O Cruceiro de Santa Rosa

p/ Xocas Figueiras.

Tipo de ben: Cruceiro, Concello: Muros Parroquia: Muros (San Pedro) Lugar: Muros, Praza de Santa Rosa Outra denominación do ben: Cruceiro da praza do Cristo Cronoloxía: Século XIX, Descrición:

No centro da praza de Santa Rosa, ou do Cristo, atópase este cruceiro de gran fuste e fermosura.Imagen3 A base, do chamado estilo toscano, aséntase sobre catro gradas (a inferior desapareceu debido ao enlousado novo da praza), o fuste de gran altitude comeza sendo cuadrangular para rematar oitavado dando paso a un capitel de forma cadrada decorada con motivos vexetais e anxos. A cruz de brazos cilíndricos sostén a un Cristo despegado da Cruz, como morto e suxeitado só polos cravos, e na parte traseiraImagen4 vese unha imaxe das Dores sostida por unha mensuliña. Sabemos que pertence ao ano 1789 e tamén nos informa Ramón de Artaza que para o enlousado primeiro da praza foron empregadas as lousas da antiga parroquial de San Pedro sendo visibles, segundo el, varias con signos que ben poderían pertencer o Gremio de Mareantes da Vila.

Propiedade: Pública Uso actual: Outros Categoría do Ben: Catalogado (Catálogo da Xunta e dos PXOM) Referencias bibliográficas:

Artaza Malvárez, Ramón. Recuerdos de la Muy Leal, Muy Noble y Muy Humanitaria Villa de Muros. Imprime el Eco De Santiago, 1908. 2ª edición.

Publicado en Arte e Cultura | Etiquetado , , | Deja un comentario

Por qué e bo estudiar música ????

p/Esmu-Carnota

Unha vida sen música é coma un día sin luz. Tanto o teu corpo como a túa mente sinten que falla algo. O motivo é que escoitar música pode aportar beneficios que teñen que ver coa calma, a concentración e a supresión da dor.Imagen5

Aínda que existen moitísimos beneficios que reporta escoitar música con frecuencia, imos resaltar os cinco primordiais:

Axuda a aliviar a dor. Un estudio feito desvelou que os doentes de fibromialxia que escoitaban música por dez minutos, dende a clásica ata o pop ou o rock, pero sempre por debaixo dos 120 beats, aliviaban a súa dor e melloraban a súa mobilidade.

Axuda a concentrarse. Se estás preparando unha presentación, igual che convén escoitar a Vivaldi ou a Bach, pois segundo un estudio realizado pola Universidade de Stanford en 2007, escoitar música barroca axuda a memorizar mellor e ser máis agudos nas presentacións en público.

Eleva o rendimento físico. Facer exercicios escoitando música, eleva o rendimento, axuda a que os intervalos de alta intesidade das clases do ximnasio sexan máis levadeiros. Probe a pedirlle ao seu mestre que quite a música e verá coma cinco minutos poden ser eternos.

Levanta o ánimo. A música é unha salvadora para o espíritu cando chegan os días grises e fríos do noso longo inverno. A música intervén na liberación de dopamina, unha sustancia que se segrega no cerebro e eleva a sensación de benestar e felicidade. Dúas pezas fundamentais con este efecto son o “Claro de Luna” de Debussy e o 4º movimiento da “Sinfonía del nuevo mundo”.

Calma. Despois dun duro día, escoitar música axuda incluso a conducir mellor. Tal é a súa capacidade de relaxación que os investigadores encontraron que a música con moitos beats por minuto, fai que a xente sexa máis feliz, pero para calmarse e mellorar a concentración e as habiliadades de conducción, funciona mellor unha música máis suave.

Publicado en Educación | Etiquetado , , | Deja un comentario

Ofrenda a Nosa Señora do Carme

p/Manuel Martínez Caamaño

Neste mes de Xullo celébramos en Muros as festas na honra da Nosa Señora do Carme. Festividade especialmente vivida e sentida por todos os que dedicamos as nosas vidas aos traballos no mar.
Picture37Fai dous anos recaeu sobre a miña persoa a honra e a responsabilidade de exercer de oferente, no nome do colectivo mariñeiro muradán, a Nosa Señora dos Navegantes na misa solemne do seu día.
Aseméllame que non podía pasar por alto este número de THE MUROS TIMES tan salientable festividade para todos os pescos e aproveito para volver a lembrar aquelas sentidas verbas que un día escribín na honra da nosa “Pendanguiña”

