O Pleno da Corporación Municipal Muradana en sesión celebrada o pasado xoves 25 de xaneiro, acordou por unanimidade, distinguir o muradano Dr. Juan Jesús Gestal Otero, co nomeamento de Fillo Predilecto de Muros e a concesión da Medalla da Vila.
Honra inmensamente á Corporación muradana recoñecer na figura deste ilustre muradán o seu traballo profesional e a súa teima por pór en valor a Muros e as súas xentes.
Na actualidade, o Profesor Doutor Juan J. Gestal Otero é Catedrático Emérito de medicina preventiva e saúde pública na Universidade de Santiago de Compostela, Director da cátedra de hidroloxía médica USC-Balnearios de Galicia e Codirector do curso universitario de especialización en vacinas.
O doutor Juan Jesús Gestal distínguese, xunto ás múltiples virtudes académicas, profesionais e persoais que o definen, pola forte vinculación con todo o que ten que ver con Muros, coa súa historia, cultura, tradicións e coas súas xentes, por iso é lóxico que os muradáns se congratulen por este merecido nomeamento.
Juan Jesús Gestal Otero, Muradán, nacido o 13 de agosto de 1947.
Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago (1970).
Doutor en Medicina pola Universidade de Navarra (1974), sobresaínte cum laude coa tese: “Achega experimental ao papel do hipotálamo na regulación da resposta inmune”.
Especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública (1975).
Médico de Sanidade Nacional por oposición (1975).
Médico de Empresa (1976).
Subxefe provincial de Sanidade e xefe de inspección de Sanidade e Saúde da Coruña (1975-1980), destacando a súa participación activa nas epidemias de cólera e mitilotoxismo.
Director do Centro Comarcal e xefe de Sanidade de Santiago (1981-1985), destacando as actividades de hixiene escolar.
Xefe de Sección de Medicina Preventiva do Hospital “Juan Canalejo” (A Coruña) e do “Hospital Xeral de Galicia” (Santiago).
Director Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, destacando a campaña de vacinación fronte á Meninxite C que permitiu controlar a epidemia.
Xefe do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela.
Director do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública e Coordinador do Programa de Doutorado Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela.
Profesor convidado das Facultades de Medicina de Coimbra, UBA e Maimónides de Buenos Aires, Universidade do Nordeste (República Arxentina) e da Universidade Nacional San Luís Gonzaga de Ica (Perú); do Instituto Pedro Kourí da Habana, das Facultades de Dereito da UBA e Universidade Católica de Buenos Aires.
Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago de Compostela.
Académico numerario da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Número 18 do escalafón (ingreso o 2 de Xuño de 1995). Cadeira: Medicina Preventiva. Discurso Apertura: “Enfermidades infecciosas emerxentes”.
Académico Correspondente da Academia Nacional de Medicina de Bos Aires (1995).
Cónsul “ad honorem” da República de Perú en Galicia.
Foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade Nacional San Luís Gonzaga de Ica-Perú.
Director do Máster de Saúde Pública, de Administración e Xestión Sanitaria e de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Santiago.
Institucións científicas:
Presidente da Sociedade Galega de Medicina do Traballo (1991-1995).
Membro correspondente estranxeiro da Sociedade Portuguesa de Medicina do Traballo.
Membro de honra da Sociedade de Microbioloxía de Cuba.
Membro de honra da Asociación Médica Arxentina.
Membro da “Sociedade Española de Medicina Preventiva” e da “Galega de Prevención de Riscos Laborais”.
Presidente da “Sociedade Galega de Medicina e Seguridade no Traballo” (1991-1995).
Membro Honorario da “Sociedade Portuguesa de Medicina do Traballo”; da “Sociedade de Microbioloxía e Parasitoloxía de Cuba” e da “Asociación Médica Arxentina”.
Publicacións, congresos e outras reunións científicas:
Autor de 38 libros, entre os que cabe destacar: Riscos do traballo do persoal sanitario. Medicina Preventiva e Saúde Pública. A meninxite en Galicia. Epidemioloxía da deficiencia, O flúor na prevención da carie dental, etc.
Dirixiu 26 tese doutoral; 99 tesiñas de licenciatura, e 15 proxectos de investigación.
Presentou máis de 250 artigos científicos, relatorios e comunicacións en congresos nacionais e internacionais.
Foi Presidente, entre outros, do “I Congreso Internacional” e do “VII Congreso Nacional de Hixiene e Medicina Preventiva Hospitalaria” (Santiago 1993).
Premios de investigación:
“Barrie da Maza” (1980 e 1987),
“Caixa Galicia” (1984)
“Deputación de Pontevedra” (1981, 1982 e 1987).
Medalla da “Sociedade Galega de Medicina e Seguridade no Traballo”
Medalla da “Sociedade Española de Medicina do Traballo”.
