O apelido CAAMAÑO, é o terceiro máis extendido en Muros. Un total de 913 persoas levan este apelido, (9,51 % de Galicia).
Toponimia:
Posible orixe toponímica: en Galicia atopamos os seguintes lugares coa grafía Caamaño: – na parroquia de Santa María de Caamaño, no concello de Porto do Son.
Heráldica
Apelido galego que, segundo unha antiga lenda, procede do príncipe Sicambre, bisneto do último Rei dos troiáns, que desembarcou en Galiza e deu orixe a este apelido.
A sua antiguedade é tan evidente que xa en tempos dos reis suevos aparece un camaño como gobernador de Galiza, presidendo un concílio no 453. Nos tempos do Rei Teodomiro, Talasio Camaño, casado con Indegunda, sobriña do Rei godo Atanaxildo, era Señor do Promontório de Neiro e das illas Licas, que son actualmente as de Baiona; ao ficar viuvo foi nomeado Bispo de Astorga, figurando, co seu irmán Pantardo Camaño, Bispo de Braga, no terceiro Concílio de Toledo. Asemade, Anserico Camaño, Bispo de Segóvia, interveu moi activamente nos IV, V, VI e VII Concílios toledáns. Sandia de Camaño, Gran Señor da Galiza, axudou ao Rei Paio (Pelayo) na Reconquista, e Pedro e Fruela Alonso de Camaño fundaron, nas proximidades de Noia, o mosteiro de Toxosoutos, no1129, e ficaron nel de monxes. O devandito mosteiro pertencia á Xurisdicción da abadia de Sobrado, fundada a sua vez polo conde Hermenexildo e a sua muller Paterna de Camaño., e na sua igrexa tiveron xacemento os señores desta família. A primitiva casa solarenga, que se chamou castelo de Castro Camaño, redicou na vila de Noia, e a ela pertenceu Sancho Garcia de Caamaño, que tomou parte, como capitán, no sítio de Almeria no 1147, e finou na conquista de Andújar no 1155; Garci Fernández de Caamaño, Señor da Casa de Noia, que acompañou ao Rei Fernando III, O Santo, nas conquistas de Córdova e Sevilla, e Vasco Fernández de Caamaño, que tomou partido por Pedro I, O Cruel, pasando logo a Portugal, onde deu orixe aos Camões de aquela nación.
Tiveron casas solarengas en Vista Alegre e Barrantes, dos cuais procedian Garcia de Caamaño Mendoza Sotomayor, que foi cardeal arzobispo de Santiago de Compostela, e Fernando Caamaño de Andrade e Sotomayor, Bispo de Paléncia e de Sigüenza, despois Arzobispo de Burgos e Compostela e várias veces Capitán Xeneral do Reino de Galiza en Rubiáns (Vilagarcia), a que pertenceu Fernando de Caamaño e Figueroa, que tamén foi Cardeal Arzobispo da Sé Compostelá; na freguesia do concello de Vilanova de Arousa, en Caldas de Reis, en Romelle (Samos) e en Rianxo.
Espellaronse a Castela, Andalucia, Extremadura, Cataluña, Valéncia, Portugal e América.
Armas:
1.- En campo de ouro, un brazo alado, vestido de sinople, movente do franco sinestro, coas ás de prata e sostendo na man unha coroa de azur. (Da primitica Casa solarenga de Noia).
2.- En campo de goles, un piñeiro de sinople, terresado do mesmo, perfilado de ouro e deitado de 10 lanzas, 5 a cada carón, coa asta de prata e o ferro de ouro. (Usado por algúns en Galiza, Castela e polo Marqueses de Vilagarcia).
3.- En campo de prata, un piñeiro de sinople, terresado do mesmo, perfilado de ouro e deitado de 10 lanzas, 5 a cada carón, coa asta de prata e o ferro de ouro.
4.- Brasón cortinado, 1º, en campo de goles, un piñeiro de sinople, terresado do mesmo, perfilado de ouro e deitado de 10 lanzas, 5 a cada carón, coa asta de prata e o ferro de ouro; 2º, en campo de prata, 6 roeis de azur, postos en 2 paus. A capa, en campo de goles, un león rampante de ouro, que sotén nas suas máns un escudete faxado en ondas de azur e prata.
Nobiliaria
1.- Mauro de Mendoza Sotomayor e Caamaño se lle concedeu o título de Vizconde de Barrantes en 1654 e o de Marqués de Villagarcia, no 1655.
2.- Orde de Santiago: Fernando José Caamaño de Mendoza
3.- Orde de Alcántara: Rodrigo Caamaño de Mendoza e Moscoso, tamén das Casas de Vista Alegre e Barrantes.
4.- Orde de Montesa: Jacobo Caamaño e Gayoso, natural de Compostela, no 1791.
5.- Orde de San Xoán de Xerusalén: Vicente Caamaño Gayoso, no 1726. Ramón Caamaño, natural de Compostela, no 1747. José Caamaño, de Compostela, no 1775.
6.- Real Compañia de Gardas Mariñas: António Caamaño Gayoso, de Compostela, no 1752.
7.- Fixeron provisión de fidalguia na Sala de Fillosdalgos da Real Chancelaria de Valladolid:
– Alvaro de Caamaño, viciño de S. Estevo de Landeira, no 1530.
– Rodrigo de Caamaño e Francisco de Caamaño, viciños de Santiesteban de Hirines, en 1575.
– Gregorio Camaño, viciño de San Miguel (Laceana, ¿Laciana-León?), no 1649.
– Diego e José Caamaño, viciños de Vilanova, Xurisdicción do Couto Vello, en 1737.
– Domingo Antonio Caamaño Sotomayor e Figueroa, viciño de Rianxo, en 1758.
– Francisco Andrés Caamaño e Sotomayor, viciño de S. Estevo de Aranqueiro, en 1786.
– Juan Miguel Caamaño, viciño de Madrid, no 1787.
Persoeiros
A Enciclopédia Galega cita, entre outros, a Juan José Caamaño e Pardo, que foi Conde de Maceda e Grande de España. Naceu en Ferrol no 1761 e morreu en Madrid no 1819.
Fontes-bibliografía
- Boullón Agrelo, A.I.; Sousa Fernández, X., Cartografía dos apelidos de Galicia,Instituto da Lingua Galega – USC, 2001.
- INEbase, Aplicativo Apellidos,INE, 2011.
- ARG, Arquivo do Reino de Galicia,Xunta de Galicia,.
- Corpus Xelmírez – Corpus lingüístico da Galicia medieval – http://sli.uvigo.es/xelmirez/, Vol/Tom HCIM páx 53c/ 589.
- Ares Vázquez, M.C.; Carballeira Anllo, X.M., Gran diccionario xerais da lingua,Edicións Xerais de Galicia, S.A., 2001.
- Otero Pedrayo, R., Gran Enciclopedia Gallega,, Editorial Silverio Cañada, 1974.
· Espinosa Rodríguez, J., Apuntes gráficos sobre heráldica gallega,, Talleres del Faro de Vigo, 1954.