veinte cinco año citado.

José Castro Sanmartin”

A continuación se anotaron as seguintes inscricións:

O día 24 de novembro tivo lugar en Esteiro, coa asistencia de cinco sacerdotes, o enterro e honras fúnebres pola alma de Dominga García Ferrer, moza solteira de 18 anos do lugar do Maio, filla de Manuel García e Rosario Ferrer.

O día 25 de novembro tivo lugar en Esteiro, coa asistencia de cinco sacerdotes, o enterro e honras fúnebres pola alma de Domingo Figueiras Veloso, mozo de 22 anos do lugar do Maio, fillo de Benito Figueiras e María Veloso.

O día 26 de novembro tivo lugar en Esteiro, coa asistencia de seis sacerdotes, o enterro e honras fúnebres pola alma de Esperanza Núñez Caamaño, moza solteira de 26 anos do lugar do Maio, filla de Rosa Caamaño (non consta o nome do pai). No lateral da inscrición aparece a seguinte frase “este apareció”.

O día 10 de decembro celebrouse en Esteiro, coa asistencia de cinco sacerdotes, as funcións de enterro e honras fúnebres pola alma de Carolina Caamaño Rama, viúva de Francisco Brea, do lugar do Maio, filla de Francisco Caamaño e Esperanza Rama.

O día 11 de decembro celebrouse en Esteiro, coa asistencia de cinco sacerdotes, as funcións de enterro e honras fúnebres pola alma de Manuela Esteiro, solteira de 19 anos, do lugar do Maio.

Pódese deducir, tanto das noticias da prensa como do apuntado polo párroco, que efectivamente na noitiña do día 22 de novembro dese ano 1884 unha lancha, facendo servizo de carreto (xa que levaba mulleres) dende Noia a Esteiro pasando por Portosín, naufragou por mor do mal tempo, falecendo das 14 persoas que levaba (12 segundo a prensa), 5 (6 segundo a prensa), todas do Maio e das cales 4 eran mulleres Carolina Caamaño e Manuela Esteiro nunca chegaron a aparecer.

A conmoción tivo que ser moi fonda na bisbarra. A partires dese día e durante moitos anos, cada vez que un barco de pasaxe transitaba polo lugar do naufraxio rezábase en memoria dos falecidos.

Como exemplo, en 1889 no artigo sobre unha viaxe pola ría publicado na revista Novo Galiciano por José Lopez Otero, dicíase o seguinte: “Na illa Quebra (que é un pequeno monte no mar) fixéronos rezar unha salve en aución de gracias por haber chegado en ben a ela”.

Do mesmo xeito, o ilustre veciño de Esteiro Xosé Maio Tobío, Conroa, na súa novela “O frade das dúas almas” escrita en 1936, refírese a esta desgraza, Imagen3.pngcando o protagonista da obra, o estudante para crego “Leliño” xunto co seu pai, o Xinés, e o Sr. Cura, o seu profesor, collen a lancha do Caxón cara a Noia para se examinar en Santiago:

         “Non foi nada, señor cura, non foi nada¡ Pois non faltaba máis¡ Séntese señor, séntese que virá canso¡

Sentouse na popa, ó lado do patrón. Botano a vela arriba e un terraliño fresco foinos levando hastra o carreiro da Crega. Aquí pasouse a caixiña das ánimas (o primeiro en botar foi o señor cura, por estar certo de que aquel pequeno seu gran volvería multiplicado ó seu bulsillo) en lembranza dos afogados alí, cando voltara unha lancha da mesma carreira, facía xa máis de oitenta anos.”

O 8 de decembro de 1886 naufragou, nos baixos das Borneiras, outra lancha de pesca con cinco mariñeiros a bordo que viñan de Muros cara a Esteiro. Segundo as crónicas da época, ao non ter auxilio e non chegar á costa, morreron afogados. No libro de defuncións de Esteiro aparecen as partidas de dous veciños da Silvosa, Manuel e Ignacio Piñeiro, aos que se lle dou sepultura o día 20 do mesmo mes .

