En Esteiro con amor (II): Son boas?

p/ Gonzalo Brea Romaní

Picture29Eran os luns, días de traballo, pero tamén dos recordos do día anterior. Traballaba Miro, co seu pai, de peón, ou como se coñecía en Esteiro, de “lampaso”. Ese luns, non tiña moitas gañas de levantarse para ter que coller as ferramentas, pero era inevitable. Seu pai xa o chamara dúas veces; eran as sete da mañá, e sabía que se o avisaba outra vez, seguramente non sería con palabras. Así que, con moi pouca enerxía, ergueuse da cama e foi cara ao cuarto de baño. Despois, almorzou “calandracas”, que eran frangullas de boroa cocidas en auga, ás que lle botou un pouquiño de azucre. Seu pai estaba listo para marchar, e súa nai apurouno:
Veña, Miro. Teu pai vaise enfadar contigo, coma todos os luns!
Xa, Mamá, xa vou.
Tiñan que camiñar un bo anaco, pois ese día tocaba traballar na Silvosa. Había que colocar unha cociña de leña, e sabía que ía ser unha xornada extremadamente cansada. A súa tarefa era amasar o cemento, e carrexar os caldeiros ao seu pai, que era quen facía o traballo fino.
Mentres andaban, polo lugar de Reboredo, pasaron ao lado dun grupo de xente que estaban apañando balocas no terreo de Castiñeiras. Manolo, o pai de Edelmiro, botoulles un berro:Picture28
– Son boas?!
– Nada! Este ano, ca peste, non hai unha xeitosa. – contestou unha das mulleres apoiando o seu sacho, mentres secaba a suor negra co mandil que vestía.
– Ides ao choio, lojo? – preguntou o único home que había no terreo, que non tiña ningún utensilio nas mans, e só miraba para as apañadoras.
– Alá imos, á casa de Xulio a ver se lle poñemos a cociña, que despois ven o inverno e non hai leña que chegue.
– Ide, lojo !
A nai de Miro tamén botaba balocas nun terreo que tiñan no Sanguiñal. Sabía que xa falaran de apañalas, e estaba coa mosca detrás da orella, pois sempre lle tocaba a el carrexalas ata a casa, na carreta. Tiña que ir atravesando pola casa das Carabeiras, e baixar polo camiño da igrexa. Todos os anos era o mesmo. Uns cantos sacos lle esperaban, pero non había remedio. Estaba para el.
Pensaba que cando estivera casado con Marisé non lle ía deixar tanto traballo, e non permitiría que botase balocas, nin legumes, nin que estivera todo o verán coma unha escrava, que era como el vía a súa nai, e a case todas as mulleres daquela idade en Esteiro.
Súa nai tiña 44 anos, pero a súa pel estaba moi maltratada polo sol, a auga, a terra, e sobre todo, as preocupacións dunha vida chea de malos tragos polos que había que pasar. Unha vida chea de traballo na terra, na casa. E aínda máis, o traballo de servir ao seu home. As mulleres, como súa nai, tiñan que estar nun pedestal – ou así o pensaba Miro. Eran o motor da vida rutinaria daquela época en Esteiro. Volveu á realidade, cando seu pai lle recordou que a semana que entraba, lles tocaba a eles a recolleita das balocas:
Miro, xa sabes. De aquí en oito días, espérache a carreta para carrexar as nosas baloquiñas!
Vaites ! Daquela, este ano non che toca a ti? Non me contestes, malcriado! – berroulle, ao tempo que lle soltaba unha bonita “colleja” que resoou polo camiño que os levaba a Riomaior.
Miro pensou en Lito, o seu amigo das palmadas. “Nada, aquí, o menda, o cesto da bosta”.

