A illa da Creba

p/Xokas Figueiras

Tipo de ben: Ermida, Paisaxe histórica/cultural, Paisaxe natural,
Concello: Muros
Parroquia: Esteiro (Santa Mariña)
Lugar: Esteiro
Outra denominación do ben:
Cronoloxía: Descoñecida, Época Baixomedieval, Século XX,

Descrición:

A illa da Creba sitúase na ría de Muros e Noia, a media distancia entre os dous pobos pertencendo ao Concello de Muros, parroquia de Esteiro. Cunha superficie total de 65.398 m2 sitúase a tan só 240 metros da costa (Cabo Uia) e é visible dende tódolos puntos da ría.
Existe documentación dela dende tempos remotos, xa Plinio a situaba nos pobos Tamaricos dicindo que nela se atopan as famosas Aras Sextianas, feito que parece corroborar Carré Aldao ao dicir: “que las tan discutidas Aras sextinas, torques de oro y fíbulas preciosas aparecieron por estas parades y fueron a enriquecer las colecciones soberbias del Sr. Blanco-Cicerón”. Na Historia Compostelana relátase como os piratas, sarracenos uns e normandos outros, instalados na illa asolaban frecuentemente a costa provocando que os nativos abandonasen as súas casas de comezos da Primavera ate mediados do Outono refuxiándose nos montes cercanos. Alvaro das Casas escribe: “Que a últimos del siglo XI, los árabes hicieron incursiones por los alrededores de la Villa de Noya y que en el año 1115 dominaron la isleta de la Creba, cerca de la desembocadura del Tambre, arrasando la Villa de Noya”
Picture5O Arcebispo Xelmirez para combatir estas incursións manda chamar a enxeñeiros Xenoveses para construír unha flota que defenda a costa dos tan temidos piratas provocando grandes estragos entre os mesmos pois non so serviu a flota arcebispal para detelas correrías, senón tamén para atacalos nos seus escondites e incluso en mar aberto. Sabemos que a mediados do século XVI xa había constancia dunha ermida na illa xunto con dúas construcións, unha delas empregada polo ermitán como vivenda. A ermida debeu revestir importancia en anos anteriores pois no ano 1571 durante unha visita fálase do estado das construcións así como manda que se empreñen as diferentes rentas propias da ermida (sen especificar caless) para o saneamento da mesma, tamén aparece nun documento sobre un naufraxio acaecido nas inmediacións da illa no ano 1533. A ermida xa aparece desfeita no ano 1867 no Derroteiro das Costas de España e Portugal dicindo que só se conservan unhas ruínas na cima da illa e que só é navegable a canle de auga que a separa da terra por embarcacións menores debido a presencia de grandes pedras, o que parece corroborar o que na tradición popular se garda de que houbo un tempo no que a illa estaba unida a terra. Existe unha lenda recollida por Vicente Risco sobre a illa e a ermida existente nela que aínda segue viva entre os veciños que di o seguinte: “Na Creba había mouros que tiñan un templo do seu falso deus. Os cristiáns matáronos deixando só á filla do xefe, a cal invocou ao demo, que levantou unha tempestade que afogou aos cristiáns e separou a illa da terra e converteu á filla do xefe nunha serpe xigante que afundía os barcos. Os cristiáns acudiron a un home santo o cal mandoulles construír unha capela na illa adicada a Nosa Señora da Creba.” Varias testemuñas de veciños parecen corroborar a existencia dunha ponte que unía a illa a terra, da cal din que aínda son visibles os alicerces. A comezos do século pasado, moitos anos despois de desaparecida a ermida aínda seguía viva entre as xentes da contorna, os cales mentres viaxaban no “Carreto”, (vapor que facía a ruta de Muros a Noia) ao pasar polas inmediacións da illa descubrían as cabezas, os homes, e as mulleres rezaban unha Salve na honra da Virxe da Creba. Ao longo do século XX a illa sufrirá un proceso de privatizacion no cal desaparecen os restos da ermida para dar paso a unha casona na década dos oitenta quedando así restrinxido o uso que secularmente viñan facendo os veciños de Esteiro da illa mentres os “novos” donos transformaron a súa morfoloxía construíndo un porto de abrigo e plantando piñeiros na mesma. A dia de hoxe a illa segue sendo privada mais os veciños organizados nunca plataforma están a loitar por recuperala sen obter moitos resultados.

