«As distincións non deben pedirse, pero deben aceptarse e agradecerse». Con estas palabras comezou o seu emotivo discurso de agradecemento, o prestixioso catedrático e doutor muradán Juan J. Gestal Otero, tras recibir os máximos galardóns que pode outorgar o Concello de Muros.
Nun fermoso e solemne acto, perfectamente organizado por Manuel Lago (Manolo de América, como é coñecido en Muros), o auditorio da Casa da Cultura quedábase pequeno para acoller aos numerosos veciños e amigos que acompañaron, este domingo (1 de abril de 2018), a Juan J. Gestal Otero na recepción do título de Fillo Predileccto e Medalla da Vila.
A alcaldesa da localidade, María Xosé Alfonso, dirixiu con brillantez a cerimonia desde a mesa presidencial, onde tamén estaban, ademais do eloxiado, o Presidente do Parlamento de Galicia (Miguel Santalices), o Reitor da USC (Juan Viaño), o Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía (Julian Álvarez), o Secretario municipal (Francisco Abeijón) e a persoa encargada da disertación laudatoira (Domingo Guerra).
Nun lugar principal do escenario situáronse, tamén, os demais membros da Corporación Municipal encabezados polos portavoces: Inés Monteagudo (PPdeG), Caridad González (PSdG-PSOE) e Manuel María García (BNG).
Nas primeiras filas da sala, atopábanse xunto a dona do homenaxeado, Matilde Romaní e aos familiares directos, os Presidentes das Academias de Medicina e de Farmacia de Galicia, o Secretario da Real Academia de Galicia (o tamén muradán Henrique Monteagudo) e outras ilustres personalidades.
Domingo Guerra, foi o encargado de glosar a traxectoria vital de Juan J. Gestal Otero, a quen definiu como «un muradán excepcional, traballador infatigable polo seu pobo». Domín Guerra quixo agradecer publicamente aos membros da corporación que o designasen, por unanimidade, para efectuar a «laudatio», e tivo palabras de agradecemento para o galardoado, pola deferencia, ao pedirlle tamén, que desempeñase esa labor no evento.
Domingo Guerra, detallou o amplo currículo de Juan J. Gestal Otero e outras facetas da excepcional carreira que o fixeron merecedor de múltiples distincións, como a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago, o máximo galardón que pode conceder esta Universidade.
A continuación, o Secretario Municipal, Francisco Abeijón, fixo lectura do acordo plenario do 25 de xaneiro deste ano, no que se lle outorgaban por unanimidade os títulos. Posteriormente, o Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, deu lectura a unha carta da Presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, na que se desculpaba por non poder acompañar ao que fora o seu profesor e onde destacaba a súa labor tanto no eido académico como hospitalario. Pola súa parte, o Presidente da Cámara galega, destacou a intensa traxectoria do catedrático emérito e agradeceu as ensinanzas e os sabios consellos, así como que, no seu momento, apostase pola transferencia das competencias sanitarias á Comunidade Autónoma de Galicia, cando se plantexou esa posibilidade.
Unha vez que a alcaldesa de Muros lle impuxo a Medalla da Vila e lle fixo entrega do Certificado acreditativo do nomeamento como Fillo Predilecto, o que fora Decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, tomou a palabra para, visiblemente emocionado, sinalar que «nunca pensei recibir estas distincións do meu pobo, ao que me sinto moi orgulloso de pertencer, e do que presumo sempre que teño ocasión, considerándome unha persoa moi afortunada por ter nacido nunha vila tan fermosa».
O novo Fillo Predilecto, durante o seu discurso, fixo un ameno percorrido histórico sobre a localidade, destacando o período de máximo esplendor, no que se detivo para recordar aos tres Diego de Muros, humanistas, bispos e mecenas que tiveron gran influencia nas Cortes dos Reis Católicos.
Referiuse tamén á coñecida expresión «todos somos galegos, menos o capitán que é de Muros» para sinalar nunha lección maxistral que a formulación correcta da frase é «todos somos galegos, mais o capitán é de Muros».
Comentou tamén o acerto do slogan «Muros, Vila de auga e sal», ao reflectir a esencia da economía muradá: o mar. Lembrou ás súas primeiras mestras, as aromas, comidas, festas, tradicións e expresou o seu agradecendo ao Orfeón Ría de Muros e á agrupación folclórica Faldriqueira de Muros, pola altruísta participación coa que contribuíron. Por último, reiterou a gratitude aos membros da corporación pola concesión unánime dos galardóns, e aos veciños e amigos polas mostras de afecto recibidas desde que se coñeceu o nomeamento.