Publicado en Contos e Lendas | Etiquetado , | Deja un comentario

As participacións preferentes. Qué podemos facer?

p/ Ramón Siaba Vara (Avogado)
As “participacións preferentes”, tamén denominadas “Instrumentos híbridos de capital” son definidas como valores emitidos por unha sociedade que non confiren participación no seu capital nin dereito ao voto. Teñen carácter perpetuo, aínda que a entidade se reserva a opción de amortizalas a partir do quinto ano –circunstancia que leva á confusión pois o cliente inexperto pensa que está contratando un depósito por cinco anos–. A súa rendibilidade, de carácter variable, non está garantida pois é unha inversión vinculada á evolución da entidade –se hai perdas non hai obriga de abonar remuneración algunha–. Picture26Trátase dun instrumento complexo e de risco elevado que pode xerar rendibilidade, pero tamén perdas no capital invertido, un risco do que non se informou aos clientes que o contrataron.
O evidente engano consistiu en ofrecelas e comercializalas como se se tratase dun depósito de renda fixa, cando en realidade son todo o contrario. O banco ofrecía ao cliente contratar un depósito normal e corrente polo que se lle aboarían uns intereses un pouco máis altos que os que obtiña co depósito convencional e no que non existían riscos, pero cando dito cliente se presentaba no banco a retirar o seu diñeiro atopábase coa contestación de que o contrato subscrito tiña por obxecto a adquisición de participacións preferentes e que, debido á situación do mercado, non podían amortizarse nese momento.
A diferenza entre un depósito e un valor é que no depósito o cliente presta un diñeiro ao banco depositándoo na entidade e percibindo en contrapartida uns intereses. Pola súa parte, un valor (como as participacións preferentes) é un título que incorpora unha serie de dereitos e que é obxecto de comercio, co cal os valores cómpranse e véndense nuns mercados suxeitos á lei da oferta e a demanda, de maneira que a diferenza do depósito non podemos chegar ao banco e dicirlle ao empregado que nos entregue todo o diñeiro depositado posto que decidimos retiralo. Ao tratarse de participacións preferentes, recuperar o diñeiro non depende da nosa vontade se non do mercado financeiro: dun mercado secundario no que se non hai demanda, como actualmente é o caso, pois non hai venda e por tanto nunca poderemos recuperar o diñeiro invertido, porque se trata dun produto sen vencemento, é dicir perpetuo.
É un produto de alto risco con escasa liquidez, claramente inadecuado para os pequenos inversores. Nunca debería dirixirse a estas persoas, polo seu carácter especulativo e de risco, circunstancia que non foi tida en conta pola Comisión Nacional do Mercado de Valores, que, como organismo controlador, non fixo nada para impedir as prácticas abusivas na súa comercialización a particulares.
Por que se lles chama PREFERENTES? A única razón de chamarlle así é porque teñen prioridade de cobro sobre os accionistas no suposto que o banco crebe. Aínda que isto non ten relevancia nas nosas antigas “caixas” ao non poder estas emitir accións. Non están garantidas polo fondo de garantía de depósitos porque evidentemente non se trata dun depósito.
Cales son as vías principais para saír deste labirinto?
A) ARBITRAXE.- A opción da arbitraxe é válida pero limitada, pois só se aplica a unha serie de clientes que teñen que cumprir determinados requisitos. Ademais o prazo para solicitar a arbitraxe, esgotouse para os clientes de NovaGalicia Banco o 17 de xuño, co inicio do período de troco obrigatorio.
A Comisión de Seguimento de Instrumentos Híbridos de Capital e Débeda subordinada establece como requisitos para acceder á arbitraxe:
– Minoría de idade do subscritor; incapacidade do subscritor.
-Inexistencia, falta o incorreccións do documento contractual.
– Falta de información ou información incorrecta do produto ou contraditoria.
– Ausencia de procedemento para descubrir datos do perfil.
– Procedemento de avaliación de conveniencia ou idoneidade incorrecto.
– Se representa unha porcentaxe significativa do seu patrimonio e o cliente non dispón de ingresos adicionais.
– Arbitraxe preferente para inversións inferiores a 10.000 euros.
