p/ César Lorenzo Gil
(do seu blog https://dubidasdogalego.wordpress.com/
Pasarrúa é un calco do castelán pasacalle. Alertados pola presenza desa calle inequivocamente castelá hai quen decide “galeguizar” a palabra traducindo ese termo por rúa. En realidade, esta forma é unha castrapada que debemos evitar.
O dicionario da Academia Galega recomenda adoptar o castelanismo pasacalle coa seguinte definición: “Marcha popular de ritmo moi vivo tocada nas rúas por unha banda ou charanga”. Deben considerar os académicos que ese ritmo é relativamente moderno nas nosas celebracións de rúa e polo tanto cómpre adoptar unha palabra estranxeira para definir tal práctica. Mais a pouco que investiguemos decatarémonos de que Galicia non era precisamente un lugar silencioso e inimigo das festas. Hai varias delas moi ben documentadas desde a Idade Media, celebracións urbanas nas que se cantaba e se bailaba. As rúas sempre foron escenario de música e alegría.
E turrando da palabra rúa chegamos á ruada. E lemos a definición do propio dicionario da RAG: “1. Reunión de xente, polo xeral pola noite, para divertirse con cántigas, bailes etc. 2. Percorrido que fan os mozos polas rúas bailando e botando serenatas”. Tamén aparece a palabra no Estraviz; velaquí unha das acepcións: “Diversión de xente que se reúne na rúa para cantar, bailar, etc.”
Se recorremos aos dicionarios históricos, vemos que a forma pasacalle non aparece en ningún deles. Pola contra, ruada co significado de festa, si, practicamente en todos os volumes publicados nos séculos XIX e XX. Coma case sempre, o Eladio é o máis “enciclopédico”. Amais de referir unha posible orixe prehistórica da ruada, reproduce unhas estrofas dunha sonata popular e subliña, como foi costume noutros lexicógrafos, o carácter aldeán da ruada.
Podemos concluír que nas acepcións de pasacalle e ruada coinciden o ambiente de festa, a presenza de música e o ritmo alegre que invita ao baile. Cal é a diferenza? Principalmente a presenza dunha banda ou charanga, que non se fai precisa na ruada mais si no pasacalle. É que as charangas ou bandas non participan do clima espontáneo de festa? Non son a meirande parte das veces grupos non profesionais conformados por veciños?
Entón, por que non estender un tantiño namais o campo léxico da ruada e evitarmos así ter que empregar un castelanismo? Coido que a palabra ruada, claramente galega e amplamente implantada na fala viva e literaria debería utilizarse en todos os contextos e deixarmos a un lado o castelanismo pasacalle.