Pechou o acto a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, agradecendo a Gestal o moito que traballou en favor de Muros e recordou aos outros distinguidos coa Medalla da Vila: Domingo Barreiros (2002), Xosé Agrelo (2003) e Marcelino García (2011).
Discurso de D. Juan Jesús Gestal Otero:
Miñas donas e meus señores:
O pasado 1 de decembro, con motivo da imposición polo Sr. Reitor da insignia de ouro da Universidade, dicía que “As distincións non deben pedirse, nin buscarse, pero deben aceptarse e agradecerse”. Eu acepto moi honrado estas distincións que hoxe me conceden. As maiores e mais fermosas que unha persoa pode recibir, ser nomeado Fillo predilecto e recibir a Medalla da súa Vila, co recoñecemento unánime dos seus. Non hai distincións mais grandes nin mais importantes.
Moitas grazas Sra. Alcaldesa e Sras. e Sr. Voceiro que asinaron a proposta, e Sras. e Sres. Membros da Corporación que a aprobaron por unanimidade. Unhas grazas moi especiais ao promotor da mesma, o muradán Domingo Guerra París, co que adquiro unha débeda impagable, e a Manuel Lago Álvarez, muradán, que lle deu o seu apoio desde o primeiro momento, e aceptou a responsabilidade de organizar o protocolo deste acto, e moito traballou. Moitas grazas tamén a todos, que foron moitos, os que por Facebook e outros medios manifestaron a súa satisfacción e apoio polo meu nomeamento.
Nunca pensei recibir estas distincións do meu pobo, ao que me sinto orgulloso de pertencer, e do que presumo sempre que teño ocasión, considerándome unha persoa moi afortunado por ter nacido nunha vila tan fermosa como Muros.
Vila mais que milenaria, moi anterior a 1286, ano no que recibiu a Carta Pobra do rei Sancho IV o Bravo, que conta cunha longa historia de valor, nobreza e solidariedade, recoñecida coa concesión dos títulos de Moi Nobre e Moi Leal en 1612, e de Moi Humanitaria en 1906, este último por salvar de morrer afogados e acoller nas súas casas, aos cincocentos corenta e catro tripulantes do Cruceiro “Cardeal Cisneros” que se afundiu nos Meixidos, a saída de Muros, na alborada do 28 de outubro de 1905.
A solidariedade e a xenerosidade, sen agardar recompensa, formaron sempre parte do seu comportamento.
A carabela do seu escudo lémbranos a participación dos navíos locais na Toma de Málaga en 1487.
Muros colaborou co ouro da Colexiata e de familias muradáns, a subvencionar o Batallón de Literarios que se sumou a División do Miño, que ao mando do coronel Pablo Morillo, derrotou aos 10.000 homes do exercito francés comandados polo mariscal Michel Nei, nas Batallas que tiveron lugar, do 7 ao 9 de xuño de 1809, en Ponte Sampaio e Ponte Caldelas, obrigándoos a retirarse, o que supuxo o inicio da definitiva saída de Galicia do exército napoleónico. O Estandarte dos estudantes de Medicina de dito Batallón de Literarios, conservámolo con orgullo na Facultade de Medicina de Santiago, no despacho do Sr. Decano.
Vila de Muros que tivo o seu máximo esplendor no século XVI, no arranque da era Moderna, no que sobresaíron persoeiros como os Diego de Muros, I e III, persoas cultas e destacados mecenas con grande influencia nas Cortes dos Reis Católicos e de Carlos I.
Destaca especialmente Diego de Muros III, doutor en decretos e notario apostólico, neto do xuíz muradán Diego Rodríguez de Muros e de Teresa Sánchez de Moscoso, de liñaxe nobre e fidalgo, fundadores en 1418 do hospital de pobres da Vila (o “Hospitalillo”), e sobriño de Frei Diego de Muros I, bispo de Tui e de Cidade Rodrigo, que o introduzo e promocionou na Corte e na Igrexa, ocupando, entre outros moitos cargos, o de dean de Santiago e os de bispo de Mondoñedo, e de Oviedo.
Foi o mais eminente da tríade Diego de Muros, prelados humanistas, administradores, mecenas e políticos, desa Galicia inquieta e conflitiva de finais do medievo, na procura das rutas políticas e culturais da modernidade.
A el débese a erección en Colexiata da reitoral existente na Vila, en maio de 1500, que se mantivo como tal ata mediados do século XIX (350 anos). A fundación en 1501 do Estudo Xeral Compostelán (embrión da Universidade de Santiago) que dotou con moitos dos seus bens e para o que conseguiu en 1504, a bula “Sane pro parte” do Papa Xulio II, que permitiu a realización de estudos superiores. Tamén estivo ao fronte da construción e da administración do Hospital Real (o actual Hostal) por encargo dos Reis Católicos, que o 29 de decembro de 1502 o nomearon Administrador Perpetuo.
