Algunhas consideracións sobre o libro de Artaza

p/ Manuel Silva.

Artigo publicado na revista A EIROA-1994

Picture38O libro de D. Ramón de Artaza «Historia de Muros y su Distrito», non sigue unha orde cronolóxica; non é unha relación de feitos en secuencia histórica coherente nin moito menos despexa a dúbida que se presenta dende a ldade Media cara atrás.

O coñecemento incompleto e nebuloso do pasado galego acentúase en Muros, quizais polo pronunciado illamento xeográfico que sofre. Muros non ten xénesis coñecida e os documentos posteriores, algúns dos cales aporta Artaza, só dan luz sobre cousas e feitos non precisamente os máis importantes. Hai que recoñecer, sen embargo, a ímproba laboura e a constancia do autor, quen, ó longo de moitísimos anos foi recopilando datos e documentos que agora nos entrega nestes tres tomos. A obra é importante porque, con tódalas súas comísións e omisións, ven a ser a única que se escribiu sobre a nosa terra muradana.

Neste libro saltan á vista algúns detalles que tratarei de comentar, máis como curioso que trata de darse respostas ou confirmar sospeitas, ca coñecedor do tema, que non o son.

Tratarei de explicar algúns desacordos que teño acerca do texto sen ningunha pretensión de impoñe-las miñas opinións ó respecto:

Primeiro: O contido do libro amosa exclusivamente o punto de vista da clase social fidalga.

Segundo: Omítense reiteradamente fenómenos e procesos importantísimos, ben por consideralos irrelevantes, ben por descoñecemento, ben por non ferir susceptibilidades ou ben por interese persoal en ocultalos.

Terceiro: Faise unha abondosa e mesmo abrumadora reseña de liñaxes co conseguinte despregue de escudos, igrexas, capelas, propiedades e doacións dunhas cantas familias, que na súa meirande parte están emparentadas co autor. Reseña que se convirte en tema principalísimo do libro, en detrimento de feitos máis xerais e de maior interese.

Os camiños para conqueri-la condición de fidalgo, en Galicia, non foron exactamente os mesmos que se deron noutras rexións da Península. A liña de confrontación cos árabes afastóuse cedo das nosas fronteiras e, polo tanto, o ennoblecemento a través das armas, quedou pechado.

A fidalguía galega nace e desenrólase ó abeiro das grandes propiedades territoriais e urbanas: reguengas, de señorío ouabadengas; servindo como administradora primeiro e logo coma beneficiaria directa do Foro, cando éste quedou instituido. Supoño que se deron outras maneiras de ennobrecerse, pero, a fundamental, en Galicia, foi a que estou sinalando.

Muros carece de terras e, a actividade económica vai a desenrolarse fundamentalmente no eido industrial e comercial mariñeiro; actividade máis propia dunha burguesía emerxente e cobizosa que de unha fidalguía señoril e parásita. Daquí que a Nobreza que Artaza reivindica para Muros con tanto entusiasmo, apenas se poderá encontrar nos servidores da Administración, a Xustiza e a lgrexa. O poder económico, o verdadeiro poder, estará representado polo salgadeiro (en castelán «salazonero»), o armador de cabotaxe e altura, o dono de lanchas e utensilios de pesca, o comerciante exportador e importador, o minorista e a variada gama de profesionais.

0 reducido escenario muradán non dou oportunidade de separación e illamento ós seus grupos sociais de dirección e, co tempo, fíxose inevitable o entronque entre eles; así como a fusión de intereses. Pérdese, polo tanto, a pureza clasista e, a Fidalguía máis feble, dilúese axiña dentro do grupo dominante: a Burguesía.

Leamos un párrafo do libro de Artaza copiado dunha información de nobreza no ano 1770 para o ingreso na Orde de Santiago (páx. 518): «El distintivo de la Nobleza en Muros era el trato exclusivo y recíproco de los de esta clase, unos con otros, dentro y fuera de la Villa, únicos actos por que se distinguen en ella los nobles de los del estado llano, viviendo de sus mayorazgos y ejerciendo empleos de honor, el trato y la estimación…» Ou sexa, que o trato e non a executoria e o documento daba fe de Nobreza.

Con condicións tan liberais en canto a evidencias, a Burguesía muradana puido ennobrecerse a toda ela con tremenda facilidade. Xa a comenzos do século XIX, econtrámonos que todo ou case todo industrial, comerciante, profesional e funcionario é, ou presume ser, fidalgo. Con papeis ou sen eles.

Alguns indicios fan supor que a Nobreza, como tal, extinguiríase xa a comenzos do século pasado. O Apéndice VI, que trata do pedimento de exoneración da multa imposta á Vila, por seren queimadas e destruídas propiedades catalanas, (páx: 728, 729,730 e 731) é un monumento á ruindade, baixeza, no que di e en como o di; e ningún fidalgo auténtico asinaría ou avaliaría xamáis petición semellante. Algo parecido prodúcese cando os franceses chegan á zona: Os líderes de Muros, ansiosos dunha neutralidade que deixe a salvo as súas propiedades, negocian e concilian con uns e con outros en forma humillante e terminan culpando e delatando a todo o mundo.