Ofrenda a Nosa Señora do Carme
Santísima Virxe do Carme, Patroa dos navegantes, Nai do Noso Señor e Nai nosa : quero comezar estas verbas pedindo a Vosa indulxencia se nalgún momento a emoción atenaza as miñas palabras; porque estas son verbas que non xurden tan só da miña boca nin da miña consciencia, senón que son anaquiños do meu corazón e do meu máis íntimo sentir
Nosa Señora do Carme, axeonllado e humilde preséntome ante Vós coa grande carga as miñas costas de ter que representar no día de hoxe ás xentes do mar, a túa xente.
Seino, querida Nai, os homes do mar non nos significamos especialmente nas nosas mostras públicas de fervor relixioso; pero tamén sei que se nos abrisen o peito, aló, moi preto do corazón, atoparíase en todos e cada un de nós unha imaxe túa, Nosa Señora;
por que é aí onte te levamos, é aí onde te sentimos e é aí onde máis intimamente te veneramos.
E é así Amantísima Nai, por que dende moi nenos, dende que apenas tíñamos uso de razón fomos ensinados a quererte e a venerarte polos nosos maiores. Fomos levados da man ante ti para amosarnos a imaxe que representa un dos valores máis senlleiros das nosas máis arraigadas crenzas .
Gravadas no meu maxín como se vívidas imaxes fosen teño aquelas lembranzas da miña nenez daqueles vellos e curtidos homes de mar que ao teu paso polas rúas da nosa Vila descubríanse respectuosamente e como algúns deles eran incapaces de conter aquela bágoa traizoeira e rebelde que esvaraba polas súas fazulas.
Homes duros acostumados a vidas duras, pero que ante a túa vista deixaban entrever as súas emocións e o seus máis profundos sentimentos.
Tamén acude a miña memoria o momento no que a túa imaxe asomaba aos peiraos da vila e como eu, levado da man do meu pai e na ponte do “Hercules” facía soar a buguina de vapor que xunguida ás dos outros barcos do porto e á serea da vella lonxa producían un balbordo tal que na miña imaxinación de neno pensaba que se achegaba o fin de todos os tempos.
Pasados os anos, fun eu quen levou aos meus fillos ao peirao a bordo do barco no que navegaba para que fosen eles os que anunciasen aquel tan temido por min de neno, “fin do mundo”
Porque foi así Nosa Señora, con estas pequenas cousas que quizais a algún lle parezan nimiedades, como descubrimos que a devoción a Vós, que a devoción á advocación da Nai de Deus na figura da Virxe do Carme era un legado a conservar e a transmitir froito da perseveranza da nosa da nosa Igrexa , dos nosos maiores e da nosa Fe.
Eterna Señora dos navegantes: No día de hoxe que celebramos a túa aparición ante San Simón , onde lle fixestes entrega do teu escapulario, hai un acto que para min ten un significado moi especial: o canto da Salve Mariñeira na capela do barrio da vila que leva o teu nome. Ver ás xentes de Muros , grandes e pequenos, homes e mulleres congregados ao teu arredor cantando con unha única voz a Salve na túa honra é a constatación de todo o anteriormente dito; o pobo de Muros quérete e venérate como Nai e a xente do mar, como Patroa e Protectora.
E como Protectora que és nosa, quero aproveitar este momento, Virxe Santísima, para pedir que avoges ante Deus Noso Señor polas necesidades destes que somos teus fillos; porque somos humanos e temos as nosas cuítas e as nosas miserias.
Non te esquezas, Nosa Nai de todos os que padecen necesidade nestes tempos difíciles onde a falta de postos de traballo leva a moitos a pasar penurias económicas.
Infunde cordura aos que nos gobernan para que saiban levar a bo termo o destino da nosa terra.

Danos prudencia, para que saibamos respectar os nosos caladoiros as nosas rías e os nosos mares, e así como foron fonte de vida para os nosos devanceiros e para nós mesmos o poidan seguir sendo tamén para os nosos fillos.

Axúdanos aos que temos a responsabilidade de patronear os barcos das nosas distintas flotas para que sempre poidamos traer a bo porto aos compañeiros que confían as súas vidas na nosa pericia e na nosa cordura. Faino sostendo canda nós as cavillas dos nosos temóns.

Non te esquezas tampouco, Raíña do Ceo de todos os teus fillos que perderon as súas vidas no desempeño das tarefas no mar. Acada que todos poidan chegar ante a presenza do teu Divino Fillo, conforta aos seus deudos e protexe aos seus fillos.