Na súa época de bispo de Oviedo restaurou e transformou o vello Colexio dos ovetenses en Salamanca, coñecido como do Pan e Carbón, no Colexio Maior de San Salvador que entrou en funcionamento en 1521, para acoller estudantes asturianos e galegos a partes iguais. Non é certo que os de Muros tivésemos un privilexio de acceso especial, para ser admitidos debían superar unha oposición…, e de telo, fai xa moito tempo que se perdeu pois o Colexio extinguiuse en 1797, e o edificio, que estivo situado nos terreos do actual Palacio de Congresos e Exposicións, foi destruído polos franceses en 1812.
Muros é unha Vila rica de antigo en memorias e fecunda en acontecementos, con erudita tradición de posibles remotos orixes gregos, que contou cun Gremio de Mareantes que lle deu a época de maior esplendor, e unha ben merecida fama de ser berce de excepcionais capitáns de navío, contratados a porfía polas principais flotas europeas de entón, que cruzaron baixo o seu mando todos os mares coñecidos. Facéndose famosa a frase: “Todos somos galegos menos o capitán que é de Muros”, gramaticalmente incorrecta, prestándose a broma de que os de Muros non somos galegos, pois debera dicir “Todos somos galegos, mais o capitán é de Muros”. Frase, que a tradición conta que foi pronunciada con admiración por un tripulante que presumía da pericia do seu capitán, tras este conseguir arribar a porto, en medio dun forte temporal, despois de sortear numerosos baixos.
Muros ten un fermoso trazo e arquitectura, con eses típicos calexóns, polos que se baixaban os botes a praia; recollidas prazas, e pazos e templos estilo gótico mariñeiro; cunha antiga acea, petróglifos, …, e esa fachada marítima de casas con soportais, nos que gardaban as lanchas de pesca, e sotos onde se salgaba o peixe, antes da construción das fábricas polos fomentadores cataláns.
Todo isto e moito mais levou ao Ministerio de Educación e Ciencia a declarar a Muros, Conxunto Histórico Artístico, o 29 de maio de 1970.
Unha vila con capacidade para acoller a mais de 14.000 habitantes, que xa os tivo, que hoxe non chegan aos 9.000, na que son mais as casa valeiras que as ocupadas.
“Muros, Vila de auga e sal”, é un recente e acertadísimo slogan, que reflicte as nosas esencias: O mar e o sal, bases da nosa economía. Pesca sobre todo da sardiña, da que sempre viviu, así como da salgadura, industrializada polos fomentadores cataláns que introduciron novas formas de explotar o mar, coas redes de arrastre (a xávega) máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, e xareta); novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns, e novas técnicas de salgadura, o salpresado fronte ó escochado, que rendía moito máis, e as sardiñas, ao non teren graxas, tiñan moito mellor aspecto pois non amarelaban, aínda que ó dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que as do tradicional escochado. Mais tarde introduciron as conservas iniciadas en Francia na década de 1820. En Galicia, a primeira fábrica moderna de conservas de peixe púxoa en funcionamento Juan Goday Gual na Illa de Arousa, en 1879.
Os fomentadores cataláns encheron a ría de fábricas, que co tempo foron lamentablemente desaparecendo ao se descapitalizar, por unha mala inversión dos beneficios en bens raíces (fincas de escaso ou nulo rendemento), e pola división do capital entre os numerosos fillos, o que impediu diversificarse, modernizarse e emprender negocios de maior envergadura, debilitándose nas sucesivas crises sardiñeiras ocorridas desde de finais do século XIX, o que obrigou a moitas persoas a emigrar ou marchar a navegar.
Pero non só iso, no seu declive económico, tamén xogou un papel importante o estar lonxe das principais poboacións, o que se viu agravado pola falla de vías terrestres de comunicación e a carencia de infraestruturas eléctricas. Ata non fai moito, un vendavaliño por pequeno que fose, e eran mais frecuentes que agora, que lles chamamos cicloxéneses explosivas, deixábanos sen luz durante días.
A estrada a Noia non foi poxada ata o 20 de decembro de 1896. Na concesión intervirán o ministro de Fomento, o santiagués Aureliano Linares Rivas, e o deputado en Cortes por Muros, o montañés Guillerme Gil de Reboleño. Na sesión municipal do 10 de xaneiro de 1897, Muros llelo agradeceu nomeándoos Fillos Adoptivos. As obras non comezaron ata o 20 de maio de 1897 coa construción da ponte de Valdexería,… Eu aínda lembro a estrada ata Esteiro sen asfaltar.