Os veciños loitan pola recuperacion da illa e lembran numerosas coplas que fan referencia ela como por exemplo: “Indo polo mar abaixo/o vento rifoume unha vela/nosa Señora da Creba/diume vento para ela.” “Quen me dera estar na Creba/e na Creba haber un piño/para ver o que pasa/esta noite en Portosiño” Tamén vive na memoria de todos a lenda dos mouros recollida por Risco, e na dos mais vellos a romaría que se facía na illa na honra da Virxe aínda moitos anos despois de desaparecida a capela, así como a recollida de toxos na mesma ou como pasaban os animais para que pacesen na mesma.
Referencias bibliográficas:

Historia Compostelana.- DIEGO XELMIREZ

Historia de Muros y su distrito.- RAMÓN de ARTAZA

Las rias Gallegas.- RAMÓN de ARTAZA

O cemiterio de Sta. María a Nova.- ALVARO de las CASAS

Derrotero de las Costas de España y Portugal .- 1867
Afeccións

Ten camiño de acceso?: Si
Está cuberto de maleza: Non
Está afectado por algunha obra: Si
Estado de conservación: Malo
Atópase en perigo nestes momentos?:

A día de hoxe a illa atópase edificada, sobre os restos da capela ergueuse unha casona. O terreo da illa tamén variou debido a plantación dun bosque de piñeiro e a construción dun porto de amarre. Os numerosos esforzos que veñen facendo os veciños pola recuperación do espazo non dan froito e non se fixo ningunha prospección arqueolóxica nin actuación de ningún tipo por parte das autoridades pertinentes.

Publicado en Cousas que interesan, Historia | Etiquetado , | Deja un comentario

Presentación do libro «Son Galego»

O acto de presentación do libro «Son Galego» de Antonio Rey, organizado por The Muros Times e I Love Muros, coa colaboración do Concello de Muros, celebrouse o sábado 1 de febreiro nos locais municipais de San Xosé.

Picture1A presentación do libro, do que e autor o poeta Antón Rey (galego de terceira xeración) nado en Bos Aires, foi todo un acontecemento emocional e cultural de primeira magnitude no noso Concello. Arrouparon ao autor e fixeron uso da palabra, entre outros, o novelista Suso de Toro e o Académico e Profesor Universitario Henrique Monteagudo. Foi dinamizador e mestre de cerimonias Manolo M. Caamaño (Manolo Chuvasco) e pechou o acto a Alcaldesa de Muros dona Caridade González Cerviño. Destacar a lectura duns poemas do autor por parte de Manuel María Pena Silva (Rioderradeiro) e a actuación do grupo Faltriqueira, que unha vez mais colaborou desinteresadamente nun acto cultural promovido por The Muros Times.Picture4

Publicado en Presentacions | Etiquetado , | Deja un comentario

Carta da Redacción: Marzo-2014

Picture1The Muros Times No. 11 Marzo-2014
Estamos de aniversario. TMT cumpre un ano de vida; un ano cheo de satisfacions para os seus creadores e tamén para os mais de 6000 lectores que cada mes disfrutan da primeira revista dixital muradana. TMT naceu nos miolos de un muradano comprometido, que dende as lonxanas terras do continente americano foi capaz de unir a un grupo de entusiastas muradáns nun proxecto común; un proxecto chamado a dicirlle ao mundo enteiro que MUROS EXISTE, que non foi creado fai catro días, e que por elo está cheo de historia, de arte, de cultura e de tradicións que os muradáns queremos compartir. E así imos facendo camiño, cumprindo obxetivos pouco a pouco e facendo do que foi só unha idea, unha realidade palpable, que se está a converter nun faro cuxa luz está estendéndose mais aló de aquí e de alá.
TMT sigue e seguirá aberta a cantos queiran colaborar neste proxecto. Como iniciativa plural que é, non ten ataduras de ningún tipo, por elo insistimos na invitación que reiteradamente facemos: todos estamos invitados a colaborar na revista; todos teñen as portas abertas desta publicación para escribir nas súas páxinas.
Cos mellores desexos de todos e para todos, facemos votos para que TMT teña unha longa vida, para disfrute dos seus lectores e para a maior honra de Muros es as súas terras.

O noso agradecemento as seguintes casas comerciais e particulares que fixeron posible a edición deste número de marzo:

Bar A Cova

Bar Nova Escocia  – 

Café Bar Paluka (Esteiro)

Café Bar El Muelle

Café Bar O Caxuco (Tal)

Café Bar O Hórreo (Abelleira)

Cervexeria  Alameda (Esteiro)

Clínica Médica Dra Castiñeira

Espina y Delfín, SL

Forno Uhía 

José Antonio Fernández

José Antonio Lado

José Luis Santiago Caamaño

José M Formoso Luces

José María de Espina

José Ramón Creo

Manola Lema

Manuel Castiñeira Lago

Marcelino García Lariño

MariCarmen Louro Fiuza

Marisé Luces Tajes

Pacola González Campelo

Pedro Caamaño Lago

Peluquería Arcos e Deportes Arturo (Esteiro)