Prégoche que atendas estas nosas súplicas e que acubilles baixo o teu protector manto a todos os homes e mulleres embarcados en calquera dos barcos que andan espallados polos mares deste mundo.
E xa para rematar quero aproveitar algunhas das estrofas desa Salve que antes mencionaba para, coa miña voz, que neste dia representa o sentir dos teus fillos que eliximos o mar como forma de vida e de traballo, honrarte , Nai de todos nós e para renovar as ofrendas de todos os que me antecederon nesta encomenda.
Salve, Estrela dos Mares: guía das nosas vidas e faro que aloumiña as nosas navegacións. Cantas veces na ponte dun barco, ao carón da túa imaxe, en momentos de dúbida ou de perigo algún de nós invocou a túa maternal protección!
Salve, Fénix de Fermosura: porque só ti, Dona do Carmelo és quen de acadar que nós , homes acostumados a soidade do mar e ás ausencias dos nosos, recobremos a esperanza tan só rememorando a túa fermosa faz.
Salve Nai do divino Amor: que nos acubillas baixo o teu manto igual que como cando éramos nenos nos refuxiabamos no colo das nosas propias nais. E igual que as veneramos a elas tamén te veneramos a ti, Raíña do Ceo.
A túa clemencia danos consolo, por que a pesares das nosas debilidades humanas sempre podemos contar coa túa misericordia.
E fervoroso chegue ao Ceo e ante ti o noso clamor…
SALVE, SALVE, SALVE !
Manuel Martínez Caamaño
Mariñeiro.
16 de Xullo de 2011

Publicado en Cousas que interesan | Etiquetado , | Deja un comentario

Entrevista a Domingo Juan Barreiros Lago.

p./Jorge Lago de Pexejo,

Picture35Hoxe teño a honra de entrevistar a Domingo Barreiros Lago, un home que pola súa notoriedade non necesita tarxeta de presentación na nosa bisbarra pero aínda así, debo compartir certas facetas que posiblemente non todos coñecen. O seu curriculum é tan extenso que ocuparía todo o espazo dispoñible para esta esta interviú, abonda dicir que este veciño de Louro, nacido en 1942, alumno da Escola de Abaixo e posteriormente do Seminario de Herbón onde cursou o bacharelato e matriculou no ano 60 por libre na Escola de Maxisterio de Santiago rematando os tres cursos da carreira no ano 61…oposiciones para a praza de Mestre Nacional no 63 e exercendo 6 cursos en Alfabetización de Adultos (Outes, Noia, Carnota e Sobrado dos Montes). Servizo militar no Sahara e mestre propietario dunha escola de nenos non Freixo e outros centros de ensino, alternándoo todo como membro por máis de 20 anos na de todos coñecida Orquestra Los Romero e para non se quedar curto foi o primeiro licenciado galego de Filoloxía Hispánica e Ciencias da Educación pola Universidade de Educación a distancia.