A da costa, cara a Corcubión, non comezou ata 1925, permanecendo cortada no Pindo ata setembro de 1953, en que se abriu a ponte do Ezaro.
O comercio co interior tíñase que facer por vía marítima principalmente a traveso de Vigo.
Todo isto conduzo a Muros a unha situación de decadencia, e na miña mocidade, cando outras vilas e pobos comezaban a se desenvolver, Muros perdía tren tras tren do progreso. A non aceptación desta situación, co inconformismo e rebeldía propia da xuventude, levounos a un grupo de mozos a emprender e organizar unha serie de actividades que xa Domingo Guerra comentou, coas que pretendíamos promocionar a Vila, que se falase dela, e estimular a posta en marcha doutras accións de maior envergadura que lle fixeran virar o rumbo e a puxesen no camiño do progreso, amosando como con traballo, unión e constancia era posible acadar calquera meta.
Co tempo me decatei de que o éxito de todas esas accións era mais ben escaso,…, entón, na medida das miñas posibilidades, puxen en marcha, desde o meu posto de traballo accións de maior calado.
Van alá preto de corenta anos e Muros mudou moito desde entón. Ten importantes debilidades, padece os males de Galicia, a perda demográfica e a falta de industrias que fixen a poboación impedindo a marcha dos xoves. Sobre todo de industrias relacionadas coa pesca, a súa razón de ser e principal fonte de riqueza e, como no pasado, segue sen dispor dunhas vías de comunicación axeitadas. Debilidades as que é preciso buscarlles urxentes solucións senón queremos desaparecer, promovendo a instalación de industrias e a construción dunha vía rápida que a enlace coa xa próxima autovía de Noia.
Mais tamén ten fortalezas que se deben aproveitar. O nivel de estudos dos habitantes hoxe e maior, o que os sitúa nunha mellor posición de saída. O porto deportivo é o mais visitado de Galicia e, neste ano, vai comezar a desdobrarse a vía rápida, completándose a autovía ata Noia o que incrementará o turismo, que xa estamos vendo medrar desde a súa apertura ata Brión, turismo para o que é preciso prepararse, profesionalizando a hostalaría e poñendo en marcha actividades que o atraian ao longo de todo o ano.
Nun momento como este póñense en presente infinidade de imaxes de persoas e sucesos de tempos pasados:
As das mestras dos primeiros anos, das que gardo un recordo cheo de cariño e gratitude: Carmen Luces; tía Xesusa Sevilla; María Camiña, e as irmáns Otero, Maruja e Nitola, que me aprenderon a ler e escribir, a caligrafía, as primeiras contas e as enciclopedias grados un a tres.
Os aromas xa perdidos do Muros das mañás de San Pedro, que os mais novos non coñeceron, con aquel continuo ir e vir do forno, con empanadas e periquitos, deixando ao seu paso unha estela de apetitosos e inesquecibles arrecéndoos provocadores de cubisentas miradas larpeiras.
As comidas na Carballeira, o domingo da Magdalena, co seu inacabable trasfego de xentes cara a Louro, desde as primeiras horas da maña, con cestas cheas de peperetadas, que deixaban a Muros baleiro. O reparto das familias na carballeira, os convites, as cancións,…
As festas do Convento con aqueles paseos de regreso collendo moras nas silveiras.
Os títeres pola noite na Praza do Mercado. Aquelo de saír pola noite despois de cear, sendo neno era algo grande.
Os partidos de fútbol e o paseo pola estrada. Os coches que pasaban eran contados o Castromil, o Finisterre, o Galdrán, o dalgún que outro viaxante e poucos mais, e sabíamos as horas as que chegaban. Os que viñan de Santiago xa se anunciaban con tempo por Boavista. Gardo aínda as imaxes de Cachote e do municipal de Louro intentando, sen éxito, reconducir aos paseantes pola pista.
Os cines París e Avenida, con sesións diarias e tres os domingos (unha infantil), sempre abarrotados, proxectando as estreas do momento, e anunciándose con música por altofalantes, avisando o París do inicio do NODO co “… preciso momento” de Carcamán.
O sabor dos primeiros xeados de corte de Domitila e de Roura, e dos amendoados de Roxelia,… Na actualidade eu, que son unha persoa moi afortunada, sigo desfrutando, e confío en poder facelo durante moitos anos, dos de Fina Malvarez, que non desmerecen en absoluto, mais ben o contrario, e non so dos amendoados, tamén dos polvoróns, dos melindres, nubes,… É unha excelente repostera. Grazas Fina.