A revista “O Novo Galiciano” acolleu un artigo publicado a principios de 1889, baixo o título “Un viaxe”, escrito polo periodista pontevedrés José López Otero. Este artigo, ao que xa me referín con anterioridade, é un dos poucos documentos descritivos da bisbarra na época. O autor fai unha crónica da súa viaxe, realizada no verán de 1888 co seu amigo Xaquín por Muros, Noia, Porto do Son, Pobra do Caramiñal, Vilanova de Arousa e outras paraxes próximas. Estes puntos xeográficos da costa occidental galega son descritos con detalle e afección, dándose conta da súa beleza e atractivos, as edificacións e monumentos máis senlleiros, os espazos de lecer, a industria ou a toponimia, que van ser comparados coa “frialdade” da ría de Pontevedra.

“Unha mañán de verdadeiro vran, determinamos ir a Muros Xoquín e eu: o tempo estaba manífeco e non había que pedirlle, pois presentábase un ventiño bastante calmo e favorabre que mesmo convidaba a emprender o viaxe. Decidímonos, sin vacilación algunha, e pouco despois surcábamos aquel mar, que anque curto en estensión, non por eso lle faltaba un oleaxe bastante forte.

Supuña eu ver todo aquelo despoblado, i enganeime ben, pois non había curruncho en que non se visen casas. Dun lado salía un barco de carreto; doutro un de pesca. Eiquí uns mariñeiros tendendo rede, elí collendo xa peixe, de modo que o mar e as beiras estaban poboadas ….¡que alegre é aquel paseo que hai ó salir de Muros! Primeiro Tal (una parroquia), logo Esteiro cun montiño de casas é un bo almacén de salazón; o Freijo con bonitos talleres e de donde salen muitos barcos sobre todo lanchas de pesca, e botes de toda cras.”.

“.. aora de volta encontro non sei qué frialdá na nosa ría, non vexo aquel picante mar do Son, nin a dolce ola da limpa baía de Muros donde parece que a iauga tranquila adormece naquel encuberto e cristalino salón. Vexo unha revolteada ría de Pontevedra; pero descuidada e convertida en deplorable abandono; sumideiro das inmundicias da fermosa cibdá do Lérez que atesoura tanta fermosura como riqueza natural que se ve circundada de ledas augas; pero que nas súas beiras non vemos unha fábrica de conservas como a de Noia nin coma a de Muros nin os almacéns de salazón de Esteiro, Portosín ou o Son; nin talleres, como os de Freixo e Muros, de donde teñen saído bos vergantes e barcos capaces de atravesar o Atlántico. Eiquí conténtase un co que hai, amenas campiñas embalsamadas de arrecendentes cheiros, raparigas bonitas e divertidas: muita contribución, muitas gabelas, asombrosa emigración e paremos de contar ..”.

Aparte das ordinarias disposicións testamentarias, apoderamentos e compravendas, houbo ao longo do século XIX outros tipos de escrituras públicas moi interesantes para documentar cómo era a vida en Esteiro naqueles tempos. Trátase, en primeiro lugar, das escrituras de “Obligación y fianza”, outorgadas polos industriais da salgadura para extraer sal dos alfolís reais; en segundo lugar, dos documentos de préstamos con garantía hipotecaria; en terceiro lugar, das chamadas fianzas carcerarias e por último, dos foros e censos agrícolas.

Polo que respecta ás primeiras, os fomentadores cataláns tiñan que garantir cos bens que posuían, especialmente cos seus almacéns que antes eran taxados por “peritos inteligentes”, a retirada de sal dos alfolís. Estas garantías podían ser individuais ou colectivas, nas que se afianzaban mancomunadamente varios deles. Lémbrase que no apartado referido aos almacéns da salgadura reprodúcense varias destas escrituras, moi frecuentes a mediados do século XIX.