J.L._Como músico diletante que fun sempre, teño unha grande admiración por aqueles que souberon elevar a arte a niveis superiores dos que eu nunca puiden alcanzar e ante tan notable carreira non podo menos que sentirme atordado pola perspectiva de conducir unha entrevista con alguén que co único que teño en común é o amor pola música e ter sido monaguillo. Escasamente vainos chegar o tempo para repasar tantas e diversas actividades que exerceu ao correr dos anos, polo tanto imos concentrarnos máis no aspecto musical.
Picture36¿Cando empezou a sentir inquietude pola música Domingo, foi unha vocación dende neno ou tardía?
Domingo Barreiros Lago:_ Antes de respostarche á pregunta que me fas, convén aclarar que, aínda que fixen estudos de Ciencias da Educación na UNED, varias asignaturas, porque no tiña suficientes de Filoloxía  Hispánica para entreter o tempo, non completei esa Carreira. En Filoloxía, sí son Licenciado, si ben na miña profesión de docente só dei Música tanto no Colexio » Emilio de Navascués, coma no IES «Poeta Añón» da Serra de Outes.
Paso agora a dicirche que a miña afección pola música empezou cando estaba en segundo curso de Humanidades e tiña a opción de escoller, ademais do solfeo, que dábamos obligatoriamente, un instrumento como era o armonio ou o órgano.
Causábame admiración o feito de que un alumno que me levaba varios cursos, tamén de Louro, chamado Gumersindo Lago Lago, manexaba o que hoxe denominamos teclados dunha forma admirable. Tamén tiña un espello diante de min no condiscípulo muradano, que tamén me levaba algúns cursos, Manuel Angel Viro Caamaño, que tocaba e toca o órgano, e máis o Piano, como din que o fan os anxos…
E por aí empezou todo, da man dos PP. Leoncio Villanueva Portugal e Manuel Feijóo Souza, o fundador do Orfeón «Terra a Nosa» de Santiago, fun introducíndome nos segredos das corcheas, na armonía, e outras cousiñas relacionadas.
Sen falsa humildade, eu non me considero un músico de Conservatorio, aínda que revalidei varios dos cursos  de Piano, que estudei en Herbón, no de Santiago.
Créome máis ben un músico «autodidacta», que fun aprendendo o que poida saber de Armonía, composición, dirección coral, etc. (desta última fixen máis de dez cursillos distintos en distintos lugares de toda España, con profesores tanto nacionais coma extranxeiros) coa práctica, e analizando as partituras dos grandes maestros clásicos: Mozart, Bach, Brahms, Beethoven,,,
J.L._ Ademais do amor pola música que ten a súa raíz etimolóxica en mousa ou musa, tes outro amor que vén do grego filoloxía; amor polas palabras. ¿Cómo compartes eses dous amores?
Domingo Barreiros Lago:_ Absolutamente. De feito, no traballo diario coas corais, ademais de ensinar as melodías e o traballo de cada corda, teño que explicarlles o significado de moitas verbas e locucións e traducir textos do latín e de outras linguas extranxeiras.
J.L._ Escoitei unha das túas composicións: Himno ao Leixaprén. A min intrigoume a repetición do tema musical e deume a sensación de estar a escoitar música de séculos atrás.  ¿Podes elucidar un pouco sobre o estilo e o porqué desa peza?
Domingo Barreiros Lago:_ O himno ao Leixaprén foi composto arredor do ano 2.009 para un acto que se fixo no Instituto «Poeta Añón» de Outes, no que participaban uns oito ou nove Institutos da comarca. A palabra Leixaprén ven dunha composición antiga da lírica  galego-portuguesa nos tempos medievais, na que se ía tomando o último verso dunha estrofa para iniciar o primeiro da seguinte. A música que lle puxen foi tamén de inspiración ou a xeito de música deses tempos. Supoño que a gravación a encontrarías na páxina de IES «Poeta Añón». A composición está editada en papel nun libriño que se fixera ao efecto por ese tempo.
J.L._ Explicada a procedencia, non cabe dúbida de que quen escoite o teu Himno a Leixaprén, verá en efecto plasmado o estilo poético de tomar o último verso para iniciar o seguinte. Tamén logra un certo efecto de facer sentir que un navega en augas calmas.
Eu sei de boas fontes que ser director dun coro é farto difícil, conducir varios, ten que ser un traballo monumental non só no aspecto loxístico se non no didáctico. ¿Como chas arranxas?
Domingo Barreiros Lago:_    No que respecta á parte loxística do meu traballo, ensaio 2 veces por semana con cada grupo: o luns co Orfeón de Muros e coa Coral «Agustín González» de Louro; o martes coas do Clube de Xubilados de Porto do Son, Liceo de Noia e «Francisco Añón» de Outes; o mércores con «Don Diego de Muros» e «San Xoán de Serres; o xoves co co Orfeón «Ría de Muros» , coa do Freixo e coa de Louro; o venres repito as corais do martes e o sábado as do mércores. Algúns, sábados, cando podo, tamén traballo cunha coral de nenos/as en O Freixo (Outes), que se chama Coral Xuvenil «Solpor».