A Asociación Europea de Inversores Profesionais calcula que só o 50% das solicitudes da arbitraxe prosperará, e desta porcentaxe unicamente o 30% obterá ditame a favor de recuperar o 100% da inversión.
Por experiencia, as arbitraxes que prosperan son as que selecciona a consultora contratada pola propia entidade bancaria, posto que das máis de 30 que solicitamos non aceptaron ningunha, de xeito que a vía que queda é acudir ao Xulgado.
B) XULGADO.- Espérase unha avalancha de demandas; de feito os Xulgados xa se están preparando para facer fronte a ela.
Son moitas as razóns esgrimidas nas demandas que actualmente se están presentando ante os Xulgados co obxecto de anular os contratos de formalización de participacións preferentes:
– Non existencia de contrato asinado.
– Contrato enganoso.
– Non realización dos test de conveniencia ou non veracidade dos mesmos.
– Circunstancias persoais dos clientes (sen estudos ou estudos básicos, persoas maiores, nula experiencias e coñecementos financeiros…).
– Non información ou información defectuosa ou falsa sobre o produto.
As sentenzas que se ditaron ata o momento manteñen, en trazos xerais, un criterio favorable ao cliente.
Resulta de especial importancia que os Tribunais consideren os contratos en que se formalice a adquisición de ditos produtos como contratos de adhesión, é dicir que quen fixa todas as condicións do contrato é o banco sen intervención do cliente; por tanto a parte máis débil (cliente) ten unha posición más favorable á hora da interpretación do contrato.
Así mesmo se os Tribunais cualifican ao cliente de pequeno inversor en canto ao seu perfil de investimento, atribúeselle a condición de consumidor, sendo merecedor da máxima protección.
O criterio máis alegado ante os Tribunais parte de que o cliente xeralmente non recibiu do banco unha información suficiente, comprensible e clara sobre o produto que ía a contratar e os posibles riscos que asumía. Esíxese a plena conciencia e coñecemento claro e exacto sobre aquilo sobre o que prestan a súa aceptación, debendo haber unha información clara e precisa por parte da entidade con carácter previo á contratación, producíndose unha inversión da carga da proba de xeito que é a entidade bancaria a que debe probar que deu unha correcta información ao cliente ao tempo de asinar o contrato de adquisición das participacións. Se non se proba polo banco que se proporcionou dita información ou a mesma foi inadecuada, falsa ou insuficiente, e ao tempo se xustifica que o cliente é unha persoa sen coñecementos financeiros, apreciaríase a concorrencia de erro invalidable do consentimento en canto ao que constitúe o obxecto do contrato, o que anularía o mesmo, coa obriga do banco de devolver el 100% do diñeiro depositado.
Para os que adquiriron participacións preferentes en “La Caixa”, hoxe “Caixabank”, diríalle que soliciten unha copia do test de conveniencia, pois dita entidade no apartado do prazo do produto establece o de 120 ou 240 meses, cando a realidade é que debería expresar que se trata dun produto perpetuo, polo que non deixa de ser un engano que debería ter moi boa acollida ante unha demanda xudicial. Sobre este particular, ao interrogar nun procedemento xudicial ao encargado para Galicia de “Caixabank” sobre este extremo, limitouse a contestar que o programa informático non permitía sinalar o carácter perpetuo, o que non deixa de ser unha explicación absurda e pouco crible, de xeito que lle queda una porta aberta para acudir aos Xulgados aos que teñan contratadas preferentes con dita entidade.
Que facer coas preferentes? Se non é viable recuperar o 100% da inversión coa arbitraxe considero que unha boa solución sería aceptar o troco por accións e a venda inmediata ao Fondo de Garantía de Depósitos para, seguidamente, acudir ao Xulgado a reclamar a cantidade que nos falte para recuperar o 100% do nosos depósitos.
O código penal define no seu artigo 248 o delito de estafa nos seguintes termos: “Cometen estafa os que, con animo de lucro, utilizasen engano bastante para producir erro en outro, inducíndoo a realizar un acto de disposición en prexuízo propio o alleo”.
Que cada quen obteña as súas propias conclusións… (Si alguén necesita mais información, póñome a seu dispor)