As noites calmas daqueles largos veráns de vacacións de estudante, nas que o calor convidaba a non se retirar,… e se compartía conversación, viño e sardiñas cos mariñeiros nas ramplas da dársena.
Aqueles bailes tan esperados de San Pedro e do Carme que remataban ao amañecer.
Aquelas despedidas familiares no Castromil e no Finisterre con motivo dunha viaxe A Coruña ou Santiago, que mesmo parecía que un marchaba para América.
Naqueles tempos a relixión ocupaba moito espazo na vida diaria do pobo, e os xoves participabamos nas numerosas actividades que se organizaban. Eu participei en moitas. Lembro con agrado a intervención varios anos no desencravo, e as repetidas pelexas, na procesión do Santo Enterro, por manter acendidas as fachas, nunha loita sempre perdida contra o nordés.
Grazas a Deus, non volveran aqueles dias e dias sen luz, naquelas invernías inacabables que supoñían unha verdadeira ruína para moitas familias que vivían ao día do mar,… Nin sufrir aquelas longas demoras telefónicas de dúas, tres, catro e mesmo mais horas para unha conferencia a Coruña ou a Madrid,… Nin volveremos a transitar por aquelas vellas estradas de Santiago, Santa Comba e Cee, nas que as viaxes eran interminables, e nas que pinchar unha roda ou que se rompese unha ballesta era o habitual, cando non ter que baixarse a empurrar o autobús. Estradas sen vermas, que en noites de néboa non se sabía onde remataban. Nunha época na que os bos condutores, os de primeira, como di a canción, tomaban unha copa de viño, coñac, ou mesmo augardente, en cada parada, e eran moitas.
Xa estou chegando ao final.
As tradicións non teñen custo, pero teñen un gran valor, que as veces non apreciamos, quizais por ser ricos nelas. Nacións e pobos milenarios como os nosos son a envexa dos países novos, precisamente por estes valores, os das tradicións, que os cartos e a tecnoloxía non poden dar. En Muros temos numerosas e antigas tradicións que debemos recuperar e conservar, e presumir delas, pois son unha das nosas maiores riquezas, os nosos tesouros.
Tamén contamos con produtos que nos identifican, que son como o noso carné de identidade: un desaparecido: “As sardiñas do fume”, que xa fai moitos anos que non se fabrican, e outro a “tortilla romana” a sobremesa muradana por excelencia. Sardiñas do fume que, cando xa aquí non se fabricaban, vin eu anunciadas como “Sardiñas do fume de Muros”, a principios dos anos noventa, en Bos Aires, no escaparate dun importante ultramarinos, na esquina da Avenida Santa Fe con Liberdade.
Se a unha mesa traen unha tortilla romana é que alí hai alguén de Muros. É o noso carné de identidade. Por iso eu négome a dar a receita a quen non sexa de Muros. É un dos nosos segredos. Xa remato.
Moitas grazas de novo Sra. Alcaldesa, e Sras. e Sres. Voceiros do PP, PSOE, CxG (Compromiso por Galicia) e BNG, e membros da Corporación, por estas importantes distincións que me enchen de orgullo e satisfacción e me poñen nunha situación de débeda para sempre con Muros. Moitas grazas amigos Domingo e Manuel, responsables respectivamente da proposta do nomeamento e laudatio, e da organización deste acto.
Moitas grazas aos membros do Orfeón Ría de Muros, e ao seu director Domingo Juan Barreiros Lago, tamén Medalla da Vila, e ao Presidente, Vicente Brea Soto, e membros do Grupo Faldriqueira de Muros, pola súa altruísta participación coa que contribuíron a dar unha maior brillantez ao acto, e moitas grazas tamén a todas as persoas que participaron na súa organización
Moitas grazas, as autoridades, que nos acompañan, compañeiros de Sanidade, da Universidade, do Decanato, da Cátedra e do Hospital, e amigos, especialmente, polo maior esforzo, aos que viñeron de fora, e moitas grazas a todos vostedes, a todos vos, os meus veciños, pois eu nunca deixei de ser un muradán mais, por todas as mostras de apoio e cariño e por acompañarme neste acto.
E xa remato, pero antes gustaríame compartir o nomeamento de Fillo Predilecto ca miña familia, con miña nai, miña tía Carme e meu tío Marcelo, e con Matilde e os meus fillos, Juan Antonio, Santiago e Alma, e coa miña neta Lola, e a Medalla da Vila con Antonio Lojo e Don Casimiro, e con todas as persoas que colaboraron nas actividades de xuventude que realizamos en Muros, E xa mais nada, moitas grazas pola atención.