Do libro de Santi Llovo
«MEMORIA SALGADA DUN POBO»
Aínda que os industriais cataláns se estableceron definitivamente na ría a primeiros deste século XIX, non foi ata 1838 cando por vez primeira un catalán participou na constitución da corporación municipal muradá. Concretamente, os daquela veciños de Muros Salvador Oliver y José Castellá foron os primeiros fomentadores que entraron en política na bisbarra de Muros.
En 1871 coincidiron de concelleiros na corporación muradá os irmáns José e Félix Romaní e Venancio Portals, os tres nados en Esteiro aínda que Félix, nese momento, xa era veciño de Muros. Este dato sabémolo porque o 14 de maio de 1871, sendo alcalde de Muros Manuel Vaamonde Campelo, protocolízouse ante fedatario público un adianto, por importe de 12.710,20 reais de vellón, que os mencionados tres concelleiros fixeron ao propio concello ante o apremo que se lles facía aos veciños por mor dunha débeda amortizable .
En canto á entrega de cantidades de diñeiro aos menos favorecidos, de seguido menciónanse sendas disposicións testamentarias de dúas veciñas de Esteiro, ambas da familia Portals da Ribeira do Maio. A primeira foi o testamento outorgado en 1895 no sitio coñecido como os almacéns en Esteiro por Teresa Portals Boris . Do documento destácase, pola súa singularidade, o seguinte: “….quiere que su entierro sea muy modesto, que se apliquen por su alma 200 misas reservadas por el estipendio ordinario y las 30 llamadas gregorianas y que se reparta en limosna a los pobres la cantidad de 2.800 reales, a la voluntad que sea de sus albaceas, que nombra a sus hermanos Alejandro y Adelino …”.
Pola súa parte, Venancia Portals Romaní, natural da Ribeira de Creo en Esteiro aínda que veciña de Muros, e casada co tamén natural de Esteiro Adelino Portals Boris, outorgou testamento en 1896 . No documento nomea como herdeiro universal ao seu esposo Adelino, e lega 500 pesetas para os probes. Cómpre salientar que Venancia e Adelino faleceron sen descendencia e o resto da herdanza de ambos acabou na súa maior parte en mans dos sobriños de Esteiro, os fillos de José e Balbina Portals.
Outro aspecto relevante que pode mencionarse aquí é a evolución e distribución da poboación na parroquia durante este século XIX. Aparte dunhas poucas referencias concretas que foron publicándose nalgún dicionario ou acta municipal espallada, non hai unha estatística completa ao respecto. Unha aproximación á realidade pódese extraer dos arquivos sacramentais de bautismos e defuntos, xunto coas relacións de nenos confirmados que tamén aparecen na documentación parroquial.
No primeiro cuarto deste século XIX hai un notable incremento de poboación en Esteiro, a pesares dos falecementos “extraordinarios”, produto da guerra da independencia, chegando aproximadamente aos 800 habitantes. Os lugares onde maioritariamente se localizaba a veciñanza era, en primeiro lugar, no Maio, cun 32% da poboación, e despois en Solleiros e Creo, ambos cun 21%. O seguinte lugar con máis habitantes na parroquia era a Silvosa, cun 12%. O resto da poboación repártese fundamentalmente entre Reboredo, Riomaior e Uhía. Chama a atención o caso da Silvosa, non só polo numerosos veciños que tiña daquela, preto de 100, senón pola procedencia dalgún deles. No libro de bautismos aparecen varias inscricións de nenos co apelido Smith. O pai era un irlandés, de Belfast, que tal vez fuxiu do seu país por mor da persecución dos protestantes ingleses contra os católicos. O que non se sabe é como veu a parar este irlandés a unha aldea tan remota e incomunicada como a Silvosa .
Segundo unha acta do pleno do Concello de Muros do 12 de febreiro do ano 1842, neses momentos en Esteiro había 211 veciños e 1.017 almas e na parroquia de Tal, 57 veciños e 310 almas. Cómpre lembrar a diferente evolución poboacional da parroquia matriz, que lembremos era Santiago de Tal, e do seu anexo, Esteiro. Así como en Tal a poboación estancouse dende o século XVIII, en Esteiro incrementouse notablemente dende a chegada e establecemento dos cataláns.
Á metade dese século XIX, a poboación de Esteiro, a pesar de haber unha media de 30 nacementos ao ano, era practicamente a mesma. Tal e como xa se indicou, a fame e as epidemias provocaron practicamente o mesmo número de falecementos. En canto á súa distribución, a poboación estaba máis repartida. A aldea do Maio, aínda sendo a máis poboada, baixaba do 32% ao 19%, mesma porcentaxe que tiña Creo, por 18% de Solleiros. A Silvosa tamén baixaba un pouco, o mesmo que Reboredo, Riomaior e Uhía, e aparecen con forza a Ribeira e Trasdacosta, incorporándose nesta estatística Trión, con cerca dun 5%, e a Laxe e Marselle.
No terceiro cuarto do século, unha vez superada a mortaldade da década dos 50 e 60, a poboación empezou a incrementarse, aínda que non substancialmente pola sangría da emigración. O Maio continúa a ser o lugar máis poboado da parroquia, seguindo a curta distancia por Creo. A Silvosa pasa a ser superada tanto por Uhía como por Reboredo, e aparece a Pendente.
O último cuarto do século XIX foi o do despegue poboacional da parroquia, ligado á ausencia de epidemias, agás un breve episodio de lepra, e ao desenvolvemento económico asociado á pesca. Respecto ao brote de lepra, o diario de Madrid “La Correspondencia de España” publicaba o día 13 de maio de 1889 a inquietante noticia:
Pola súa parte, o “Diario Oficial de Avisos de Madrid” publicaba o 31 do mesmo mes de maio o seguinte: “Son graves las noticias que se reciben de Esteiro (Coruña), donde aumenta día a día el número de los enfermos de lepra. El día 24 había 15 atacados de tan terrible dolencia, y de ellos cinco de suma gravedad. El Gobernador Civil de la Provincia ha dispuesto que sean trasladados todos a Santiago, en cuyo hospital se ha habilitado al efecto un pabellón independiente”.
En calquera caso, a media de nacementos por ano neste final de século era de aproximadamente 65 nenos e o de defuncións non superaba os 25. Polo que respecta á distribución da poboación, por vez primeira Solleiros, cun 21%, superaba ao Maio, cun 19%, seguido a curta distancia por Creo.
Cómpre precisar que, tal e como se apuntou con anterioridade, as anteriores distribucións non deixan de ser aproximadas, xa que non proceden dunha estatística oficial como o “Padrón de habitantes”, senón que se extrapolaron os datos obtidos dos libros sacramentais de bautizados e defuntos, así como das relacións de nenos que foron confirmados nas visitas pastorais que os bispos ou arcebispos de Santiago fixeron á parroquia nas seguintes datas: 2/08/1826, 1/08/1850, 22/06/1853, 30/05/1876 e 23/09/1895.
—O—