Publicado en Cousas que interesan | Etiquetado , | Deja un comentario

O porqué do nome de Crus de Pelos

p/Manolo de Lajo

Crus de Pelos, antigamente coñecido como Monte de San Antón, é un promontorio granítico duns 250 m. sobre o nivel do mar e situado o nordeste da vila de Muros.
O monte que se ve máis o norte del, chámase Pedra de Corvo, lugar maldito e moradía dos páxaros da morte: corvos, pegas negras e curuxas. Estes páxaros anunciaban a morte das persoas ben cantando, ben tocando coas ás nas fiestras ou poñendose sobre as casas ou nos mesmos cuartos dos que van a morrer.
Picture25Tamén contan que é moradía da Santa Compaña, por eso ninguén se atreve a chegar perto del. Escoitase falar de xente que subeu a Crus de Pelos, pero de Pedra de Corvo ainda non sei de ninguén que fora e voltara para contalo.
Durante o século XV o cura de Sestaio tamén misaba en Torea. Era un home baixiño con unha cabeleira rizada, coñecido no lugar por o nome de Pelostortos. O señor bicario acostumaba a facer o recorrido entre parroquias cruzando por o medio dos ditos montes.
Un domingo voltando da misa de finados en San Xulian de Torea colléuno a noite atravesando os dous promontorios, e non sei si foi o medo ou que en realidade veu a Santa Compaña vaixando por Pedra de Corvo, que decideu preguntarlles para donde iban; respostando as ánimas: «Non vimos a po los vivos, nin vimos a po los mortos, vimos a por Pelostortos». O pobre colleu tanto medo que empezou a correr cara a Crus de Pelos, con tan mala sorte que tropezou e bateu a cabeza nunha pedra quedando inconsciente.
O día siguinte topouno morto unha pastora de ovellas cos pelos ensanguentados e pegados na pedra. No mismo sitio erixiuse un pedestal cunha crus a cal se lle chamou Crus de Pelostortos.
Terminada a guerra civil coa eliminación sitemática do Galego como língua e o clero dominando a sociedade civil española, decidiron sacarlle o de tortos porque non soaba moi elegante o de Cruz de Pelostuertos ou Pelostorcidos, quedando soio o actual nome de Crus de Pelos.

Publicado en Contos e Lendas | Etiquetado , | Deja un comentario

Capela da Nosa Señora das Angustias

p/Xocas Figueiras

Picture23A Capela da Nosa Señora das Angustias formaba parte, nun principio, da antiga parroquial de San Pedro. Pero a igrexa foi desfeita para ampliar o cemiterio, sobrevivindo só a Capela Maior e o que era a sancristía, de menor altura. Componse dunha bóveda de cantaría que descansa sobre dous corpos compostos de columnas e arcos labrados. Ao seu fronte álzase un altar e a ambos lados sepulturas baixo senllos brasóns de forma ovalada compostos de dous cuarteis iguais (o superior corresponde aos Giances de Caamaño e o inferior aos Patiños). Os seus muros están feitos de cantaría e na fachada, sobre a porta, ábrese unha xanela cadrada sobre a que descansa un brasón partido en catro cuarteis: o superior esquerdo son as armas dos Romero, catro aspas de bordóns de ouro tendo no medio seis orellas; o seguinte son as armas dos Caamaño, unha árbore rodeada de dez lanzas; o inferior esquerdo o brazo e o puñal roto, armas dos Carballido; e o último un pato nadando armas do Patiño. O conxunto atópase coroado por unha pequena espadana e un teito a tres augas, de uralita.

Picture24A Capela foi construída no ano 1665, cuxa data vese gravada na bóveda, reformada no ano 1878 pola viúva de don Fernando María de Carantoña e no ano 1914 por Ramón de Artaza como lexítimo herdeiro. Fundación e propiedade dos esposos D. Domingo A. Giance de Caamaño, Rexedor perpetuo e Procurador Xeral da Vila e a súa esposa Dª María Patiño Oanes de Figueiras e despois da súa morte a súa filla Dª Aldonza Giance de Caamaño e Patiño, quen xunto co seu marido fundan Maiorazco na Capela xunto ca obriga de alumear diariamente con aceite a lámpada que colgaba diante da Nosa Señora das Angustias. Ten privilexio pontificio de Altar de Alma Perpetuo e varias indulxencias dun cardeal compostelán e do Nuncio.

