Javier, é o seu nome de pila, pero entre nós coñecémolo mellor por “Javier o redero” ou “Javier de Lusia”, aínda que, os que xa temos algúns anos, lembramos que de pequeno chamabámoslle CHAPI, e se lle chamaba así por algo…
Javier naceu en Muros, un frío mes de febreiro do ano 1964, sendo o quinto de seis irmás (catro homes e dúas mulleres: Manolo, Tono, Mingos, Engracia e Lolita). Estudou en Muros, na escola de Don Manolo, na Academia de Doña Katy e no Colexio D. Ramón de Artaza. O servizo militar fixo en Ferrol, no Museo Naval, do que di ter moi bos recordos, salvo o de un tenente chamado Celestino que era coma a súa sombra e que non lle daba tódolos permisos que el quería, e non porque se portara mal, senón porque Javier pedía permisos especiais, e o tenente ben sabía para que eran… Felizmente casado con unha guapa moza de Baño, ten unha filla que se chama Lidia, que éo seu orgullo, e que con vinte dous anos rematou os seus estudos superiores con unhas notas máis que notables.
De familia de mariñeiros, a súa vida tamén está ligada ao mar. Comezou a aprender o oficio de redeiro aos catorce anos. Hoxe é un experto profesional, amante do seu traballo e moi cumpridor. Con bo ou mal tempo, chova ou vente, il esta reparando redes para que os barcos non perdan día de pesca, e non só no peirao de Muros, senón que tamén se despraza a outros portos de España e Portugal para atender as embarcacións muradanas.
A súa fama como profesional rebasou as nosas fronteiras, sendo solicitado para asesorar a patróns muradanos nos EE.UU. no armado de grandes aparellos. Un deles, Suso Caamaño, non cansa de repetir que o saber de Javier fai -como se ve na foto- que os copes veñan cheos de peixes.
Javier ten outra faceta moi a ter en conta: é un gran embaixador de Muros. Cada vez que as cámaras de televisión filman no peirao de Muros, dedícanlle tomas a Javier, e non só iso, que tamén é entrevistado e nas súas respostas sempre contesta con coñecemento pleno as preguntas que se lle fan. En definitiva: todo un “crac”.