Tamén son innumerables os documentos notariais de préstamo ao longo de todo este século. A súa estrutura era moi variable. Normalmente eran a curto/medio prazo, non máis de catro anos e os había tanto con xuros como sen eles. O caso máis peculiar foi o dunha escritura do que agora chamamos hipoteca inversa. Tratábase dun matrimonio de veciños de avanzada idade do lugar do Maio, que entregaron a propiedade da casa onde vivían e o resto das súas pertenzas, a cambio de que os atendesen mentres vivisen. Estas escrituras tiñan un denominador común: os outorgantes eran na meirande parte das veces cataláns e se establecían garantías normalmente hipotecarias. Os Romaní e os Portals foron por momentos verdadeiros banqueiros que se fixeron con innumerables propiedades ao executarse as garantías por non pagamento no prazo establecido.

O terceiro tipo de documentos notariais frecuentes que cómpre salientar, foron as fianzas carcerarias. Con estas escrituras, persoas imputadas librábanse da cárcere ou mesmo benfeitores libraban a terceiras persoas. En ambos casos era imprescindible a achega de garantías suficientes. Como exemplo, mencionarei varios supostos: o primeiro atopado data de 1827 e xa foi mencionado con anterioridade. Francisco Romaní, patriarca dos Romaní de Solleiros, afianzou cos seus bens a outros veciños de Esteiro que estaban presos por pescar contra as ordenanzas .

O propio Francisco Romaní volveu a outorgar unha escritura deste tipo para se librar el mesmo da cárcere ou das posibles penas pecuniarias derivadas dun ilícito por contrabando. O 3 de febreiro de 1838 concorreron os carabineiros, ao mando do sarxento D. Benito Rodríguez, na casa de Francisco Romaní en Solleiros e “sacaron una bara de bayeta encarnada comprada en la villa de Noya por Manuel Saborido, unos pañuelos bastillados e otros efectos del surtido da casa a pretexto de contrabando” .

Outro tipo de escritura de fianza carceraria foi outorgada por  Pedro Rama, veciño de Esteiro, con motivo do seu arresto por ser un dos comprometidos na causa criminal instada de oficio polo Xulgado de Instancia de Muros con motivo da expedición duns exemplares impresos do catecismo de doutrina, noticia publicada polo periódico “La Voz de la Religión” .

Tamén Venancio Portals Costa, o que fora industrial da salgadura no peirao de Esteiro, asinou o 24 de xuño de 1848, en Muros, unha escritura de afianzamento carcerario pola cal garantía “con sus bienes presentes y futuros al patrón, don Ramón Lariño, y tripulantes de la lancha San Antonio y Ánimas que fueron detenidos por el sargento de carabineros por habérseles aprendido una poca de salmuera, resto de salazón de sardina, que llevava dicho Lariño de su casa propia procedente de dos fanegas de sal que había sacado de los alfolís de esta villa al precio de consumo de tierra, los cuales se hallan arrestados en el cuartel de carabineros de la referida villa…” . Cómpre lembrar que naqueles tempos a sal era un produto absolutamente controlado e os prezos eran diferentes en función do uso que se lle daba. Non era o mesmo o prezo da sal para uso doméstico que para uso industrial.

Aparece tamén neste ano de 1854 unha escritura de fianza carceraria outorgada polo veciño de Esteiro Pedro Cambeiro, con motivo da causa aberta contra el por falsificación dun pasaporte .

O último tipo de escrituras de certo interese atopadas nos protocolos notariais de Muros e Noia, referidos a veciños de Esteiro neste século XIX, foron os chamados foros e censos agrícolas. A modo de exemplo, mencionarei en primeiro lugar a aprobación dun foro sobre uns terreos, outorgado en xullo de 1837 por José Romaní, meses antes de morrer, cuns veciños de Tal.

En canto aos censos, cómpre referirse a unha escritura asinada por Ricardo Romaní Ferrer en calidade de mandatario do seu cuñado Manuel Calderón Neira, daquela rexistrador da propiedade da área de Ferrol. No documento redimíase, do pagamento dun censo a unha serie de veciños de Esteiro que estaban obrigados con Dona Esperanza Portals a cambio de 700 pesetas. Este dereito previamente llo había legado dona Esperanza a Don Manuel e consistía en varios ferrados de centeo .

(continuará)

 

 

Acerca de MUROS CENTRADO

MUROS CENTRADO
Esta entrada fue publicada en Historia y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Deixa un comentario

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s