Serviu como sepultura de diversas persoas ilustres da Vila. Así, ao lado dereito do altar descansan: D. Domingo Giance de Caamaño e da súa esposa Dª María Patiño Oanes de Figueiras Corposanto e Guemez e as da súa filla Aldonza; as de D. Ramón de Artaza Giance de Caamaño e da súa muller Dª María Malvarez de Gomez de Reloba e as de seu fillo Armindo; as de D. Manuel de Artaza e as da ilustrísima Sra. Dª María Elices Gasset de Artaza; e no lado esquerdo as de D. Fernando Carantoña Ubach Giance de Caamaño, Conde de Medina de Contreras e vizconde de Peña Parda de Flórez.

Publicado en Arte e Cultura | Etiquetado , | Deja un comentario

A estancia do señor Requeté no hospital

p/Marcelino García Lariño

Picture21O señor Requeté era dunha vila que aínda existe, disque moi bonita, pero na que as autoridades tantos locais como provinciais e aínda hai quen di que tamén as estatais, non permiten nin consenten edificar ni amañar as poucas casas que, por mor deles, aínda quedan.
Argumentan as autoridades que, por ser tan bonita esta vila (que efectivamente é moi bonita porque así o quixo Deus Noso Señor, e non eles) non se pode facer nada, por ser un xoia, ¡maldita xoia!, de interese artístico e histórico.Picture22
Compre tamén dicir que unha inmensa maioría das casa desta vila tan fermosa (que o é, deso non hai dúbida) véñanse abaixo. E tamén os monumentos que hai, igrexas, capelas e mosteiros, sofren o deterioro do paso do tempo sen que as autoridades, Concello, Patrimonio Artístico, Histórico, Deputacións e un longo etcétera de similares, nin os arranxan nin, aínda o que é peor, os deixan arranxar. A alguén déixanlle, pero, xa se sabe: os deles ou ós que eles queiran, as máis das veces –polo que di a xente do mundo– mediante medios inconfesables.
Na vila onde naceu e aínda vive e oxalá o faga por moito tempo o señor Requeté, só hai ruínas e despoboado. Só quedan vellos; a xente nova, como é de supoñer, liscase para Canarias ou para onde atopen traballo. Iso en canto ó humano. En canto ó Histórico-Artístico, que é o que ó parecer, máis lle interesa ós que mandan riba de nós, declarárona monumento despois de derrubar, na década dos cincuenta, o precioso castelo, testemuña de tantas e heroicas batallas, que aínda en bo estado se conservaba, e abater a Torre do reloxo do vetusto concello, chamado Consistorio, que formaba parte das antigas murallas que cercaban a vila.
Disque, din o eles, os que mandan por riba de nós, que hai que conservar a vila así para distracción e encanto dos turistas. E dicir: para ensinarlle, en pleno século XXI, a reserva onde vivímo-los indios.
O señor Requeté, home bo e formal onde os haxa, tivo a desgraza de sufrir un infarto de miocardio. E ingresou, moi maliño, en coronarias, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela. Xa levaba o señor Requeté alí uns días internado, xa estaba algo melloriño, e tamén estaba na mesma dependencia outro doente ó que non se lle movía o ventre xa había días e tiña un dolor insoportable. O vello que sufría o entullo, o pobriño, levaba día e noite gritando:
–¡Non podo obrar! ¡non podo obrar!.
E o señor Requeté, que xa estaba canso de oílo e tamén quería descansar, contestoulle tamén berrando para animalo.
–¡Tampouco en Muros. Non deixa o alcalde!

Publicado en Contos e Lendas | Etiquetado , | Deja un comentario