A todo o anterior, hai que engadirlle o recoñecemento expreso da Universidade de Santiago de Compostela, que nun solemne acto celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o pasado 1 de decembro deste ano 2017, recibiu de mans do Reitor da Universidade de Santiago Don Juan Viaño Rey, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, en recoñecemento a toda unha vida ao servizo da medicina.
Juan Jesús Gestal Otero, tivo e ten, unha profunda paixón pola terra que o veu nacer que quedou plasmada en innumerables iniciativas, colaboracións e dirección de actividades.
Son tantas e tan diversas que abranguen desde a participación primeiro e organización despois da festa de San Luís á creación dun grupo de teatro, que tamén dirixiu; do fomento do deporte coa configuración de torneos e campionatos de fútbol, baloncesto e balonmán á xestación e posta en marcha da Cabalgata de Reis de Muros; da iniciativa da construción o centro de saúde de Muros a celebrar varias asembleas de Decanos da Universidade de Santiago de Compostela en Muros; de presidir asociacións e entidades locais a estar sempre disposto a colaborar en calquera actividade sociocultural na que fora requirido polos seus veciños.
Por esas razóns, xunto ás múltiples virtudes persoais que o definen, a Asociación SORUM para a promoción da Vila de Muros outorgoulle o Premio SORUM 2012. Distinción que tiña como finalidade facer un recoñecemento expreso a aquela persoa vinculada con Muros, ben por razón de nacemento, lazos familiares, veciñanza, etcétera, que destacara pola súa importancia social e traxectoria profesional, académica, empresarial, etc. Porque, Don Juan Jesús Gestal Otero se distingue pola forte vinculación con todo o que ten que ver con Muros, coa súa historia, cultura, tradicións e coas súas xentes.
De rapaz formou parte dos «Luíses», congregación de mozos que organizaban a procesión e as actividades recreativas na festividade de San Luís: carreiras de cabalos na antiga alameda, captura de patos na dársena e outros xogos e cucañas para os máis cativos. Desta entidade foi presidente.
Tamén creou e presidiu a «Agrupación Artística Muradana», un grupo de teatro que durante os anos 1965 a 1970 escenificou nove obras na Vila, en Louro e Carnota.
A el se debe a posta en marcha da prestixiosa «Cabalgata de Reis de Muros», organización que presidiu durante moitos anos e na que, co obxectivo de promover a identificación, o sentimento de pertenza e autoestima que serviran de estímulo ao progreso do municipio, se celebraban conferencias, exposicións así como os magníficos pregóns, conseguindo que os diferentes medios de comunicación (prensa escrita, radio e televisión) falasen de Muros.
Tamén concibiu e organizou o festival de «Míster Feo», creado en 1972 para o financiamento da Cabalgata e que perdurou ata o ano 1980. Foi o único certame deste tipo que se celebraba en Galicia por entón, e obtivo un enorme éxito nas súas oito edicións, onde se premiaba ao Súper feo de Galicia, ao feo local e ao feo foráneo.
Foi o fundador da «Banda de Cornetas e Tambores Don Diego de Muros», unha agrupación referente na bisbarra, á que sempre estivo vinculado. Precisamente por iso, con motivo do homenaxe celebrado este pasado mes de agosto ao seu primeiro director, foi invitado polos actuais dirixentes para que pronunciara o discurso oficial dese acto.
Ademais destes proxectos, foi o artífice de diversos eventos deportivos como a «Copa da Ría de Muros» de fútbol, e de campionatos de baloncesto e balonmán, entre outros.
Por non facer máis extenso o enorme bagaxe de intervencións que proxectaron moi positivamente o noso lugar de nacemento, convén destacar tamén a súa mediación para conseguir que o primeiro «Centro de Saúde de Muros» fose unha realidade, xa que se esforzou en recoller sinaturas, entre médicos e demais sanitarios dos catro concellos da bisbarra, e tamén entre outros particulares e asociacións, para propoñer á Xunta de Galicia a súa construción e dotación, que se fixo realidade grazas ao seu esforzo e ao de outras moitas persoas que mediaron ante as autoridades autonómicas.
Máis recentemente, como membro do «Colexio de Decanos da Universidade de Santiago de Compostela» conseguiu que se celebrasen en Muros asembleas ordinarias desa entidade, aproveitando deste xeito a ocasión para enaltecer o noso municipio.
Do mesmo xeito, noutra mostra de amor a Muros, publicou o seu último libro: «Álbum de visitas da Facultade de Medicina de Santiago», que comeza no ano 1933 (sendo decano o muradano doutor Don Antonio Novo Campelo) e remata en 2016 coa súa derradeira etapa como decano. Por certo, e como é sabido por todos, os dous únicos muradáns que, de momento, ostentaron o ilustre cargo de Decano da Facultade de Medicina de Santiago foron, precisamente, Don Antonio Novo Campelo e Don Juan Jesús Gestal Otero.