O meu horario de traballo é polas tardes, para adaptarme ao tempo libre dos coralistas e empezo uns días ás seis ou sete da tarde, rematando ás 10, e outros, ás sete, terminando ás once e media da noite, non podendo regresar á casa ata as doce da noite.
No aspecto didáctico- ten en conta que o ensino era a miña profesión- teño que adaptarme ás condicións de idade e coñecementos de persoas, que non saben, nin len música (moita repetición e incidir sobre os defectos de oído, etc., porque se deixas que no principio collan algo mal, despois é moi difícil rectificar).
J.L._ É posible que a voz humana fose o primeiro instrumento musical e a música é un ruído organizado, pero pola súa propia natureza non é o máis doado de controlar. Como director, ¿Que é o máis difícil de conducir unha coral?
Domingo Barreiros Lago:_     Estás no certo, cando afirmas que a voz e o primeiro instrumento musical, falando cronolóxicamente, e que non é doado de controlar á perfección, pero hai que facelo a base de educación do oído e de técnicas vocais de emisión, respiración e outros truquiños…, dependendo tamén da perfección que queiras lograr.     Para min o máis difícil do traballo de dirección coral e o conseguir que a xente che atenda ao que lles dis, ou ao que pretendes ensinar.
Cada vez noto máis a falta de concentración no persoal que teño diante, e esto non é nun grupo en concreto, senón que é en todos.
J.L._Explicada a parte loxística, o que non vou facer é preguntarte, cómo demos fas para levar a cabo tan monumental traballo considerando como dis que moitos non teñen coñecementos musicais previos. A resposta obvia é ser consecuente, concienzudo e sobretodo moi dedicado a algo que cres plenamente e a recompensa é ver o froito do esforzo realizado. Tamén está a cuestión económica que non podemos deixar pasar por alto, os gastos de transporte, comidas, posta en escena, etc., teñen que ser significativos. ¿De qué xeito vos subvencionades?
Domingo Barreiros Lago:_ A resposta á primeira pregunta, de cómo fago para ensinarlles ou aprenderlles as cancións, se non saben música. En algunhas das corais hai alguna persoa que ten certas nocións musicais, pero non suficientes para interpretar de por sí sós una partitura. Así que a técnica é coller una frase musical curta e repetírllela tres veces. Despois repítena eles outras tres e así imos debullando o traballo. Unimos as frases, etc.
No que atinxe á parte económica, cada coral dáme una cantidade mensual de 200 €. E con ela teño que arreglarme para facerlle uns 9 ou 10 ensaios ao mes. Se teño alguna actuación, por esa viaxe ou polo traballo non percibo nada. Desde Louro, onde vivo, ata o Son (a coral máis alonxada hai uns 55 quilómetros  de ida e outros tantos de volta e o gasoil hai que págalo . Eu calculo que a 3ª parte de que cobro vai para gastos de coche. Outra 3ª parte lévama a Facenda na declaración de renta e quédame para o meu traballo o resto. Como ves, estou millonario… Hai una coral que me paga algo máis, pero tamén lle poño 3 horas semanas de ensaio en lugar de dúas. Outras dúas corais danme una 250 € e outra 230 €, Para comida e outros gastos non hai ningún presuposto. Cadaquén come na súa casa… A algunas corais aínda por enriba lles fago gratis as fotocopias das partituras. E teño que pagalas eu. Un choio!
As corais teñen alguna axuda (tiñan) dos Concellos, da Deputación, etc., pero coa crise a cousa foi a menos.
De onde poden sacar cartos é de algunha misa, funeral, voda…
J.L._ Vendo a enorme responsabilidade que pesa nos teus ombros, a gran dedicación e esforzo persoal que require facer o que ti fas ¿Contas cunha colaboración axeitada doutras persoas que poidan se é necesario ocupar o teu sitio aínda que só sexa momentáneamente?
Domingo Barreiros Lago:_ Hai veces que cando me coinciden dúas actuacións de dúas corais no mesmo día e hora, teño un amigo (un profesor uruguaio, afincado en Noia, que me sustitúe, pero por regra xeral non hai quen me faga o meu traballo. Teño una filla que me sustituía ás veces, pero o seu traballo profesional no ensino lle impide falo meu ou ocupar o meu lugar.
Cando era de ir cantar ao Festival de Vilancicos de Caixanova en Vigo ou na Coruña, entón preparaba a algún coralista adiantado, que me dirixira as tres cancións  que levaba cada grupo.
