Carta da Redacción: Febreiro 2014

Carta da Redacción: 
Picture1Aínda chovendo, aquí estamos un mes mais coa revista de todos. Que chova ten as súas cousas boas e malas, e entre as boas… que deixa un pouco mais de tempo para a adicar a lectura. E entre lectura e lectura TMT vai cumprindo os seus obxetivos, e os bos desexos que nos plantexamos, pouco a pouco vanse facendo realidade: TMT sigue nos colexios e nas bibliotecas. TMT estase convirtindo nunha das revistas dixitais do seu xénero mais leidas de Galicia, o que honra a Muros e as súas xentes, e tamén TMT, a partires deste número de febreiro, como nos pedían moitos lectores, vai ser editada en papel.
Pasiño a pasiño imos facendo camiño. En marzo cumpriremos un ano e para esa data quixeramos publicar as opinións dos nosos xiareiros sobre a revista. E dará igual que as opinións sexan boas ou malas; o que queremos e seguir mellorando, e para eso tamén necesitamos críticas construtivas que nos axuden no noso facer. Coa axuda de todos, todo o poderemos.
Da revista en papel vanse facer poucos exemplares, o que encarece o precio unitario, pero en vindeiros números, o aumentar a tirada a baixa será sensible. Vaia por diante o noso agradecemento as seguintes persoas e establecementos pola súa colaboración na edición deste número de febreiro de 2014:
Antonio José Francisco Rey
Bar Nova Escocia – Café Bar El Muelle
Café Bar O Hórreo (Abelleira) — Café Bar O Caxuco (Tal)
Cervexeria Alameda (Esteiro)
Clínica Médica Doctora Castiñeira
Forno Uhía – Jesús Formoso Lariño (Mandelo)
José Antonio Fernández Fdez (Tono de Lucia)
José Luís Santiago Caamaño (Chicho)
José Manuel Formoso Luces (Porrúa)
Manuel Castiñeira Lago
María del Carmen Louro Fiuza
Peluquería Arcos e Deportes Arturo (Esteiro)
Ramón Fernández Santiago
Restaurante A Esmorga (Muros)

Publicado en Cartas da Redacción | Etiquetado , | Deja un comentario

Os soportais da vila

p/ Manuel Lago Álvarez

Muros atesoura un patrimonio arquitectónico civil e relixioso  que sorprende a cantos forasteiros nos visitan.  Da arquitectura civil merecen especial atención os soportais, que mirando á baía, érguense nobremente, dándolle a Vila unha fachada marítima digna dun pobo mariñeiro que tivo e ten a súa historia pegadiña ó mar.

Picture38Son poucas as referencias históricas cas que contamos para datar con exactitude a data de construción dos antergos soportais, non así dos actuais, dos que podemos datar o seu nacemento a raíz do acordo do pleno do noso Concello, de data catro de maio de 1915, sendo alcalde Don Jacobo Formoso Porrúa, muradán que fora o propietario da Fonda La Muradana, que estaba ubicada onde hoxe está o edificio do Banco Pastor.  Dos soportais primitivos (os que están por baixo do nivel da estrada, e que algún deles aun existen, hai unha referencia pictórica do século XVIII, que se conserva nun cadro existente no Palacio Real de Madrid.  Este cadro e obra do pintor Mariano Ramón Sánchez, a quen o rei Carlos III, encargou unha serie de vistas dos principais portos de España.

Picture40O artista realizou un total de 118 cadros, dos que se conservan sete, entre eles o da nosa Vila de Muros, que sempre foi de recoñecida importancia entre os principais de España, non só neste século, senón nos anteriores,  como no XVI, no que o rei de Castela Juan II, fixando os portos habilitados das costas galegas para a exportación e importación, fixou o de Muros, entre os sete designados polo rei.

Daqueles tempos, as casas da rúa do mar (a actual avenida de Rosalía de Castro), alzábanse cimentadas sobre as areas e pedras da súa praia, tocando os barcos de altura e pesca, coas súas proas os soportais, que tamén en días de tempestade, servían de cobixo as embarcacións menores, tal si foran garaxes marítimos.  Destes soportais quedan importantes mostras na parte norte da Rúa Rosalía. De irregular construción, son vigorosos e gardan notable beleza.

Picture39Mención aparte merecen os soportais perpendiculares a citada rúa, que se conformaban unicamente na actual rúa ancha a que dende sempre se lle coñeceu por ese nome, e elo porque estaba porticada de soportais no seu lado esquerdo.

No acordo do Concello que deu forma legal e reglamentaria á construción dos novos soportais, marcáronse as pautas que había de seguir as novas construcións porticadas, acordo, que para aquel tempo, amosou nos gobernantes unha gran visión de futuro, que se reflexa claramente na beleza e armonía dos actuais soportais.

