p/ Marcelino García Lariño
Conforme asevera a Constitución todos somos iguales ante a Lei. A Lei é a Lei e é para todos; para todos igual.
Así o preceptúa a Constitución, a Carta Magna. Somos cidadáns dun estado de dereito. Facer xustiza, aplica-las leis, e a misión dos xuíces. Os xuíces deben e teñen que ser xustos, imparciais, rectos e virtuosos para medir, para xulgar a tódolos súbditos pola mesma rebola.
Na vila de onde eu son e vivo, había, agora xa non o hai, xa marchou, un rapapetos, un rapiñeiro semiparvo e semidesvergonzado chamado o Caracolo que, un día si e outro tamén, os axentes da autoridade levaban detido ó xulgado e non precisamente por gozar de boa conduta, que nunca a tivo, senón por ser e cometer ilegalidades, furtos e inmoralidades. Pero tamén, e xa que de xustiza falamos, xusto é dicir que, un día si e outro tamén, segundo o Caracolo entraba no xulgado xa o xuíz o ceibaba porque nunca lle atopaba falta, e menos aínda delito.
Nunca ocasión viñera á vila, un pequeno circo, uns titiriteiriños de tan pouca monta que ata daban mágoa. Os pobriños non puideron celebra-lo espectáculo porque o Caracolo roubáralle os traxes. Os civís levárono detido ó xulgado e o xuíz soltouno no intre alegando que por uns trapos vellos, que de traxes non tiñan nada e de valor menos, nun ía meter un home no cárcere. Que se disfrazara de carnaval con aquela roupa que tamén tiña dereito a disfrutar do Entroido como calquera fregués.
Noutro momento tamén a policía local levouno preso por roubar o cepillo do Pan dos Pobres no convento. Segundo entrou xa o liberou o xuíz aducindo que tamén o Caracolo era un pobre e tiña todo dereito de percibi-los cartos que como pobre lle pertencía.
Outra vez os xendarmes conducírono o xulgado por forzar a porta da igrexa e arrepañar co peto das Ánimas. Conforme entrou, e sen más requilorios, o xuíz botouno para fora dicindo que o Caracolo si que era unha ánima; pero unha ánima en pena por carecer de cartos para a súa mantenza.
E falcatruadas coma estas o Caracolo facíaas tódolos días. Tan é así, que moita xente, non sei se de chiste ou en serio, cada vez que o vían entrar no xulgado en medio da parella dos civís ou da policía municipal, dicía: velaí vai o Caracolo para súa oficina.
O señor xuíz fora invitado á voda de outro persoeiro, un alto e soado funcionario do Ministerio da Facenda; e para asistir á mesma mercou na capital un automóbil noviño do trinque e tamén un traxe de etiqueta, un frac ou unha levita, unha desas prendas que usan os personaxes de tanto avoengo e alta liñaxe nas grandes cerimonias. Chegou á vila, aparcou o coche e subiu á casa; cando ó pouco tempo baixou para recoller as mercadorías, atopouse coa porta do coche forzada e sen o traxe de etiqueta.
No intre desconfiou do seu tantas veces protexido Caracolo, e, efectivamente, fora este e non outro o único autor do latrocinio. O Caracolo confesou ser o ladrón; se ben alegou na súa defensa que non sabía que ese coche tan noviño fora do señor xuíz e menos aínda a roupa, pois de saber que ámbalas dúas cousas era da Súa Señoría (palabras textuais do caco Caracolo); xura que non o faría.
De nada lle valeu esta alegación ó Caracolo. Foi para un presidio da capital onde cumpriu unha condena de catro anos oito meses e un día, ou catro anos oito meses menos un día. Para o caso é igual por mor de que un día máis ou menos pouco importa.
O que xa non é igual é que cando o Caracolo, levou, quitou, sacou, substraeu, apoderou ou roubou a outros, para a Súa Señoría nunca era delito nin sequera falta por mor de que se de roupa se trataba, eran trapos vellos e tamén tiña dereito a disfrazarse; si se trataba de diñeiro tamén tiña dereito ós cartos como calquera; e se eses cartos eran das ánimas tiña máis dereito aínda. ¡Ouh! Pero cando o Caracolo tan limpamente lle furtou a Súa Señoría o frac ou o chaqué ou a levita ou o que fose e como se lle chame a esa prenda, non tivo, nin sequera, o dereito a vestirse. Aínda que fose coa roupa vella do señor xuíz
Que me perdoe a Súa Señoría, pero o seu código non é outro que o da Lei do Funil, máis comunmente chamada a Lei do Embude.