J.L._ ¿Os teus coros cantan sempre a capela ou son acompañados ás veces de instrumentos musicais, xa sexa órgano ou orquestra?
Domingo Barreiros Lago:_ Normalmente os coros cantan «a capella», pero ás veces (raramente) acompáñoos eu cun órgano ou chamo a outra persoa.
J.L._ Non cabe dúbida de que nos nosos pobos hai un resurximento cultural palpable. A proba está na cantidade de coros que ensaias. Segundo a túa opinión, ¿A qué se debe tal popularidade e diversidade de grupos corais hoxe en día?
Domingo Barreiros Lago:_ A razón pola que hai tantas corais na zona é por que á xente lle gusta cantar e tamén por envexa, xa que se na parroquia veciña teñen una coral, nós non imos ser menos… A rivalidade tamén fai que o mundo progrese.
J.L._ ¿Como ves o futuro da cultura popular galega?
Domingo Barreiros Lago:_ O futuro da cultura popular galega é cada vez máis boiante. Hai máis medios; máis xente preparada para ensinar; máis facilidade nas radios e na televisión e tamén en directo, para aprenderen uns de outros, etc. Sobre todo en grupos folklóricos.
J.L._ Como persoa que empezou os seus anos de formación na Escola de Abaixo de Louro, pasando por Herbón ese berce de tantos talentos, maxisterio, filoloxía hispánica e outros etcéteras ¿Qué recomendación, consello ou suxestión lle darías á xuventude de hoxe?
Domingo Barreiros Lago:_  Aínda que aos vellos, coma min, nos gusta sempre estar dando consellos, aínda que non nos fagan caso, a min non me gusta dalos, pero diríalle á xente nova que se interese pola música (vocal instrumental ou folklórica), que procuren aprender de quen sabe máis ca eles; que vexan o traballo dos demais, xa que de todo o mundo podemos aprender algo: dos mellores que nós, porque nos deixan coa boca aberta e dos iguais ou de inferior categoría musical, porque tamén dos erros dos outros se aprende, para non cometelos nós.
J.L._ Domingo, ti tiveches unha longa participación na orquestra Los Romero, cóntanos algo da túa traxectoria no grupo.
Domingo Barreiros Lago:_ Aló polo ano 1963, nunha reestructuración, que fixeron, (antes era una orquestra) precisaban un vocalista (cantante) e buscaron a un irmán meu. Querían que ademáis lles tocara o contrabaixo. Como el non se daba arranxado para facer as dúas cousas á vez, chamáronme a min para facer o baixo eléctrico.
E ahí empezou todo. Despois veu a moda das guitarras eléctricas e paseime a ela. Máis tarde, ao marchar para os USA o que facía de organista (Eleuterio, un «chaval» de Louro, que por certo xa morreu) ocupeime eu dos teclados.
En principio, e durante varios anos a formación foi de sete músicos: trompeta, saxo, baixo, guitarra, batería,  órgano e cantante. Máis tarde quedamos seis e finalmente 5, cando se disolveu o grupo, uns vinte e pico de anos máis tarde.
J.L._ Pois si, o grupo Los Romero foi unha parte inesquecible da xuventude dos da miña andaina e mesmo posteriormente, pero a pesar de que todo o bo tamén ten o seu fin, certas cousas son imperecedoiras. As corais seguen unha traxectoria milenaria e parece que o seu futuro está asegurado. Xa sexa en unísono ou en clave polifónica, dende Sudáfrica ata as planicies das nacións indo-americanas, os seres humanos senten unha especial predisposición para cantar xuntos. Para render culto, ou para cultivarse, para expoñer queixas, para arrullar os recén nacidos ou para que nos despedan deste mundo.
Aínda sentíndoo moito, non me queda outro remedio que dar por concluída esta entrevista. Grazas Domingo pola túa paciencia e pola tua acollida e tamén pola sinceridade e ilustración das túas respostas.
Conclúo a entrevista co cuestionario co que sempre remataba o gran xornalista Bernard Pivot:
J.L_ ¿Cal é a túa palabra favorita?
Domingo:_ nai/pai
J.L._ ¿Cal é a menos favorita?
Domingo:_ Abuso (a persoas ou animais)
J.L._ ¿Que che fai emocionar?
Domingo:_ Amor de país a fillos (tanto en persoas como en animais)
J.L._ ¿Que son ou ruído gústache?
Domingo:_ O do mar/ou a auga
J.L._ ¿Que son ou ruído detestas?
Domingo:_ Chirrido dunha máquina /(rebarbadora)
J.L._ ¿Cal é a túa imprecación favorita?
Domingo:_ ma cagho nos ghatos
J.L._ ¿Qué profesión ademais da que exerces che gustaría facer?
Domingo:_ Labrador ou gandeiro
J.L._ ¿Qué profesión rexeitarías facer?
Domingo:_ Carniceiro
J.L._ Se o ceo existe, ¿Qué te gustaría oír que che dixese Deus cando chegases ás portas celestiais?
Domingo:_ Mira quen ben ahí, tiña ganas de verche!