Durante a invasión francesa, a Galicia onde a Fidalguía é forte, loita, deféndese. Onde a Burguesía ten o poder, transixe e colaboura. O fidalgo sabe que desaparecerá, como tal, se a invasión ten éxito. O burgués sobrevive e enriquécese con uns e con outros. Non se trata de ser máis patriota ou máis valente, trátase dunha posición de clase cru e descarnada, pero lóxica.

O libro de Artaza tampouco sinala o orixe xudeu de moitas familias burguesas muradanas. O historiador afirma que, en Muros, exerceron como oficiais e familiares da Inquisición algúns persoeiros que nomea. Era responsabilidade dos axentes do Santo Oficio a vixilancia e represión dos conversos, sen embargo, estos non aparecen por ningures. Entón, ¿que se lles perdeu en Muros ós axentes da Inquisición?; ¿por que se establece esta institución se non hai a quen reprimir?. José Ramón Onega escribe no seu libro «Los judíos en el Reino de Galicia» (páx. 591): «Muros y Noya se disputan el enclave de la zona y en ambas poblaciones existieron colectividades judías». No libro «inquisición y Criptjudaísmo»Juan Blázquez Miguel, anexa un mapa de España do século XVII coa seguinte escritura: «Localidades donde se dieron casos de criptjudaísmo». No devandito mapa aparece Muros entre algunhas outras poboacións de Galicia. ¿Por que Artaza non da conta destas cousas?. ¿Por que Blázquez ten coñecemento da existencia de xudeizantes en Muros e Artaza non, sendo que este último é daquí, adícase de cheo ó daquí e conta con tódolos arquivos do mundo?. ¿Por que o historiador non sinala a chegada e o asentamento definitivo dunha inmigración tan importante?.

A nós, os descendentes de vilanos e plebeos, a Historia que Artaza narra non nos ennorguilece porque nos discrimina, marxinanos, ignóranos. Elimina do proceso histórico común a quenes, en última instancia, son os que fan País e fan Historia: A xente, o pobo. TODO 0 POBO. Non unha exigua porción del, senón ¡TODO !. Esta é fundamentalmente a falla que se encontra no libro de D. Ramón de Artaza.

Discrimina, ignora e marxina os nosos antepasados mariñeiros, pescadores, peóns, soldados, emigrantes, artesáns, servos da gleba e peiteiros en xeral. Artaza ignora a quenes foron, ó fin e o cabo, fonte de riqueza; incluíndo a súa. Non se atopa neste libro unha soa palabra que explique, anque só sea como teoría, as formas de producción e de distribución, así como o papel que xogan nelo as diversas clases e grupos económicos. Da a impresión que os productos de consumo e de uso caen do ceo, coma o maná. Que non hai un pobo traballador facendo Historia e que a vida e a sobrevivencia de todos depende do seu trabarlo. A D. Ramón só lle preocupan «las distinguidas circuntancias» duns poucos.

Non hai unha soa palabra que nos explique a posesión das terras; a quen ou a quenes lle pertencían, formas de traballo, instrumentos de labranza e pesca; fábricas, comercios, etc. Como se distribuían os beneficios, dereitos e deberes en relación co Estado ou ó Señor, se é que o había.

O libro luce extemporáneo. Este libro escríbese cando o Foro, como soporte económico da Fidalguía, desapareceu; cando nacen e se fortalecen forzas políticas e sociais de masas; cando as clases medias profesionais e técnicas pasan a ocupar o lugar que deixa baldeiro a Baixa e a Alta Nobreza na dirección da cousa pública e privada. Nace este libro cando no Distrito de Muros fai moitísimos anos que o minifundio sustituíu ó Foro; cando xa a industria pesqueira conta con barcos e aparellos sofisticados, cando os conserveiros cataláns modernizan as súas fábricas e se lanzan á conquista de mercados, fóra e dentro do País. Escríbese esta Historia cando, anos despois, persoas e grupos de baixa extracción social prepárense para irrumpir na vida económica de Muros e substituir a uns e a outros: á Fidalguía para soterrala, á Burguesía tradicional para empobrecela e herdala.

Sería convinte que persoas non prexuiciadas emprenderan un trabailo de investigación para coñecer e facer público o noso pasado. Que foron, que fixeron e como vivían os antergos muradáns. Os antepasados de todos, os de Artaza e os nosos.

Publicado en Cousas que interesan | Etiquetado , | Deja un comentario

O gardián do tesouro do mouro

By: Manolo de Lajo

Na lagoa de Xalfás, onde estivo a antiga cidade de Louro, hai afundido un barco cunha sirena ou bocina que brúa coma un boi cando a néboa enche o lago e anoitece. Uns din que é para advertir os mariñeiros dos baixos do Neixón e Pedra de Cón e outros que pretenden atraelos nos días de temporal, para que se afundan na lagoa, nun pozo sen fondo no que está a cidade baixo as areas movedizas.
Algúns descrén do barco, e din que brúa coma un boi porque é un boi, descendente dunha familia vacuna que logrou topar o pasadizo que comunica o fondo da lagoa co Monte Louro, no cal se encontra o famoso tesouro que o rei mouro Almanzor enterrou depois de saquear a Catedral de Santiago.Picture11

Publicado en Contos e Lendas | Etiquetado , | Deja un comentario

Restos da Torre Arcebispal de Muros

p/ Xocas Figueiras
Tipo de ben: Escudo / Epígrafe , Fortificacións urbanas ,
Concello: Muros
Parroquia:San Pedro de Muros
Lugar:Barrio do Carme
Cronoloxía: Época Baixomedieval .