Ramón Fernández Santiago

Restaurante A Esmorga

Publicado en Cartas da Redacción | Etiquetado , | Deja un comentario

As cores da Esteirana

P/Francisco Abeijón Núñez.
Imos debullar hoxe a orixe das cores da Esteirana, un dos equipos máis senlleiros do fútbol da Costa. Saberemos por qué a Esteirana viste de roxo e azul, coas mesmas cores que o Barcelona?.
Picture16Esta pregunta pode xurdir tanto cando se recibe algunha nova do fútbol esteirán, como cando se acerca polas instalacións do campo de fútbol Xosé Luis Vara Olveira. Nunha impresión apresurada pódese concluir fácilmente en que a vestimenta dos equipos da Esteirana poderían deberse a unha certa preferencia nos siareiros da parroquia de Esteiro polo equipo do FC Barcelona.
Se ben é certo que en Esteiro hai un numeroso grupo de xente que alenta polo equipo catalán. E que nas fins de semana reunidos ao carón de Heriberto Tabota no seu bar Local da Esteirana, disfrutan coa práctica do fútbol alegre e combinativo do que ven facendo gala últimamente o equipo barcelonés. A verdade é que a orixe das camisetas con raias verticais azuis e vermellas dos equipos equipos de fútbol de Esteiro está na outra beira do océano Atlántico, na república arxentina. E máis concretamente na cidade de Bos Aires. A capital arxentina mundialmente coñecida por ser a quinta provincia de Galicia, debido a que albergou a unha gran multitude de residentes de orixe galega.
Picture17A práctica do fútbol chegaría a Esteiro a principios do século pasado da mán dos operarios vascos da fábrica de conservas de peixe que a familia Legarda instalou en Somorto contra 1915, e que mantivo a súa actividade ata os anos oitenta dese mesmo século. Ao igual que en moitos outros portos da costa galega foron os traballadores destas novas industrias os que trouxeron a moda de xogar ao balón recén importada de Ingaleterra. O certo foi que moi pronto callaría entre os mozos esteiráns a práctica do fútbol na praia do Artón.
Andados os anos, e como non podía ser doutro xeito, por terse constituído como un auténtico motor da sociedade da parroquia, sería a asociación agrarista La Protección Social Esteirana (a coñecida sociedade), a institución que creou o primeiro equipo de fútbol con certa estabilidade e coa intención de competir con equipos formados nos outros portos da ría e de toda a costa galega, cos que mantiña a entidade unha relación comercial. No seo da sociedade formouse tamén un equipo infantil de fútbol ao que vestiron con camisetas feitas cos sacos de fariña do economato da sociedade. A esta indumentaria totalmente blanca engadíuselle unha franxa vermella no peito. Afortunadamente consérvase unha fotografía deste equipo infantil que foi publicada por Manuel Torres Fernández na súa obra imprescindible para coñecer a evolución do fútbol en Esteiro.
Pero a primeira equipación de fútbol que vestiron os mozos esteiráns foi enviada á sociedade dende a Arxentina por emigrantes no albor da segunda república española. Así me foi transmitido polo señor Vidal, último secretario da Protección Social Esteirana con quen compartín admiración polo Celta; por Juanito Romaní, cando por fin voltou a Esteiro logo dun truculento exilio político de máis de corenta anos; e polo vello Torea de Uhía, nas moitas tardes de fútbol que vivimos xuntos.
Aqueles emigrantes xuntaron cartos e mercaron unha equipación completa para mandarlle ao equipo de fútbol da sociedade esteirana de recente creación. Tratábase das camisetas roxas e azuis coas que xogaba o equipo de fútbol do seu barrio, o San Lorenzo de Almagro. Vivían no barrio bonaerense de Boedo, coñecido por seu unha terra políticamente incorrecta na que vivían moitos anarquistas, entre eles varios esteiráns. Era un barrio humilde no que en 1908 un crego lles conseguira a un grupo de rapaces os terreos que precisaban para formar un equipo fútbol. Nacía así o Clube Atlético San Lorenzo de Almagro, un equipo clásico do fútbol arxentino. Na actualidade moi coñecido por ser o equipo favorito do Papa Francisco.
Co paso dos anos os equipos de fútbol de Esteiro seguiron vestindo habitualmente con camisetas a raias verticais roxas e azuis. Moi probablemente sería esta lembranza dunha mitificada sociedade que estaba moi presente na memoria dos esteiráns naquel tempo de prohibicións da dictadura franquista a que animou polas cores roxas e azuis aos directivos que en 1971 inscribiron á Esteirana para as competicións da Federación Galega de Fútbol.
Sería deste xeito como naceu o coñecido “sentimento roxazul” que cada semana se pode ver polos campos de fútbol da Costa

Publicado en Cousas que interesan, Historia | Etiquetado , | Deja un comentario

A voz dos Nosos Poetas: Mil bagatelas do mar.

 p/Manuel María Pena Silva

Mil bagatelas do mar. 

Vinde ver en panorama,
desde Marcote  a Lagar,

un submarino asomar

por Rebordiño en pixama.

Víndeo ver, ben reclama

e merece unha postal,

en MUROS,  nun soportal

e na casa aos pés da cama.

Picture15 Víndeo ver conversar,

o periscopio de almea,

co Muíño da Marea,

co do Castelo de Area,

con toda A Cerca a falar…

Víndeo ver divulgar

-o seu saber de balea,

o seu sentir de serea-

mil bagatelas do mar.

 

http://rioderradeiro-naeiroa.blogspot.com.es/

Publicado en A Voz dos Nosos Poetas | Etiquetado , | Deja un comentario