Publicado en Entrevistas | Etiquetado , | Deja un comentario

…E moi humanitaria Vila de Muros

p/Francisco Abeijón Núñez
O título de “moi humanitaria” engadíuselle en 1906 aos de “moi noble” e “moi leal” que xa rezaban no escudo da Vila de Muros. Imos debullar algúns aspectos desta distinción que aínda que xa foron publicados se cadra non son o suficientemente coñecidos.
O título de ”moi humanitaria” recibiríase polo labor que desempeñaron os veciños de Muros no salvamento do buque “Cardenal Cisneros” que en 1905 naufragou sen víctimas ao tocar os baixos dos Meixidos.
Picture32A Gaceta de Madrid do 9 de outubro de 1906 publicaba un decreto que rezaba: “A S.M. el Rey (q.D.g) dignouse expedir por este ministerio real decreto seguinte.= Querendo dar unha proba do meu real aprecio á vila de Muros, provincia de Coruña, e tendo en conta os seus leais e heróicos antecedentes, así como a súa constante adhesión á monarquía constitucional, veño de concederlle os títulos de Moi Nobre, Moi Leal e Moi Humanitaria.= Dado en San Ildefonso a a vintenove de setembro de mil novecentos seis.=Alfonso.=O Ministro da Gobernación. Bernabé Dávila”.
O concello de Muros na sesión plenaria do 14 de outubro de 1906 acordou empregar no futuro o título de “moi nobre, moi leal e moi humanitaria” no distintivo municipal para acadar así a súa perpetuación. Esta sesión remataría co recibimento dunha fotografía do Rei asinada polo monarca e dunha medalla para o señor Alcalde.Picture33
Según explica o estudioso en asuntos militares D. Alejandro Anca Armadillo na súa obra “El crucero acorazado cardenal cisneros” Barlovento (2004) tratábase dun barco de 106 metros de eslora e 7500 toneladas de desprazamento, con seis caldeiras de vapor que lle permitían acadar os 18 nós de velocidade e con unha dotación de 550 tripulantes. Fora construído no arsenal de Ferrol por un importe aproximado de quince millóns de pesetas. Era idéntico aos “Princesa de Asturias” e “Cataluña” botados nos estaleiros de La Carraca (Cádiz) e Cartagena respectivamente. Estes barcos fixéranse coa intención de constituíren o máis claro expoñente dun hipotético rexurdimento da mariña española logo dos desastres de Santiago de Cuba e de Cavite. Tratábase dun barco novo que entrara en servicio en 1902 pero con un deseño e artillería xa desfasados posto que a súa construcción proxectouse ao abeiro dunha Real Orde de 1888.
O “Cardenal Cisneros” zarpou de Muros con destino a Ferrol o 28 de outubro de 1905 nunhas condicións meteorolóxicas inmellorables, con tempo claro e co mar como un prato. O resto da escuadra estaba composta polo “Princesa de Asturias”, o “Rio de la Plata” e o “Extremadura” que tomaron rumbo á cidade de Vigo.
Picture34Contan os cronistas, Jaime Solá director do Heraldo de Galicia, e os muradáns Luís Malvárez para “La Voz de Galicia” e “Noticiero”, así como o escritor Artaza y Malvárez, que o “Cardenal Cisneros” navegaba a 10 nós de velocidade cando contra as nove da mañán unha laxa dos Meixidos desgarroulle a obra viva de xeito que sería imposible conter a inundación. O comandante ordenou abandonar o buque aos 544 tripulantes que ían a bordo. Evacuación que se fixo durante os tres cuartos de hora que aínda estivo a flote. Participaron no salvamento o vapor “Argonauta”, o balandro “Méndez Núñez” e moitas lanchas de pesca do xeito. Lémbranse ás crónicas especialmente das patroneadas polos muradáns Manuel Porrúa e Ricardo Caamaño.
Nunca aparecería a fatídica agulla non sinalada nas cartas coa que bateu o “Cardenal Cisneros” a pesar do exhaustivo recoñecemento que farían na zona os buques “Urania” da Comisión Hidrográfica e o cañoneiro “Marqués de la Victoria”. Esta pedra non sinalada nos mapas sería a versión dos protagonistas dos feitos exposta nas dilixencias sumariais practicadas ao efecto no salón de actos do concello de Muros, presididas polo xeneral Santaló e nas que participou como secretario o xefe de estado maior D. Manuel Dueñas.