Picture9Descrición:
No barrio do Carme quedan os restos do antigo Torreón ou Casa-Forte que os prelados Composteláns, señores da vila, tiñan na mesma.
Aparece citada en documentos do ano 1327 e tamen do ano 1526.
Hoxendía só quedan os muros que flanquean unha horta, e un escudo nun lintel que parece aludir aos Picture10Montenegro: “Dous lobos andantes, un coa cabeza virada cara abaixo e outro mirando ao alto, cunha árbore no centro”

Propiedade: Privada
Uso actual: Agrícola
Código no Catálogo da Xunta:
Categoría do Ben: Dato descoñecido
Tradición oral:
Referencias bibliográficas:
Historia de Muros y su distrito .
Ramon de Artaza Malvarez
Torres,varas e demos. Os irmandiños da ria de Muros-Noia .-Carlos Barros

Publicado en Arte e Cultura | Etiquetado , | Deja un comentario

A labazada

p/ Marcelino García Lariño

Hai pais, por non dicir todos, que queren o mellor para ós seus fillos, tanto en educación, coma en cultura, benestar, oficio, negocio ou carreira, conforme ós seus medios económicos, e non reparan en sacrificios para logralo. É un interese que teñen a inmensa maioría, por non dicir a totalidade, dos pais o que consideramos moi xusto e natural. Do contrarioImagen1 trataríase de pais desnaturalizados, desleigados e inhumanos.
Pero tamén os hai, os menos, que coidan que para ensinalos e educalos, hai que empregar a forza e o castigo, comportamento este que incluso está penado polas leis. Hoxe en día raro é o caso deste abuso por parte dos pais ou dos mestres. Case se pode afirmar que non existen. Pero antano non era así. Reparar senón neste caso concreto:
Fai anos, xa moitos, eran os tempos da fame despois da nosa guerra e xa nos últimos da mundial, e os rapaces tiñan que traballar fora onde fora para axudar na casa que comer hai que comer, e cartos para mercar moitos non había nin tampouco onde mercalos que a escaseza que tiñamos era meirande e chegaba a todos. Nos portos de mar, como é o noso, peixes había a varrer que non era coma agora, e tamén había máis barcos, pero tamén moito máis cativos que os que hogano temos. A xente daquel tempo era máis traballadora que a de agora porque tamén as circunstancias o obrigaban, ou traballar ou morrer de fame. Non había tantas leis sociais, nin tampouco, todo hai que dicilo, tanto vicio, e os rapaces póidase dicir que xa trallaban dende nenos.
O Saturniño, coitadiño, con ben poucos aniños xa o levara o pai con el á baca para ensinarlle o oficio e acostumalo ós golpes do mar; e un día de verán pola mañá cando estaban na cuberta escollendo o peixe do lance que acababan de dar, viron acercarse un barco tan grande e tan grande que ningún de a bordo, nin tan sequera o patrón, o viran tan enorme coma el. Nunca miraran un barco da maneira, nin en retrato, e mesmo pasou a rentes deles. Quedaron todos extasiados con aquel xigante do mar. O navío era ruso, e na cheminea, que era tan grande coma un hotel de cinco estrelas, levaba pintada a fouce e o martelo. Estaban pasmados, pasmadiños, coa boca aberta sen dar palabra do seu corpo. O primeiro en falar foi o Saturniño, malpocadiño, que entusiasmado ocorréuselle dicir:
–Se a min me deran agora a escoller o que eu quixera, só escollía a cheminea dese barco.
E nesto o pai “¡Zas!” zorregoulle unha labazada que guindou co cativo de fociños caendo de cabeza en medio do monte dos peixes ó tempo que lle dicía berrando coma un louco: –¡Ti estás tolo, rapaz! Dunha vez que tes que pedir, ¿por qué pides a cheminea? ¡Pide o barco enteiro, carallo!

Publicado en Contos e Lendas | Etiquetado , | Deja un comentario

Coma un xigante avezado.

p/  Manuel María Pena Silva
Ergueito en corpo abreviado,
X erardo -teño a certeza-Picture8
pasou polo mundo armado
e mesmo multiplicado,
LOUReadO en fortaleza
por centímetro cadrado,
coma un xigante avezado
traballador da limpeza,
e demostrou no coidado
do ben común ter cabeza.

(Rioderradeiro)

P/ Manuel María Pena Silva
http://rioderradeiro-naeiroa.blogspot.com.es/

Publicado en A Voz dos Nosos Poetas | Etiquetado , | Deja un comentario