Este acordo adoptouse motivado pola construción da estrada  (1910-1914), que deixou baixo o seu plano ós soportais vellos.  No acordo o que nos referimos pódese ler: <<que cada casa dejará un soportal de tres metros de extensión superficial con inclusión de las columnas o pies de arco de 60 centímetros. La altura de los pisos sobre el pavimento de la calle será de cuatro metros con veinte centímetros>>.  Por outra parte engadíase: <<Que los soportales que constituyen vía pública sean cedidos a los propietarios de las casas, así como a los que tengan dicho frente sin portal y que los soportales se consideren como vía pública, pero con la prohibición de tránsito rodado>>.  Para rematar destacábase que: <<se fixa en una cantidad de cinco pesetas el metro cadrado que adquieran los propietarios para edificaciones nuevas, aumentándose el primer año el cinco por ciento, el segundo año el diez y así sucesivamente>>. De esta paragrafo hai que destacar que transcorridos case cen anos dende a adopción do referido acordo, hoxe faríase imposible mercar un só metro cadrado de estes terreos, xa que a prezo de fai 60 anos, o metro cadrado valería sobre 39400 euros -6.553.600 pesetas das do ano 1941, cando un beneficiario de pensión de invalidez cobraba a cantidade de 145 pesetas, ou un periódico custaba 15 céntimos de peseta.

E así se foi facendo historia. Os nosos devanceiros adoptaron un acordo que hoxe fai de Muros, unha das poucas vilas con unha fachada marítima única, que polos seus soportais e galerías ten unha beleza que chama a atención de propios e alleos.  Que os anos a conserven para disfrute das xeracións futuras.

Publicado en Arte e Cultura | Etiquetado , | Deja un comentario

A voz dos nosos poetas: «LUME»

p/ Antonio Rey

LUME
Arde o lume
ilumina os rostros
quenta o ar
cambia as súas cores:
branco, azul, bermello,
móvese e refulxe

Picture37Coma no ventre da terra,
debaixo da súa pel de pedras,
a calor e a enerxía latexan

Arde o lume
hipnotiza os meus ollos
esvaece a escena…
Agora eleva o meu pensamento,
xa non son un,
estou irmandado,
un galego mas con morriña,
lonxe da terra amada.

Ollo o lume da queimada.

Publicado en A Voz dos Nosos Poetas | Etiquetado , | Deja un comentario

A voz dos nosos poetas: Acupuntura en araña.

Acupuntura en araña.

p/ Manuel M. Pena Silva

Picture36Vén de varada e de proa,
foi rescatada da bruma,
alza pendente e alcuma
bela embalada de loa
libre do abrazo da escuma.

Ben enclavada en clausura,
en cabalete a vendaxe,
metida nave en cintura,
operación maquillaxe:
empaste, chapa, e pintura.

Velaí, fóra do baño,
nun hospital de campaña,
desde o pelexo ata a entraña,
a revisión de secaño:
Acupuntura en araña.

Mañá, regreso ao rabaño.

http://rioderradeiro-naeiroa.blogspot.com.es/

Publicado en A Voz dos Nosos Poetas | Etiquetado , | Deja un comentario

Bágoas e figos pasos

p/ Manuel M. Caamaño
Hoxe é dia de Reises, un día de ilusión para os nenos e os non tan nenos, pero non sempre este día trouxo ledicia e ilusión para algúns dos veciños da vila, se non escoitade esta historia que aconteceu en Muros un día de Reises do ano 1910.
Xosé Sestaio , mariñeiro de Muros , saíu co seu fillo Andrés de nove anos  esa mañá cedo da casa.  Baixaron polas empenadas e mal empedradas calexas do Carme ao ritmo que marcaban os seus zocos que resoaban con balbordo nas rúas  aínda escuras e baleiras da vila.  Pola Calle Ancha chegaron a beiramar onde tiñan a canoa fondeada.
A Andrés custaralle especialmente saír esa mañá para o mar co seu pai , pois deixaba na casa aos irmáns pequenos disfrutando dos figos pasos que os Reises  Magos  de Oriente deixaran esa noite nun pratiño de barro ao carón da lareira. O Neno, a pesar dos seus nove anos, era ben asisado e guieiro e dábase ben conta de que tiña que ir co seu pai  para o mar a buscar o sustento diario da familia.
Picture35Vogaron até remontar a punta do peirao de Porto Piollo onde izaron a vela e puxeron proa do Son; Sopraba un vendavaliño e na altura do castelo un burleu case lles da un desgusto, Xosé tomou un par de rizos da vela e co temón firme na súa man dereita mandou ao neno que se acurrunchase debaixo do banco de proa para que os salseiros no mollasen.
A última persoa que viu o bote  foi o fareiro do novo faro do Rebordiño , que dixo logo que os vira no medio da ría con proa de Monte Louro , e que lle chamou a atención ver un bote esa mañá no mar,  pois había bastante vento e forte mareira.
Nunca mais se soubo de Xosé Sestaio  nin do seu fillo Andrés, os restos do bote esnaquizado apareceron ao cabo duns días na praia loureá do Fogareiro.
E todo isto aconteceu o 6 de xaneiro de 1910, cando os Reises Magos traian a algúns nenos de Muros, figos pasos  mollados en bagoas e salitre.
Tiña nove anos
e un fardel e unhas botas
demasiado grandes para os seus pés.

Mordendo a bágoa rebelde
aprendeu a ser home,
vomitando de medo e de nostalxia
pola nenez.

E logo fíxose amigo da escuma
e do choro do mar.
E sucos de salitre salpicaron a faciana
daquel vello mariñeiro.
Cando a morte ruxiu baixo a almofada.

E no seu delirio, din que berraba:
Levádeme ao mar,
levádeme,
que non quero morrer
como un covarde.

Publicado en Contos e Lendas, Historia | Etiquetado , | Deja un comentario