O resultado do actuado nesta comisión sería publicado en suplementos especiais nos xornais:“…Que o sábado último ás cinco da madrugada saiu o Cardenal Cisneros da ría de Muros, a un andar de dez millas. Que sendo as sete cincuenta o acorazado, libre xa dos baixos de Bruyos arrumbou para pasar a dúas millas e media dos Meixidos. As oito viuse romper o mar pola aleta de estribor sobre ditos baixos. Entón sentíndose a bordo do buque unha tremenda trepidación. A máquina parou inmediatamente. (…) Practicado con rapidez un recoñecemento, puido apreciarse unha enorme vía de auga. (…) O Cisneros comenzou a afundirse con lentitude pola proa. Cando chegou ao seu último tercio, o buque tomou a súa posición vertical, poñendo ao aire hélices e quilla. Despoios prodúxose un espantoso remuíño. Logo advertiuse unha columna ou tromba de auga seguida dunha explosión semellante a dun torpedo. Despois afundiuse por completo. Pénsase que ao afundirse reventou o casco.”
Para os xeiteiros testemuñas do incidente o “Cardenal Cisneros” afundiuse logo de chocar cos baixos de Meixidos ben coñecidos polos navegantes. Os mariñeiros tamén contaron aos xornalistas como cando eles estaban faenando o viron asomar o barco por Monte Louro e xa comprenderon que levaba moi mal rumbo:“…o barco viña perderse sen remedio, nós comprendiámolo e non podíamos evitalo. Primeiro pasou por unhas pedras chamadas Ximiela e que non está nas cartas españolas pero si nas inglesas e tivo a fortuna de non estrelarse. Pero despois arrumbou máis a terra. Xa antes pasara por dentro duns baixos. Nós comprendíamos que a bordo non se decataban do perigo. Como vían romper a laxe grande do Meixido críanse libres das pedras, e nós gritábamos con todas as nosas forzas, ata quedar roucos, e facíamos sinais cos panos. Éramos moitos barcos a dicirlles que se separasen. Pero de abordo pensaban que aquelas voces e aquelas sinais eran a despedida á escuadra que viñan de pasar algúns días en Muros (…) Dígolle a vostede que saltábamos sobre as lanchas. Algúns chorábamos. O Cisneros íase sobre as pedras e nós víamos que ía a perderse”.
O Comandante do Cardenal Cisneros era o Capitán de Navío don Manuel Díaz Iglesias nacido en Cádiz en 1848, que servira meritoriamente en Filipinas e como segundo no “Reina Cristina”. Faltáballe tan solo un mes de mando para estar en condicións de obter un ascenso. Sen embargo a súa carreira profesional quedaría para sempre truncada logo deste naufraxio.
As crónicas publicadas relatan como a tripulación presenciou dende os botes de salvamento o afundimento do “Cardenal Cisneros”. O barco en dez minuots sumerxiuse primeiro de proa, levantando despois a popa e afundiuse por completo sobre a banda de babor. A chegada da tripulación ao muelle de Muros prodúxose hora e media despois da perda do buque. O alcalde –Sr.Louro-, un vello mariño mercante- arengou aos veciños para que acollesen nas súas casas aos náufragos. O Sr. Díaz Iglesias aloxouse na casa do Sr. Siaba, posto que según o xornalista Jaime Solá a muller do comandante regresando dun paseo fora sorprendida pola chuvia e tivera que acollerse no fogar dos señores Siaba. Recibira alí tantas atencións que ao voltar a Muros non quixo ir a outro sitio. O resto dos mandos aloxáronsee na casa do señor Manuel Riveiro e na do propio Alcalde.
Despois arribarían a Muros os cruceiros “Extremadura” e “Rio de la Plata”, os canoneiros “Marqués de la Victoria”, “Marqués de Molíns” e “Vasco Núñez de Balboa”. Os tripulantes do Cisneros foron distribuídos en todos os barcos da escuadra. Ata o día 30 de outubro estiveron os náufragos en Muros. De volta rumbo para Ferrol ao atoparse o “Rio de la Plata” –barco no que ía o Comandante do Cisneros- fronte aos baixos Meixidos no lugar aproximado da catástrofe formáronse sobre a cuberta as dotacións dos buques e deuse lectura ao telegrama que o ministro de defensa dirixiu ao comandante xeral da división participándolle a satisfación que ao Rei lle causou o notable salvamento levado a cabo. O telegrama leído polo propio señor Díaz Iglesias, decía así: “Ministro da Mariña a Capitan xeral do Departamento. Elevo a S.M. os nobres sentimentos que expresa telegrama de V.E. encargándolle transmita unha vez máis a testemuña de gratitude do Rei e da Patria para o seus subordinados cuia exemplar disciplina que admira e ensalza propios e extraños, evitou a terrible traxedia que sería para España esta desgracia irreparable.”

Publicado en Historia | Etiquetado , | Deja un comentario